23/12/14

1223. Xoguetes (confusos)


Aló polo 1892, en Alemaña, alguén comercializou un xogo chamado Stern-Halma (Halma estrelado, literalmente). Este xogo era unha variante doutro inventado unha década antes nos EE.UU., o Halma, que á súa vez procedía do Hoppity inglés, e que en caso de seguir buscando seguro que poderiamos continuar a cadea para atrás ata extremos insospeitados.

En 1928, e como parte dunha campaña comercial, o xogo empezou a venderse co exótico nome de damas chinesas, tendo como dato curioso que na China foi introducido anos despois polos xaponeses.

Case un século despois, no actual 2014, o xogo formaba parte dunha pequena exposición-obradoiro que estaba na biblioteca do Instituto de Suso como actividade previa ás vacacións de Nadal. E como toda cousa que se precie nun instituto, era susceptible de sufrir desperfectos e/ou vandalismo. Neste caso, consistente no roubo de unha cantidade considerable das boliñas que se utilizan como fichas do xogo. O autor da trasnada foi rapidamente descuberto grazas ás eficientes pesquisas do xefe de estudos (autobombo, por que non?)... e tamén a sonsacar a un par de alumnos que habitualmente están metidos en todo o que pasa no centro.

Coincidindo no tempo, tivemos as avaliacións. Nestas xuntanzas do profesorado, das que os alumnos opinan que son para falar mal deles, e os profesores dicimos que son para facer unha posta en común da marcha dos alumnos no curso e tratar de buscar como mellorar o proceso (agora escollede a versión que máis vos guste), como ía dicindo, nestas xuntanzas poden contarse detalles como o anterior das damas chinesas para ilustrar o estado de dispersión no que o alumno está submerxido e que pode ameazar o seu futuro académico.

O caso foi que, como xefe de estudos, informei ós profesores do túzaro en cuestión do roubo das bólas do xogo, aparte da sanción que o tema levaba consigo. O problema foi que, despois de varios días de papeleo intenso, exames, etc., a lucidez non era a que debería e ante as preguntas de algúns profesores informei, tratando de abreviar (?), nos seguintes termos:

"O que pasou foi que **** levou da biblioteca unhas bólas chinesas"

Así que, a partir de aquí, lembrarvos que pensedes dúas veces antes de abrir a boca cando esteades cansos. E por se só pensades no único, lembrade non confundir bólas chinesas (保定健身球, bǎodìngjiànshēnqiú) con bólas chinesas (阴道球, yīndàoqiú), que vai ti a saber que pensan algúns que temos na biblioteca... e que pensan que debo de ter eu na cabeza.

Recomendación:

Aparte de recomendarvos que xoguedes coas damas chinesas... ou con calquera outro dos xoguetes citados, alá cada un co que fagades nos vosos ratos libres, presentarvos a unha das primeiras bandas chinesas de heavy metal, en chinés, por suposto. "太阳" (O sol), dos 唐朝乐队 (Dinastía Tang). Con subtítulos, que non se diga que non se entende.