Mostrando entradas con la etiqueta historia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta historia. Mostrar todas las entradas

30/12/17

1291. Os afronautas



Fai un par de meses, mentres perdía o tempo pola rede investigaba para outras entradas do blog, atopeime cunha historia cando menos curiosa sobre a que a fotoperiodista Cristina de Middel estivera traballando e, xunto con outros temas, rematou plasmando a súa creación nun libro.


A historia da exploración espacial empezou a crear heroes durante a Guerra Fría, e nomes propios como os de Glenn, Shepard, Gagarin e demais pronto pasaron a formar parte das respectivas maquinarias de propaganda soviética e americana. Outros tiveron menos sorte, como Vladímir Komarov, que que tivo a dubidosa honra de ser o primeira persoa en falecer nunha misión espacial, durante a atolondrada misión Soyuz I, na que todo foi mal desde o principio, pero a pesar de tódalas indicacións técnicas, o aparato do estado, necesitado de contrarrestar a carreira americana cun golpe de efecto, foi adiante cando o sentido común indicaba que o máis lóxico era un prudente aprazamento da mesma. Como resultado, o coronel, que tiña claro desde o principio que a cousa ía acabar mal, rematou a súa vida insultando e maldicindo por radio a tódolos que o escoitaban e podían pasar recado ó aparato do Partido, xusto ata estrelarse en Novogorsk e pasar á historia oficial como un mártir da URSS.


 (restos da Soyuz I, con Vladímir Komarov) 

No medio desta mestura de loita científica e desvarío das superpotencias, nas sedes do Programa Espacial Soviético e da NASA recibíronse en novembro de 1964 senllas cartas remitidas por Edward Mukuka Nkoloso, Ministro de Asuntos Estelares e Director do Programa Espacial (aí queda eso) de Zambia.
Nas cartas explicaba razoadamente que o home negro estaba máis capacitado que os brancos para a exploración espacial e, a cambio dun aporte de combustible para o programa espacial zambiano, ofrecía os seus servizos e coñecemento a favor das causas americana e/ou soviética. No seu defecto, en troques do combustible, tamén existía a opción de mandar un astronauta/cosmonauta daquel país para as misións espaciais das superpotencias. Iso si, coa condición de que a bandeira de Zambia fose a primeira en lucir na superficie dos potenciais novos mundos a conquistar, preferentemente Marte antes que a Lúa, xa que nesta non había "nada especialmente útil para a Humanidade". Toda un alarde de categoría épica para un país que levaba un mes escaso sendo independente, estreando o seu novo nome despois de ser Rhodesia do Norte baixo a colonización británica.


Non está claro cal foi a reacción nestes organismos, o que si se sabe é que non houbo resposta. Ante a falta de novas por parte das superpotencias, o ministro-director-etc. dirixiuse á UNESCO e á ONU, solicitando axuda para o seu programa espacial, poñendo como exemplo o despilfarro inxente de EE.UU. e a URSS. Como parte dunha campaña publicitaria (?) e política de portas abertas, o doutor Nkoloso recibiu a reporteiros de Associated Press e amosoulles os adestramentos que estaban facendo para o seu programa espacial, con doce persoas e dez gatos. Si, gatos; xa sabemos, culturas distintas, costumes distintos. O plan inicial era enviar a unha muller e un gato a Marte, o gato faría compañía durante a viaxe... e tamén sairía primeiro á superficie marciana para ver como se adaptaba antes de arriscar (aínda máis) a vida de Matha Mwamba, moza de dezaseis anos, a elixida para facer historia.

Resultado de imagen de programa espacial zambiaAquí podemos ver un artigo asinado polo visionario doutor Nkoloso onde expoñía o seu visionario proxecto.
Empezaba forte, dicindo que vía a Zambia do futuro máis forte que Rusia ou os Estados Unidos, sendo a súa capital, máis pronto que tarde, unha nova New York ou París.

Pola contra, o que atoparon os reporteiros, foi bastante menos prometedor, uns adestramentos de aspecto sumamente chapuceiro, unha falta de medios aterradora, pero iso si, un entusiasmo arrebatador, que xunto coa oleada de patriotismo da recén nacida nación, facía que aquel proxecto fose o que fose, tirara para diante dunha peculiar maneira. Nalgún caso, tiraba costa abaixo cun aspirante a astronauta metido nun barril.
Como é de supoñer, ós medios británicos, aínda escocidos pola descolonización e indepencia, faltoulles tempo para ridiculizar o proxecto e, de rebote, o país e a capacidade das novas nacións que estaban abandonando o Imperio Británico para converterse en nacións soberanas... a típica historia de pais e nais que levan moi mal a emancipación dos seus vástagos.

O futuro que Nkoloso predicía non parecía tan próximo vendo o que sucedía e naqueles tempos non podemos esquecer a dous actores tan omnipresentes como a CIA e o KGB, que tirando do fío e infiltrando xente chegaron a descubrir que, detrás de tal inmenso desvarío, o ministro Nkoloso tiña a un físico e enxeñeiro ruso de nome descoñecido, que baixo a disparatada apariencia doplan dos doce elixidos, misioneiro incluído para coidar das súas almas, e dez gatos, tiña un plan verdadeiro para chegar á Lúa. Se era viable ou non, nunca o saberemos, xa que o proxecto, aparte de ser ridiculizado por algún outro ministro, veuse abaixo co embarazo da adolescente elixida. Xa se sabe, o espazo tamén está influido polos asuntos terrenais e aquel mar de chapuzas non podía ter unha mellor guinda do pastel.

A partir de aquí, a historia vólvese máis confusa e hai varias versións de como acabou a cousa, sendo dúas delas as principais, aínda que non incompatibles:

a) A versión máis conspiranoica di que o proxecto seguiu adiante, cun espía infiltrado nunha operación conxunta de CIA e KGB, e finalmente, de acordo co previsto, un foguete despegou do norte de Lusaka cun tripulante e dous gatos a bordo, sendo abatido por misís soviéticos e os restos do artefacto capturados polo KGB, coa complacencia da CIA.

b) A versión máis práctica di que todo foi un clásico dos timos, como é esconder algo poñéndoo á vista de todo o mundo disfrazándoo de forma totalmente estrambótica e efectiva. Como nación de nova creación nun ambiente político sumamente favorable a esta dinámica histórica, Zambia era o lugar ideal para crear campos de adestramento para as guerrillas en países da contorna. Que mellor para evitar as miradas indiscretas que crear unha tapadeira absurda e estridente, que ocultaba a verdade que todos tiñan diante da cara, pero que non podían ver porque estaban demasiado ocupados ríndose daqueles soñadores ilusos mortos de fame?

Tamén pode ser que todo fose un absoluto disparate que atopou as condicións axeitadas para saír adiante durante un tempo e nada máis, pero o certo é que os afronautas quedaron na historia e que o doutor Nkoloso faleceu en 1989 sendo enterrado coa pompa dun xefe de estado, quen sabe se pola súa ousadía patriótica-científica ou polos seus discretos e meritorios esforzos en prol da loita contra os colonizadores de África.

