Mostrando entradas con la etiqueta baloncesto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta baloncesto. Mostrar todas las entradas

1/10/10

557. Volta a empezar


Hoxe é un día importante, empeza a temporada 2010-11 do C.B. Breogán, o que, traducido a nivel práctico, significa que comezan meses de sufrimento animando ó equipo, vendo como as nosas esperanzas se esvaecen nas mans como grans de area, aínda que de vez en cando o equipo nos faga soñar, e por suposto, despertar do soño co tradicional batacazo.

Como dato curioso, este ano teño o carné de socio número pi, como ben se pode apreciar na imaxe, no número de socio. Así que a casualidade matemática servirá para facer acompañado este duro camiño, no cal espero que o equipo se empeñe en deixarme quedar mal e facer algo positivo, e se non, para botar unhas risas a conta da coincidencia.

(proba do delito matemático)

Polo tanto, só queda por dicir:Forza Breo!

Recomendación:

Como a temporada promete ser longa, e segundo o equipo nos vaia agasallando coas previsibles derrotas en momentos de ilusión máxima, bastante dura, para distraerse deixo aquí a recomendación da triloxía de novelas do desaparecido Francisco Casavella agrupadas baixo o título de "El día del Watusi". A unhas cinco páxinas diarias dá de sobra para cubrir a temporada completa e seguir a vida de Fernando Atienza desde a súa adolescencia, co punto de partida no 15 de agosto de 1971 en Barcelona. E de paso, continuar a serie de recomendacións deste blog iniciada no verán de novelas-ladrillo de cerca de 1000 páxinas, case 1200 neste caso.


26/6/10

389. O fin do home interminable


Como poderedes apreciar na foto (obsérvese o grosor das pernas) con Tyrone Bogues (1'60 m), Manute Bol era interminable, pero deixounos a pasada fin de semana despois duns últimos tempos bastante tristes, arruinado, sufrindo varias enfermidades, e cunha situación persoal bastante delicada que incluía un divorcio complicado.

Este membro da tribo sudanesa dos dinka, de 2'31 m de alto, era extraordinario, pero non tanto nunha familia con varios membros superando os dous metros de altura. A chegada de Manute a Estados Unidos veu dada, como non podía ser doutra maneira, grazas ó baloncesto. Resulta que un primo del estudaba en Estados Unidos e lle comentou a alguén do mundo do basket da súa existencia. Atraido ante tal portento, a viaxe a Sudán foi inmediata e o resultado foi a viaxe de Manute rumbo a un instituto norteamericano e a súa elección no draft da NBA para os en aquel momento Washington Bullets (despois cambiaron o nome a Wizards por cuestións de corrección política).

Empezou a xogar a baloncesto ós dezaoito anos e cóntase que a primeira vez que intentou un mate deu cos dentes no aro da canastra, deixando parte deles en tal aventura, e seguindo sen eles ate os 25 anos. A súa coordinación era escasa, pero a súa estatura intimidaba, non tanto o seu peso, de uns 80 kg (lembremos que medía 2'31 m), o que fixo que durante a pretemporada o equipo o sometera a unha estricta dieta de engorde a base de pizza! coa fin de gañar unha certa consistencia corporal, que, aparte de aumentar a súa capacidade defensiva, tamén lle serviría para evitar posibles lesións no contacto cos pivots dos equipos contrarios. (Como curiosidade, a foto ilustra a coincidencia no mesmo equipo dos homes máis alto e máis baixo da liga na temporada 1987-88)

Na súa primeira temporada na NBA, superou a mellor marca de tapóns dun novato, aínda que con escaso poder anotador. Ademais do seu físico, o seu carácter extravertido fixo que os contratos publicitarios empezaran a chegar e foi facendo unha fortuna durante os anos que estivo na NBA, ata 1995. Por desgraza, esta fortuna desapareceu rapidamente, debido ós seus hábitos de grande xenerosidade, e para que ocultalo, malas inversións e despilfarro en luxos innecesarios, mansións, coches, e donativos a organizacións tan dubidosas como o Exército de Liberación do Pobo de Sudán. A súa carreira deportiva rematou tras xogar en lugares tan exóticos para o baloncesto como Uganda e Qatar.

A estrela de Bol empezou a declinar, e padecendo artrite sen poder pagar os tratamentos apropiados, a súa muller abandonouno cos seus catro fillos, tendo que vender as súas casas en Exipto e Sudán, e a de Estados Unidos embargada. Mentres tanto, vivía nos suburbios da capital sudanesa, Khartún, onde estaba poñendo en pé (ou algo así) unha nova vida con dúas esposas, un fillo e outros catorce parentes. Para rematar o infortunio, en 2004, tivo un accidente de tráfico batendo con outro coche, no que o outro condutor morreu e el tivo lesións no pescozo, así como a fractura dun brazo e unha perna. Os coidados da rehabilitación eran demasiado caros e foron os seus ex-compañeiros dos Golden State Warriors, Chris Mullin, Mitch Richmond ou Tim Hardaway, entre outros, os que botaron man del para levalo a Estados Unidos, onde o ex-xogador NBA que conta nas súas estatísticas con ser o único xogador que ten matado un león sen usar armas de fogo. Finalmente, sobrevivindo coa pensión que concede a NBA os ex-xogadores e ademais de tódolos problemas de saúde que tiña, sufrindo unha rara enfermidade, o síndrome de Stevens-Johnson, o seu corpo non resistiu máis e deixounos o sábado pasado.