Recomendación:

Podedes ver unha reportaxe sobre o soño de Mukuka Nkoloso neste enlace. E falando doutro proxecto de futuro, neste caso do dun neno franco-sirio nos anos 80, temos a novela gráfica de Riad Sattouf "El árabe del futuro", un retrato de Siria naquela época que nos axuda a entender algunhas das cousas que vemos hoxe.


12/11/17

1283. Novembro vermello (ou outubro... a saber)


Fai un días cumpríase o centenario da Revolución de Outubro de 1917 en Rusia. Ata aquí non teriamos nada raro se nos axustamos ó recordo das efemérides e enchemos o calendario con datos máis ou menos curiosos. O realmente notable desta efeméride é que ese "fai uns días" sitúase exactamente no 7 de novembro. No-vem-bro!

Que pasou logo?

Poderíase pensar, lendo libros sobre a historia daqueles tempos, que os rusos da época andaban tan revolucionados que xa non sabían en que mes vivían. Lembremos que no 1881, o zar Alexandre II foi asasinado, e 1905 foi un ano cunha revolución que obrigou á monarquía a aceptar unha orde constitucional, nun momento no que se tamén se libraba unha guerra con Xapón.

Con todos estes antecedentes, non se pode dicir que o país gozara de moita estabilidade, e para rematar o desastre, en 1917 estaban inmersos na Primeira Guerra Mundial, na que as cousas tampouco marchaban demasiado ben, e o zar Nicolás II fora forzado a abdicar despois da Revolución de Febreiro, que, para rematar de desorientarnos, foi en marzo!

Todo esto viña de case dous mil anos antes, da man de Xulio César serio por establecer un calendario unificado para todo o Imperio Romano, cousa que era moi útil e razoable, aínda que debido á falta de percorrido e perspectiva temporal, os románs non chegaron a percibir que a pesar do axuste dos anos bisestos, engadindo un día ó ano cada catro anos, o ano real ía desfasándose un pouquiño, cada vez máis ata chegar ó século XVI, no que científicos da Universidade de Salamanca, en 1515, advertiron á Igrexa que o paso da Terra polo mesmo punto da súa órbita respecto ó Sol (ano sideral) e a nosa forma de contabilizalo ía facendo que a Pascua non tivera unha data realmente fixa.
Como é habitual na relación entre ciencia e burocracia, o aviso, ou se perdeu polo camiño, ou foi ignorado. Aparentemente non debeu de ser tan ignorado, porque no Concilio de Trento, entre outras reformas, instábase a dar regularidade temporal ó ano litúrxico (calquera o diría vendo a Semana Santa, pero eso é outra historia e será contada noutro momento), sen admitir oficialmente que o tema non pasaba polas mans de Deus, senón que o que había que facer era que o ano do calendario se axustara o máis posible ó ano trópico.



E despois dun segundo intento (coñecido) por parte da Universidade de Salamanca, alá polo 1578, o papa Gregorio XIII promulgou a bula Inter Gravissimas, que foi o documento que regulou o novo calendario polo que debería rexirse a cristiandade. Aparte do funcionamento que coñecemos hoxe do calendario gregoriano, chamado así por este Papa, a consecuencia máis inmediata e espectacular foi a supresión de dez días do calendario para axustar o cómputo do tempo oficial ó tempo real. E aquí foi onde se montou o lío...

Ben sabido é que o reino de Deus non é desta Terra e, por dicilo suavemente, a autoridade do Papa non era universalmente recoñecida, nin tan siquiera en toda a cristiandade, polo que a implantación do calendario foi lenta e progresiva, impoñéndose máis por razóns de tipo práctico e comercial que polas de tipo espiritual.
En España, Italia e Portugal, a reforma fíxose efectiva o 4 de outubro de 1582, que foi seguido polo 15 de outubro. Como dato anecdótico, neste día morreu Santa Tareixa de Ávila, que recibiu sepultura en perfecto estado "once" días despois, ó día seguinte.

(Aquí vemos a Lenin explicando o desfase do calendario a uns proletarios)

No caso de Rusia, os cambios tardaron moito máis. Non sabemos se esta tardanza foi o que impulsou a Lenin a poñer orde no tema e se lle foi a cousa das mans, ou tal vez o retraso histórico que tiña o pobo ruso e que incidía nas malas condicións de vida tivo algo que ver, pero o que si está claro é que despois da Revolución de Outubro, en febreiro de 1918, Rusia adoptou o calendario que xa naquel momento era o estándar occidental, cambio que aínda tardou un par de anos máis en zonas da nacente Unión Soviética. Como dato interesante, nestes trescentos e pico anos que tardaron, acumularon tres días máis de desfase e o cambio foi pasar do 31 de xaneiro ó 14 de febreiro. E así queda explicado porque estas datas históricas teñen etiquetas confusas, e a manía dos rusos de deixar todo para fin de mes, que se fixeran a revolución nos idus dos románs, mataban xente igual (como ben comprobou Xulio César) e non tiñamos confusión nos libros de historia.

Dito sexa de paso, noutros países como Grecia, Rumanía, Iugoslavia e finalmente en 1926, Turquía, este cambio aínda foi posterior ó ruso/soviético. E por adornarse xa con piruetas, a Igrexa Ortodoxa desligou o calendario litúrxico do oficial e por iso vemos o desfase de festividades alá polo Nadal entre aqueles países e nós.

Se tedes curiosidade, podedes ver nesta ligazón, toda a cronoloxía do cambio de calendario.

Recomendación:


Xa que falamos da Revolución(s) de 1905, lembremos a película que fixo Eisenstein sobre un dos episodios máis recordados e engrandecidos anos máis tarde pola propaganda soviética, "O acoirazado Potemkin".
Podemos ver esta obra mestra do cine aquí.



3/3/15

1249. Días de cine... en Pyonyang


(Todos serios, que vos nukeo!)
Xa pasou tempo desde que neste mesmo blog se informaba de que Corea do Norte era un lugar de funcionamento peculiar. Dito sexa de paso, tampouco facía falta que consultarades o blog para chegar a tal conclusión, dado a case conversión en iconas da cultura popular dos seus dirixentes, que chega a niveis descomunais co actual presidente Kim Jong-Un, que por obra e graza dos medios de comunicación e das redes sociais ve convertida en broma case calquera das súas barbaridades e declaracións.

Estas últimas chegan a acadar ás veces un nivel de surrealismo tal que custa tomalas en serio, todo hai que dicilo. Aparte da viralidade que provoca todo o relacionado con este home, imos facer hoxe unha pequena viaxe ó pasado da man do seu falecido pai, o Querido Líder Kim Jong-Il.

Antes desta avalancha de informacións sobre o Brillante Camarada, o máis parecido que existía no país a un ídolo pop (obrigatorio, iso si) era o seu pai Kim Jong-Il, que ademais de algunhas cousas que se comentaron aquí fai algo máis de catro anos, cando aínda estaba vivo, presentaba outras peculiaridades:

1. O gusto polas mozas novas. Poderíase argumentar que non é algo tan peculiar e que o vemos día a día. Mentres isto estea dentro da legalidade, este blog non ten nada que obxectar, certo é. O que xa non é tan do día a día é a existencia dunha especie de "Joy division" que o ditador tiña sometida a unha disciplina militar coa fin satisfacer os seus apetitos sexuais (ou os dos seus invitados), chegando a enviar incluso a Xapón ou China para perfeccionar as súas destrezas eróticas ás integrantes deste selecto harén.

2. O gusto polo coñac Hennessy, do que se dicía que importaba o ano botellas por un valor duns setecentos mil dólares. Dita bebida era servida con viandas igual de caras (e inaccesibles para o seu pobo, desnutrido de forma crónica) durante as festas privadas que organizaba e nas que teriamos que volver a engadir o punto 1 desta lista.

3. O gusto polo cine. Posiblemente, a súa maior afición (aparte de ter sometido ó país) e que xa se mencionou de pasada por aquí, pero na que hoxe imos profundizar e que nos trae unha historia das que ilustran a filosofía deste blog.

A historia comeza con Kim Jong-Il sentado nun cómodo sofá no palacio presidencial de Pyonyang en 1977, vendo algún western dos que era fanático (parece que tiña unha colección privada de unhas 20000 películas, case todas prohibidas no país) cunha copa de Hennessy na man, e sen prestar demasiada atención á película que está vendo, reflexiona ata chegar á conclusión de que o cine norcoreano é un desastre sen paliativos. (Seguramente non foi así, pero o blog é meu e gústame imaxinar que así foi). Tras este momento, o Querido Líder decide tomar cartas no asunto e aquí é onde entran os involuntarios, nunca mellor dito, coprotagonistas da historia.

Máis ou menos por aqueles meses, o director e produtor de cine Shin Sang-ok e a actriz Choi Eun-hee, tamén coreanos eles, pero residentes no Sur, onde eran unhas celebridades nacionais, divorciáronse por un tema de infidelidade (parece que Sang-ok era un tipo con tempo para todo). As producións de Sang-ok pasaban por momentos económicos delicados debido á censura por parte das autoridades, que sabiamente aprendían os métodos do Norte. Finalmente, a súa empresa foi pechada polo goberno, e a vida de Sang-ok, namorado, pero só, estaba nun momento delicado, pensando en facer as maletas e empezar en outro lugar.

O que non contaba era cal ía ser ese lugar. Poucos meses despois do divorcio soubo que a súa exmuller estaba nunha prisión de Pyongyang, a onde chegara despois de ser secuestrada en Hong Kong por axentes norcoreanos. Nunha decisión de lóxica impecable, viaxou a Hong Kong para investigar o que lle sucedera a Eun-hee e, coa mesma lóxica, rematou tamén secuestrado.

(Pulgasari, o legado cinematográfico de Kim Jong-Il)
A estas alturas, e a pesar de que os medios norcoreanos afirmaban que foran alí pola súa vontade, estaba claro que o Querido Líder argallara todo aquel asunto. Lembremos que era un tipo excéntrico, en ningún momento se dixo que era parvo. A intención do Querido (e cinéfilo) Líder era simple: ter unha industria cinematográfica nacional de calidade. E para que negalo, que mellor que ter ó director e á actriz máis importantes do momento no veciño inimigo ó seu servizo.

A tal efecto, mantívoos separados durante cinco anos, aínda que de formas diferentes, a ela paseándoa e lucíndoa en festas polos países afíns e a el en campos de traballo e celas de castigo (xa vimos que o do machismo non lle importaba moito ó Querido Líder). Tras cinco anos, Sang-ok debeu de pensar que tal vez Kim Jong-Il tiña unha boa idea, ou tal vez estaba farto da súa situación, que tamén pode ser. O tema é que accedeu ás pretensións do Gran Dirixente e dirixiu algunhas películas, nas que o Gran Dirixente tamén demostrou ter moito tempo, xa que figuraba como productor executivo. O de executar tamén ía moito con el, unha vez máis non se poden negar os feitos.

Neste momento, o Benamado Líder considerou que o terreo xa estaba listo para sementar o seu legado cinematográfico e puxo en marcha o que ía ser unha película que por razóns misteriosas, ou por todo o que levamos contado ata aquí e o que aínda queda, está considerada unha obra de culto: Pulgasari. O argumento é certamente curioso e podedes velo aquí, que isto xa vai longo por hoxe. Resumidamente, vén sendo que un rei malo, malísimo, da Idade Media ten orpimido ó seu pobo, ata que un día un humilde ferreiro crea un boneco pequeno para a súa filla antes de morrer; unha gota do sangue da nena cae sobre o boneco, transfórmao e empeza a comer todo o metal que atopa, medrando e medrando ata converterse nunha especie de Godzilla do norte do paralelo 38 que axuda ó pobo a derrotar ó tirano.

A este argumento tan aparentemente perigoso para un ditador, o Benamado Líder deulle a volta como a un calcetín e converteuno vía propaganda nunha alegoría da enerxía do marxismo na súa loita contra o capitalismo. Como xa se dixo, parvo non era o Benamado Líder, tal vez raro como el só, pero parvo non. Como dato curioso, o parecido co meu benquerido Godzilla non era tan casual, porque unha cousa é a política e outra o negocio, e as sospeitas de que a produtora xaponesa Toho colaborara cos efectos especiais eran máis que fundadas, de feito o actor que ía dentro do monstro era o mesmo que o que ía dentro de Godzilla. Os custos de produción eran o de menos dado quen era o produtor, ata chegaron a utilizarse dez mil soldados norcoreanos como extras para as escenas de batallas. Outro dato curioso foi que nun programa de intercambio entre os dous países, foi unha das escasas películas norcoreanas exhibidas no capitalista sur.

E os protagonistas indirectos? Pois por incrible que pareza, Sang-ok e Eun-Hee, que a estas alturas volveran casar por "recomendación" do Querido Líder (todo amor el) non quixeron seguir no paraíso do Juché, e na primeira ocasión que tiveron, nunha xira por Europa, fuxiron e pediron asilo político na embaixada estadounidense en Viena. Se queredes saber máis das súas vidas, consultade os enlaces nos seus nomes. Só citarei como curiosidade que o director chegou a facer ata unha película con Hulk Hogan.

Recomendación:

Se queredes podes ver Pulgasari (confeso que eu aínda o teño pendente), aquí deixo o enlace.
Como eu aínda non a vin toda, vou facer unha recomendación de algo coreano que si vin (do sur, xa sei que non é o mesmo, pero hai que saber conformarse como se fosemos norcoreanos). A "triloxía da vinganza" de Chan-Wook Park, formada polos filmes "Sympathy for Mr. Vengeance", "Oldboy" e "Sympathy for Lady Vengeance", duras e interesantes a partes iguais, con ratos de gran fermosura estética a pesar da súa dureza.