Como recordo desde aquí deixo este vídeo para poder ver en acción a tan singular elemento, onde ademais do seu repertorio de tapóns podemos ver tamén unha das súas facetas menos coñecidas, a de tirador de triples, na que chegou a acadar un 22% de efectividade no seu primeiro ano en San Francisco, dato realmente impresionante para un home da súa altura.


Recomendación:

"Temes a la imaginación. Y a los sueños más aún. Temes a la responsabilidad que puede derivarse de ellos. Pero no puedes evitar dormir. Y si duermes, sueñas. Cuando estás despierto, puedes refrenar, más o menos, la imaginación. Pero los sueños no hay manera de controlarlos."

Certo é que a vida de Manute Bol sería digna dunha novela, pero de momento só recomendo novelas reais
. Como tal, o fragmento que reproducín é de "Kafka en la orilla" de Haruki Murakami, historias separadas de dous personaxes, Kafka Tamura, un adolescente fugado da casa e Satoru Nakata, un vello con graves limitacións intelectuais, que van confluíndo ó longo da novela, entremezclando a realidade e o mundo onírico dunha forma que fai que nos vaiamos metendo na historia e enganchándonos ata o final. Simplemente encantadora.


3/8/09

3. Ivan Renko: unha lenda do baloncesto


Corría o mes de Xaneiro da temporada 1992-93 da liga de baloncesto universitario dos EEUU, a famosa NCAA, cando no seu programa de televisión dos domingos de media hora de duración, Bobby Knight, mítico adestrador da Universidade de Indiana (os coñecidos Hoosiers, cos que, por exemplo, gañou o título de 1976 cunha marca de 32 victorias e 0 derrotas) que atendía as preguntas dos xornalistas, interrompeu a pregunta dun deles para dar unha primicia que dicía podía cambiar o destino do equipo: estaban a punto de fichar a Ivan Renko, un descoñecido croata de 2'07 m de altura e 104 kg de peso, xogador dunhas condicións técnicas asombrosas; o tema estaba case feito e ademais víase facilitado pola guerra dos Balcáns, o que facía que a saída do país fose incluso apetecible para o xogador. Dando máis detalles, contou que soubo do xove portento durante o verán anterior a través dun adestrador español ó que coñecera facía uns vinte anos.

O bombazo estaba servido, aínda que había problemas, o sistema de acceso á NCAA e algo complicado e ademais a plantilla de Indiana xa estaba pechada, pero esto eran pequenas minucias para a bóla de neve que empezaba a rodar imparable cara un grupo de persoas, os scouts (cazatalentos deportivos). Porque, efectivamente, a nova non era casual, estaba dirixida, tan dirixida que era falsa, Ivan Renko NON EXISTÍA! Pero aparte de algunha sospeita, o único que sabía a verdade era o propio Knight, que o debía estar pasando en grande vendo o circo que montara.
Houbo "expertos" que empezaron a dar todo tipo de opinións sobre o xogo de Renko, as súas cualidades, defectos, características, etc. Un fan do equipo que traballaba no aeroporto e afirmaba ter visto nunha lista de embarque o nome do xogador, o que facía supoñer como algo inminente a súa chegada. Outros chegaron a falar do Larry Johnson branco, esto xa eran palabras maiores, aínda que a chegada ó cumio do despropósito foron as declaracións dun coñecido scout, Clark Francis, que afirmaba ter visto xogar a Renko e que "non era para tanto". Outro chegou a negar nun programa pola noite a súa existencia para afirmar á mañá do día seguinte que existía e a fichaxe estaba practicamente feita.
Os días foron pasando e o portento balcánico non aparecía, todo o mundo sospeitaba do engano, pero Bobby Knight pasou á ironía: "Creo que o éxito que coroará a miña carreira será poder adestrar a Ivan Renko", ou como se desfixo del, eso si, sen admitir o engano (cousa que só fixo anos máis tarde, incluso adica un capítulo da súa autobiografía a este asunto): "Non sei como me vou amañar con el, coa boa prensa que ten. De feito, estou pensando honestamente en non deixar que veña para o equipo"
En fin, unha gran perda para o baloncesto, aínda que non a única, podedes indagar na rede sobre Eusebio Ariel Frodosini e a historia de como foi inventado. Ou ben, se tedes algunha curiosidade polo béisbol, tampouco estaría de máis coñecer a Sidd Finch, fantástico xogador dos anos 80. E para rematar, a espectacular uzbeka, Simonya Popova, destinada no outono de 2002 pola revista Sports Illustrated a arrasar nas pistas de tenis do mundo enteiro, tan virtual a súa historia como a súa foto, creación de ordenador.

Recomendacións:
  • Non por falso, senón polo asombrosas que poden ser algunhas das súas historias, recomendo ler "Error humano", de Chuck Palahniuk (algún día volverei sobre el), colección de artigos tan bizarros como o que conta o Festival do Testículo de Rock Creek Lodge, Montana, ou o combate anual de colleitadoras que ten lugar en Lind, pobo de 462 habitantes no estado de Washington. No libro aparecen ademais vivencias persoais, como o relativo ó asasinato do seu pai, e unha parte con entrevistas a persoaxes tan peculiares, e interesantes, como Marilyn Manson.
  • Na parte musical, a estremecedora versión de "Sweet dreams (are made of this)" de Eurythmics por parte do propio Manson.
  •