Actualización: xa vin Pulgasari, non é para perder de facer outra cousa, pero tampouco sería tan estraño que saíra nunha das tardes de fin de semana de televisións privadas, cousas peores podemos catar case a diario nas nosas televisións. De todas formas, mellor que sigades a outra recomendación. Podedes fiarvos da miña palabra. E de paso, confirmo que a calidade do cine norcoreano debía de ser tan baixa como o Benamado Líder pensaba, porque se isto a melloraba...

1/3/15

1237. Siga a ese taxi!


Na noite dos Oscar de 2013, "Searching for Sugar Man" levou o premio ó mellor documental. Finalizaba aquí a peripecia do seu director, Malik Bendjelloul, tratando de atopar a Rodríguez, un misterioso músico de inicios dos anos 70 que tivo un gran éxito na pechada Sudáfrica do apartheid. Parafraseando a Michael Ende, esa xa é outra historia e xa a contaron outros moito mellor do que o podemos facer aquí.

Cunha temática parecida e non menos peculiar, podemos atopar a historia de Brian Shimkovitz, un estudante de Etnomusicoloxía e DJ, que ten unha páxina web de nome revelador das súas intencións, Awesome Tapes From Africa, na que vai recuperando antigas casetes (quen dixo que o CD era o último?) e, ademais de dixitalizalas, fai posible que estean a disposición do público para que coñezamos algo máis da música do continente esquecido. Non tedes máis que botar un ollo ó enlace que deixei para comprobar que hai xente que se toma moito máis en serio o dos coñecementos peculiares do que outros o facemos en modestos blogs. Como podedes comprobar, o nivel de especialización e rareza é alto...

O que non podían sospeitar algúns dos mencionados na páxina é que esta páxina lles dera unha segunda oportunidade na música. Un destes casos é o de Hailu Mergia, músico etíope que tivo unha época de éxito no seu país a mediados dos anos 70 (como Rodríguez, a saber a de música boa da época que se terá perdido). Despois da caída de Haile Selassie I en 1974, Etiopía pasou a ser gobernada polo Derg, un rexime ditatorial de corte marxista-leninista, que trouxo bastante incertidume á vida dos etíopes, un dos cales foi o propio Hailu Mergia, que desapareceu da vida pública.


(aquí está o disco que o "resucitou")

Volvendo ó traballo de Brian Shimkovitz, o álbum "Tche Belew" que tedes enriba destas liñas, sacou á luz en 2014 a Hailu Mergia, que non só desaparecera da vida pública de Etiopía, senón que tamén desapareceu da propia Etiopía, fuxindo do país a inicios dos anos 80 e rematando nos Estados Unidos, onde levaba unha década traballando como taxista en Washington D.C. E de aquí, a volver a ter ofertas para tocar de novo, por certo, obtendo boas críticas, non pasou moito tempo. Co cal o taxi quedará aparcado por un tempo e a carreira de Hailu Mergia, quen sabe... esa será outra historia e ó mellor será contada por aquí nun futuro, sempre que teña algún rasgo curioso, claro.

Nota histórica: Haile Selassie I tamén era un tipo peculiar, que aparecía nun libro xa mencionado neste blog, é que, ademais de toda a súa biografía, tamén merece ser recordado por unha suculenta anécdota. Contan que con ocasión da súa fuxida do país durante a época colonial de Mussolini, o último descendente do rei Salomón (ou iso dicía) deixou tras de si un rastro de latrocinio no seu despacho descuberto polos soldados que entraron nel e que notaban que o chan do mesmo non estaba moi firme. A explicación era certamente curiosa, cando levantaron as lousas do chan atoparon moreas de billetes debaixo. Un seguro para emerxencias? Nunca se saberá, pero o certo é que os italianos non deberon deixar moi bo recordo, porque ó ser expulsados no 1941, o Ras Tafari Selassie recuperou o trono ata 1974.

Recomendación:

Seguindo na liña da entrada anterior, recomendareivos outra novela gráfica, "Haarmann", historia dun asasino alemán da década de 1920, que combinaba de forma macabra a súa profesión coa súa vida criminal (ver biografía). Ou se preferides algo máis relacionado coa música, "El quinto Beatle, la historia de Brian Epstein".

Leades o que leades e/ou escoitedes, tamén se recomenda de forma encarecida que o consigades en Miranda - cultura para levar, en Santiago de Compostela (localización), onde aparte de ser amablemente atendidos poderedes atopar o necesario para satisfacer as vosas ansias culturais nun ambiente acolledor... e ó mellor, ata o disco de Hailu Mergia, non subestimedes os poderes do seu propietario, Xoan Carlos.



26/8/14

1213. Unha vida de santo (ou case)


Poseído polo fervor relixioso dos días nos que empecei a escribir esta entrada (alá pola canonización do Papa Wojtyla), imos coñecer hoxe a alguén que tamén andaba de procesión nos seus bos tempos. A procesión saíulle tan ben, que bastantes anos de (oficialmente) subir ó ceo, tamén ascendeu ós altares, presa de outro fervor, o fervor canonizador e beatificador dos Papas Wojtyla e Ratzinger.
Como detalle curioso, durante os papados dos anteriores, o número de santos e beatos da Igrexa Católica pasou a duplicarse e aínda lles sobraba algún, como por exemplo o protagonista desta entrada. O dato numérico é abrumador, 2 Papas en 35 anos conseguiron subir ós altares tanta xente como os 263 anteriores en 1948 anos, canonizacións exprés de dubidosa legalidade incluídas.

Como sempre hai que tratar de ser obxectivo, primeiro ofrecerei a versión Disney da biografía do noso protagonista, Aloysius Stepinac, ver aquí. Se seguides a liña temporal da empalagosa pedra de azucre que vos acabo de ofrecer, notaredes que hai un pequeno oco entre 1930 e 1946, cousa altamente curiosa en alguén que formaba parte da vida pública do seu país, Croacia, durante aquela época. Hai quen di que isto é debido a unha "lenda negra inventada polos comunistas" (cito literalmente), dita lenda negra que, por certo, non hai forma de substituir por unha versión crible conta algunhas cousas lixeiramente incompatibles coas ensinanzas da Igrexa, que entre outras son as que imos recordar hoxe.

O beato Stepinac, denominado así a partir de agora en aras da obxectividade Disney, naceu a uns 50 km de Zagreb alá por 1898, mudouse á capital en 1909, e en 1916 tivo a mala sorte de ser reclutado polo exército austrohúngaro. Máis tarde tivo a aínda peor sorte de ser enviado á fronte italiana, pero como o Señor protexe ós seus (normalmente, que non sempre), foi capturado en maio de 1918 polos italianos e pasou cinco meses como prisioneiro de guerra. A sorte empezaba a cambiar.
Trala guerra, volve á casa, onde ademais de comezar a estudar Agronomía, foi convencido, non sen reticencias, polos seus pais de profesar o sacerdocio. Como a profesión daquela non andaba escasa de aspirantes, o beato estudou, estudou, e así durante once longos anos pasando por Roma, facultades de Filosofía e Teoloxía, ata chegar a 1930, ano no que é ordeado. O ano seguinte proporciónalle ó beato Stepinac un posto de crego nunha parroquia en Zagreb, pero en vez de ser párroco, pasa a traballar para o arcebispo de Zagreb, ascendendo fulguramentemente (foi nomeado bispo en 1934, sendo daquela o máis novo do mundo) ata sucedelo no cargo en 1937. Foi facendo, como correspondía ó seu cargo, importantes obras sociais e de caridade e, como tradicionalmente tamén correspondeu a tales cargos, non descoidou a faceta política e situouse preto do poder.

E aquí facemos unha breve parada de situación no contexto histórico. En 1918 foi fundado o Reino de Iugoslavia, supostamente para pacificar o polvorín centroeuropeo; o caso foi que, durante a Segunda Guerra Mundial, foi derrotado (máis ben dinamitado desde o interior) polo III Reich e na zona que nos interesa foi constituído o ironicamente denominado Estado Independente de Croacia (NDH, en croata) o 10 de abril de 1941. O NDH era, na práctica, un estado títere da Alemaña Nazi. De feito, tiña un rei que nin chegou a pisar o país, Tomislav II, sendo gobernado o estado polo rexime de Ante Pavelić, sinistro individuo ó mando dos non menos sinistros ustashi, membros dunha mestura de movemento político e organización terrorista de corte fascista, que levaban varios anos exiliados na Italia de Mussolini.

(Aquí podemos ver a Pavelić e Stepinac)

Retomando a historia do beato e enlazándoa co contexto, o 14 de abril de 1941 o arcebispo de Zagreb, si, o futuro beato Stepinac, reuniuse co ditador Pavelić para transmitirlle os seus parabéns no nome da Igrexa Católica mentres as campás repicaban polo país adiante. Para non ser menos, o ditador nomeouno a el Vicario Apostólico Militar do exército.
Tal bo ambiente pode explicarse por unha certa coincidencia de intereses. Os ustashi eran profundamente católicos (aínda que lles resultaba difícil cumprir con varios dos seus mandamentos, os relacionados coa violencia, basicamente), nacionalistas antiserbios e, como xa se dixo, fascistas. A todo isto sumémoslle que Hitler lles botou a culpa ós serbios do golpe de estado que precipitou a caída do reino de Iugoslavia a mans dos nazis e que os serbios eran maioritariamente ortodoxos; e así, xa temos tódolos ingredientes para o que pasou: o xenocidio serbio durante a Segunda Guerra Mundial.

Por se a última frase leva a malas interpretacións, vou reflexionar sobre unha das grandes verdades históricas que as guerras do século XX e o que levamos do XXI poñen moi á vista. O de que a historia a escriben os vencedores é relativo, pero que non a escriben os perdedores é evidente, normalmente porque soen estar mortos. E para que negalo, os serbios fai vinte anos foron uns cabestros, e os croatas venderon moi ben o papel de vítimas históricas. Factores que ademais viñeron axudados pola necesidade de pasar páxinas que sentiron os estados a partir de 1945 (en moitos casos, que cada bloque deixase facer ó outro sen meter moito os fuciños na casa do veciño) e na ex-Iugoslavia, a maiores, polo mando do mariscal Tito empeñado en pacificar (ou algo así, alomenos que pararan de matarse) o país.


Despois desta divagación, aclaro, que aínda non o fixen, que foron os croatas os que mataron a unha cantidade que se estima entre o medio millón e 750000 de serbios, xudeus e xitanos.


(A Deus rogando e o brazo dereito estirando. Pavelić no extremo
dereito do grupo de vips e Stepinac no extremo dereito da foto)

Na Croacia do NDH houbo campos de exterminio, pero ó contrario que nos da Alemaña nazi, que tiñan un funcionamento case industrial e discreto, neste caso as matanzas eran públicas, recreándose no sadismo ata o extremo de estar preocupados mandos militares alemáns como
Heydrich (todo un carniceiro) por unha posible rebelión. Incluso os fascistas italianos, horrorizados polo que vían, chegaron a axudar a fuxir a serbios e xudeus, feito do que se queixou o beato Stepinac por supoñer un menoscabo da súa autoridade.

Novo inciso de contexto histórico. Frases que exemplificaron o odio:

"Os serbios son o refugallo dunha nación, o tipo de xente que se vende a calquera e a calquera prezo."
(Ante Pavelić, considerado aínda hoxe heroe nacional por moitos croatas)
"Este Estado, o noso país, é só para os croatas e para ninguén máis."
(Ministro de Xustiza do NDH, alucinante)
"As bases do movemento ustasha son a relixión. Para as minorías, como os serbios, xudeus e xitanos, temos tres millóns de balas."
(Máis alucinante é que o que tal dixo era o ministro de Educación)
"...os croatas e o serbios pertencen a dous mundos distintos, polo norte e polo sur. Nunca se levarán ben a non ser por un milagre de Deus."
(Aloysius Stepinac, beato da Igrexa Católica)

Retomando o tema, lembremos que se Deus non fai milagres, pois sempre se lle pode rezar algo máis, e quen mellor que uns frades para iso. Neste caso, os franciscanos, que por alí andaban e, que casualidade, mantiñan excelentes relacións cos ustashi. Se alguén quere máis información e/ou detalles escabrosos, aquí.

Como xa sabemos, a guerra foi avanzando cara o seu fin, e como consecuencia, a Crocia do NDH, ía saír mal do asunto. O beato Stepinac, que ademais tiña bo olfacto político empezou a ver que a cousa pintaba mal e foi tomando posicións para minimizar as perdas, cometendo "actos humanitarios" (digo cometendo, porque tiñan moito máis de interesados que de humanitarios) para empezar a maquillar o pasado.
O caso é que, rematada a guerra, os ustashi trataron de buscar a mediación papal para a creación dun estado croata, pero Pío XII parecía estar bastante ocupado en limpar as sospeitas sobre a súa ambigüidade política na guerra e non quixo meterse en máis problemas; de todas maneiras, non impediu que o Vaticano colaborase activamente na fuxida de Ante Pavelić a Arxentina, mediante ocultación pola Igrexa Católica en Roma e co coñecemento dos servizos segredos estadounidenses, ademais dunha breve detención polos aliados e liberación por... intercesión ante as autoridades do beato Stepinac! Se queredes saber como foi que acabou morrendo en España (curioso, verdade?) anos máis tarde, podedes consultalo
aquí.

Como en 1946 Pío XII seguía ocupando limpando a súa casa, non debeu ter tempo para contestar a unha carta do mariscal Tito, a estas alturas xa xefe de estado da nova Iugoslavia, na que trataba de desfacerse/buscar unha saída ó "tema Stepinac". Tras catro meses sen resposta, Tito demostrou que non ía de farol e o beato Stepinac acabou diante dun tribunal, con numerosas testemuñas que acreditaban que non era ignorante das masacres dos ustashi e que non movera un dedo para evitalas ou minimizalas. Resultado: unha pena de dezaseis anos de prisión que, visto como as gastaban os tribunais de posguerra, era unha boa saída. Sobre todo, coa súa única frase de defensa: "Teño a conciencia tranquila".

("Teño a conciencia tranquila")

Mentres tanto, Pío XII xa rematara de limpar os armarios, a "sorte" volveu sorrir ó beato e, como xesto de conciliación por parte de Tito, saíu do cárcere en 1951. En 1952, Pío XII, que despois de deixar ó seu servo tirado en 1946 non debía ter a conciencia tan tranquila, nomeouno cardeal. Este nomeamento fixo que Tito pasara do talante conciliador á furia e, en menos de tres semanas, rompeu relacións diplomáticas co Vaticano. E de aquí, ata 1960, ano no que faleceu moito máis placidamente do que o fixeron moitos miles de persoas dos territorios do seu arcebispado. Tan placidamente, que hoxe podedes ver os seus restos embalsamados expostos na catedral de Zagreb.

Para rematar o ascenso (ós altares), chegou outro Papa profundamente anticomunista e prolífico creador de santos e beatos, como xa citei ó inicio, Xoán Pablo II, que tras un proceso non exento de polémicas tanto na propia Igrexa como fóra dela, o elevou á condición de beato en 1998. Esto tamén serviu para lembrarnos que os Papas están sempre moi ocupados, xa que na súa visita a Croacia se reuníu co presidente Tudjman (negacionista e revisionista histórico) pero non puido visitar algún dos campos de concentración da época, visita que lle foi suxerida, pero que amablemente rexeitou facer (as conciencias tranquilas son imprevisibles).

Recomendación:

Poderiades pensar en ler algo de ciencia-ficción, pero despois de ler o anterior, seguro que non vos asombraría o máis mínimo, así que vos recomendo unha das mellores novelas que lin nos últimos meses, "Pastoral americana" de Philip Roth, que curiosamente gañou o premio Pulitzer no mesmo ano que o beato Stepinac foi ascendido ós altares.

29/12/12

1097. Menos famosos


Cando un se toma un tempo para ler "Mein Kampf", comprende varias cousas:
1. Que o seu autor era un pésimo escritor, dado ós textos inconexos, recorrentes, farragosos e cunha Weltausschauung (i.e., visión do mundo; xa que un estuda alemán, hai que darse o gustazo de permitirse de vez en cando un palabro destes) moi simplista e chea de prexuízos.
2. Que na Alemaña da década de 1920 a 1930, a cousa debía estar desesperada tirando a peor, xa que moitas das barbaridades que viñeron despois estaban á vista en tan aburrido mamotreto sen disfraz de ningún tipo, e aínda así o seu autor gañou as eleccións.
3. Que, salvo para poder falar desto con coñecemento de causa, ben podía ter aproveitado ese tempo en deitarme na herba e mirar para as nubes.

Quen non estivo mirando para as nubes foi Wernher von Braun, polo menos para apampar cara elas, o que durante a Segunda Guerra Mundial, ademais de traballar activamente co rexime nazi no desenvolvemento de armas baseadas en foguetes, as famosas bombas V2, na base segreda de Peenemünde, sendo coñecedor de estar utilizando man de obra procedente dos campos de concentración. (Para contalo todo, cabe dicir que se alistou no exército antes da chegada Hitler ó poder, e que foi adscrito ás SS en 1940, como parte da seguridade que rodeaba o ámbito militar).

O certo é que, a finais da guerra, von Braun fixo os seus cálculos, e vendo que as súas posibilidades de investigación estaban virtualmente mortas ó igual que o estado nacionalsocialista, empezou a buscar unha saída negociada cos inminentes vencedores, beneficiándose do tamén inminente inicio da Guerra Fría, a través da chamada Operación Paperclip dos servizos segredos estadounidenses, destinada a facerse cos servizos de todo canto científico do rexime nazi fose posible, evitando así que os soviéticos se fixeran con eles. Cabe dicir que os soviéticos tamén estaban interesados en incorporalo para o equipo de Serguéi Koroliov. Que para isto houbera que mirar para outro cando se trataba de certos detalles como ter ordenado persoalmente a execución de traballadores-escravos de Peenemünde(*), non deixa de ser unha máis das moitas historias que se produciron ó final da guerra para tratar de botar terra por riba asunto e seguir para adiante. De non ter pagado estas "peaxes históricas", obviamente interesadas, é probable que o número de acusados durante os Procesos de Nuremberg se tivera multiplicado, pero, como dixo Michael Ende, esa é outra historia e debe ser contada en outra ocasión.
(*)(testemuña dos superviventes citada en Secret Agenda: The United States Government, Nazi Scientists, and Project Paperclip, 1945 to 1990 , St. Martin Press, 1990, p. 121. Linda Hunt)

De quen se viña a falar hoxe realmente é de catro persoas que non se levaron a fama de von Braun (inicialmente dunha delas, pero, investigando, investigando, foise ampliando o tema), pero que dunha ou doutra maneira, contribuíron no seu campo. Iniciamos as presentacións:

- Pedro Paulet
- Hermann Oberth
- Robert Goddard
- Konstantín Tsiolkovski



(Os arriba mencionados, na mesma orde da enumeración anterior)

A aparición de Pedro Paulet en primeiro lugar é unha especie de pequena compensación por ter sido o máis esquecido dos catro, pero non por iso lle deberían ser negados os seus méritos no campo da Astronáutica a este peruano, tendo a idea dun foguete de propulsión a chorro a partires do estudo do desprazamento da lura. O "Autobólido", como denominaba Paulet ó seu deseño, tiña forma de punta de lanza e xa estaba equipado cunha cabina interior esférica (non lembra á cápsula espacial?). Lamentablemente, no seu momento (morreu en 1945, e os seus experimentos ó respecto en París tiveron lugar entre 1895 e 1897), nin a técnica estaba á altura necesaria nin os intereses militares estaban encamiñados nesta dirección, e o traballo de Paulet obtivo o recoñecemento maioritario grazas a outros, como foi o caso de von Braun, que chegou a calificalo de "pai da astronáutica moderna". Se tedes interese en ampliar a información, aparte de na Wikipedia, podedes ler esta interesante biografía (en inglés), dato curioso, escrita pola súa bisneta.

Outro que tamén desapareceu antes de tempo (tamén en 1945) foi o estadounidense Robert Goddard, que de adolescente e despois de ler "A guerra dos mundos" de H.G. Wells empezou a interesarse polo tema da exploración espacial, en particular, polo uso de foguetes. Dez anos máis tarde era un flamante graduado en Ciencias e pouco despois xa traballaba como profesor universitario de Física. En 1914 xa tiña deseñado motores para foguetes e en 1919 falaba da viaxe á Lúa. Axudado polo Instituto Smithsoniano, cando esta institución publicou unha nota de prensa no The New York Times, dita nota foi respondida ó día seguinte no mesmo xornal nun par de breves artigos anónimos nos que se deixaba bastante escarnecido e malparado a Goddard. 49 anos máis tarde, coincidindo co lanzamento do Apolo XI, o periódico rectificou e publicou unha desculpa, iso si, daquela maneira, tampouco vaiades pensar que pararon as rotativas como nas películas. (A historia da aldraxe, aquí).
Este home, definitivamente, tiña un problema, ía por diante do seu tempo. En realidade, tiña algún máis, como por exemplo a súa escasa sociabilidade, que o levaba a traballar en solitario e desconfiar sistematicamente do traballo de outros, o que facía os seu avances moi lentos. Tralo lanzamento dun dos seus foguetes, a nova chegou pola prensa a Charles Lindbergh, que por aquel entonces era unha celebridade a nivel nacional despois de ter cruzado o Atlántico en solitario sen escalas. E por mediación de Lindbergh, chegou o mecenazgo dos Guggenheim, de onde veu a posibilidade de irse a traballar a Novo México, curiosamente a Roswell, co cal a historia fixo unha irónica pirueta enlazando unha viaxe espacial non lograda e unha suposta viaxe extraterrestre malograda. Pero iso é outro tema e remitímonos novamente a Michael Ende.
Como diciamos, Lindbergh andaba por aí, impulsando a Goddard, e xunto con Harry Guggenheim e responsables do Smithsoniano, trataton de convencer ó Exercito dos EE.UU. das posibles aplicacións militares do traballo de Goddard. A resposta, como de costume na vida de Goddard, foi negativa. Quen si tomou nota do asunto foi o propio von Braun e, de rebote, a Abwehr, que mediante un axente infiltrado conseguiu dispoñer dos traballos de Goddard. Anos máis tarde, cando as V2 empezaron a caer sobre Londres, alguén no exercito norteamericano se debeu arrepentir da súa valoración dos traballos de Goddard. Pero Goddard, non tivo moito tempo a gozar de saber que tiña razón, un cancro acabou con el en agosto de 1945, aínda que tivo tempo a examinar restos das V2 traídos de Europa. Aparte das sospeitas de ter colaborado cos nazis, totalmente infundadas (aínda que os tempos de guerra alimentan a paranoia a fartar), deixou tras de si 214 patentes, a maioría póstumas.

Volvendo a Alemaña, atopamos a Hermann Oberth, que ós 11 anos leu "Da Terra á Lua" de Verne, e tanto o leu, que chegou a memorizalo. Con 14, xa construira un foguete como proxecto escolar. En 1912, con 16 anos, empezou a estudar Medicina, pero despois da Primeira Guerra Mundial acabou convencido que non quería ser médico. A súa tese doutoral "Die Rakete zu den Planetenräumen" foi rexeitada en 1922 por ser demasiado utópica. Non lle importou, ata o punto de que pasou de facer outra, e seguiu a traballar pola sua conta. En 1929 desquitouse, publicándoa algo ampliada... de 92 a 429 páxinas.
Tamén en 1929, axudado por alumnos seus da Universidade Técnica de Berlín, entre os cales estaba, curiosamente, von Braun. O ano anterior, axudara como asesor científico para a película de Fritz Lang "A muller na Lúa", e de paso tamén perdeu a visión no ollo esquerdo facendo un experimento para a película.
Máis tarde colaborou con von Braun en Peenemünde, pero pronto pasou a traballar nun complexo de foguetes antiaéreos preto da cidade de Wittenberg.
Finalizada a guerra, continuou cos seus traballos en Italia, voltou a Alemaña, e máis tarde a EE.UU., onde traballou ás ordes do neste post omnipresente von Braun desenvolvendo foguetes espaciais. Retirouse en 1968 e adicouse a traballos teóricos sobre enerxías alternativas e cuestións filosóficas, falecendo en 1989, fai 23 anos e un día.

Para rematar co cuarteto de hoxe, falemos de Konstantín Tsiolkovski, nacido en 1857 e falecido en 1935, posiblemente o máis teórico dos catro, por ubicación temporal, pero que sentou as bases fundamentais do seu traballo (e de tódolos que a este tema se adicaron) na súa obra de 1903 "A exploración do espazo cósmico por medio dos motores de reacción". Nela propón cousas tan habituais que hoxe coñecemos dos foguetes como o uso de combustibles líquidos, a segmentación en fases, e sobre todo, chegou á chamada no seu honor, ecuación de Tsiolkovski, que leva implícita a explicación práctica do funcionamento dos foguetes, desde os das verbenas ata os que mandaron ó home á Lúa. Os seus traballos, teóricos, recollen gran cantidade de detalles do que serían as futuras viaxes espaciais, abordados desde o punto de vista práctico, e neste caso, e de forma máis esaxerada que nos de Goddard e Paulet, foi moi por diante das posibilidades técnicas do seu tempo, o que non impide que sexa considerado hoxe en día un dos "Pais da Astronaútica", ou para ser máis fieis á terminoloxía soviética na que vivía, da Cosmonáutica.
Como dato curioso, destacar que, hoxe en día estase a investigar na viabilidade da súa idea dun ascensor espacial (aquí pon de que vai isto).

Recomendación:

E como recomendación de hoxe, por se non vos chegan as que xa van implícitas sobre cine e novelas, do álbum "Drie" dos holandeses The Machine, o tema "Tsiolkovski's budget". Momentos delicados e momentos contundentes, que un cuarto de hora rinde bastante. Na portada do disco figura un foguete e a ecuación de Tsiolkovski.


30/7/12

1031. Tempo perdido


Como ben di o título, desde que pensei en escribir isto, perdeuse algún tempo polo camiño, en concreto, uns sete meses, que foron os que pasaron desde que os samoáns decidiron despachar dos seus calendarios o 30 de decembro de 2011. Para ser exactos, Samoa (independente, non confundir coa Samoa Americana, dependente dos EE.UU.) e Tokelau (conxunto de tres atolóns dependentes de Nova Zelanda que están habitados por unhas 1200 persoas). Estes lugares deitáronse o 29 de decembro para, sen necesidade de ningún somnífero de cabalo, erguerse placidamente o 31 de decembro. Ben, case todos, porque algún grupo relixioso interpretou isto como un desafío a Deus, cousa que máis adiante veremos que non é a primeira vez que se fai, aínda que coa súa complicidade...

Utilidade práctica?
Como ben describía Umberto Eco en "A illa do día antes", por estas lonxitudes atópase a liña do cambio de día, o que marca para os que non somos de alí unha estraña idea sobre o decurso do tempo no cal palabras como "onte", "hoxe" ou "mañá" teñen a curiosidade de intercambiarse con tan só tomar un avión que a traspase. Lonxe deste difuso territorio das ideas, chegamos ó dos negocios, que debido á peculiaridade do lugar, facía que os referentes económicos próximos como Australia e Nova Zelanda vivisen nun calendario laboral desacompasado ó deles, o que lles facía perder dous días á semana de intercambios comerciais, e claro, postos a cambiar, está claro que países pintan algo no mundo e cales pintan menos.

Consecuencia turística:
Se antes se podía ir a estes territorios a ver a última hora do día no planeta, coa poética do último solpor, agora hai que aproveitar a do primeiro amencer do día en todo planeta. Simplemente, cambiar a festa de fin de ano pola de inicio, salvo iso, e que os samoáns nacidos ata ese día terán no día do seu cumpreanos os anos que celebren menos un día.

Historia:

Todo isto que comentei ata aquí non pasa de ser un detalle anecdótico, xa sucedera antes e ademáis ó grande, nada máis nin nada menos que eliminando DEZ DÍAS dunha soa tacada. Cando? Iso xa é unha pregunta moi complicada e depende de onde se conteste, xa que o da globalización é moi recente.
Na maioría dos sitios, ou polo menos, no que para nós era o noso mundo daquela (Italia, Portugal e España, lembremos que os dous últimos países eran nese momento moooi graaandes) e por decreto papal, os días do 5 ó 14 de outubro de 1582 simplemente non existiron. No resto do mundo, que aínda era máis grande, cada lugar tivo as súas peculiaridades, o que, traducido a linguaxe simple, ven a ser que cada un fixo o lle petou. Podedes comprobalo neste artigo da Wikipedia.
Por se vos sentides moi preguiceiros para ler o artigo e as causas de tal cambio, cabe destacar como detalle curioso que a famosa coincidencia nas mortes de Shakespeare e Cervantes non foi tal, xa que os seus respectivos días 23 de abril foron distintos, facendo que o inglés morrera dez días máis tarde. Ou tamén que a Revolución de Outubro en Rusia comezara realmente da noite entre os nosos 6 e 7 de novembro de 1917. A pesar dese cambio, Eisenstein resistiuse e a súa película segue a chamarse "Outubro".

Aínda así, cabe destacar a rareza dos suecos, si, ese pobo que ten como maiores aportacións á cultura occidental ABBA e IKEA, pois eses mesmos non foron capaces de poñerse de acordo nin consigo mesmos, e xunto cos finlandeses, eses que coñecemos grazas a Nokia (lugar que existe de verdade), trataron de poñer orde no calendario alá polo 1700, decidindo cancelar os anos bisestos durante corenta anos, co cal irían perdendo os dez días de marras. O problema foi que en 1704 e 1708 xa lles esquecera e nesa década o seu calendario non coincidía co de ningún sitio. En 1712 inventaron o 30 de febreiro, voltando así ó calendario xuliano, e en 1753 caeron da burra definitivamente facendo que despois do anoitecer do 17 de febreiro viñera o amencer do 1 de marzo.

E así, ata a década de 1920, que o mundo enteiro rematou por poñerse de acordo, incluso aqueles que parecen vivir no pasado (ou o botan de menos) por todo o planeta.

Recomendación:
  • Aínda que podería poñer algún tema dos Angry Samoans, que algún habería cabreado polo cambio, vou ser algo máis contundente (no concepto, que non na música) e propor a versión propia do tema de Nine Inch Nails, "The day the whole world went away", do álbum de 1999 The Fragile.
  • De todas maneiras para que os samoáns nnon se enfaden máis e compensando a preguiza dos últimos meses, hoxe imos tirar a casá pola ventá facendo dúas recomendacións. A segunda delas é a lectura de "Biografía da fame" de Amélie Nothomb, onde os samoáns teñen protagonismo como pobo nunha pasaxe especialmente triste e curiosa.


4/8/11

853. 45 meses


"It's time to taste what you most fear...
...
It's a holiday in Cambodia
where people dress in black...
...
it's a holiday in Cambodia,
where you'll do what you're told..."


(fragmentos de "Holiday in Cambodia", Dead Kennedys, 1980)



"Sangue vermello e relucente cobre o campo e as cidades da nai patria Kampuchea!
Sangue dos nosos espléndidos obreiros e labregos!
Sangue dos nosos combatentes revolucionarios, homes e mulleres!
Sangue que foi transmutado en fervente furia, en fera loita,
o 17 de abril, baixo a bandeira revolucionaria!
Longa vida á abraiante vitoria do 17 de abril!"


(inicio de "Glorioso 17 de abril", himno da República Democrática de Kampuchea, composto probablemente por Pol Pot, e posto en vigor coa nova constitución do 5 de xaneiro de 1976)


A pesar de usar fontes tan dispares, podemos dicir que si, que había homes de negro, que che dicían o que tiñas que facer, e que houbo sangue, moito sangue que acabou derramado polos campos e cidades de Camboxa, aproximadamente a de algo máis de dous millóns de persoas, un xenocidio que se tal vez en número non é o máis importante dos vistos no século XX, ponse rapidamente á cabeza en proporcións cando temos en conta á poboación do país en aqueles momentos, preto dos oito millóns de habitantes, o que sitúa a masacre nun 25% da poboación.

(restos de vítimas do campo de exterminio de Cheoung Ek)

A historia empeza en algún momento do século XX tralo desfile de gobernos e sucesivas turbulencias políticas que cruzaron o territorio: a descolonización francesa, a invasión xaponesa na II Guerra Mundial, a posterior independencia en 1953, a tradicional rivalidade cos seus veciños do Vietnam, e de fondo, a Guerra Fría, durante a cal o Sur de Asia foi un xigantesco taboleiro de xadrez onde as superpotencias da época, a URSS e os EEUU apoiaban/derrocaban a políticos e gobernos segundo os seus intereses de cada momento.

En marzo de 1970, o xeneral Lon Nol deu un golpe de estado, no que derrocou ó príncipe Norodom Sihanuk, convertendo a ata aquel momento neutral monarquía (con toques de mandato divino) na República Khmer, na realidade unha ditadura títere ó servizo do Vietnam do Sur e os EEUU na súa loita contra Vietnam do Norte e os Viet Cong (os charlies de Rambo).

E aquí e onde aparece un descoñecido grupo, os Khmeres Vermellos (os citados homes de negro), nome popular dado ós membros do Partido Comunista de Camboxa, e logo Partido Democrático de Kampuchea (nunca peor escollido o nome), que daquela eran unha guerrilla de ideoloxía confusa, na que se mesturaban un maoísmo extremista, a idealización do campesiñado, ideas anticolonialistas e a rivalidade co veciño vietnamita. Con estes ingredientes, o cóctel non podía resultar máis extravagante... e perigoso, como despois se demostrou.

Aquí é onde empezan a aparecer nomes como Nuon Chea, Ta Mok, Khieu Samphan, un sempre secundario Saloth Sar, ou Ieng Sary (os rastros biográficos de algúns son confusos, xa que existe o costume do cambio de nome, non por razóns de estética nin políticas, senón por tradición budista). Estes homes, que lideraban a guerrilla, foron aproveitando as circunstancias tanto da política internacional, como as da local, e coincidindo coa saída dos estadounidenses do Vietnam, impuxéronse na guerra civil que levaban mantendo contra o estado desde 1968, tanto contra Sihanuk, como logo contra Lon Nol. A novidade da caída de Phnom Pehn, o glorioso 17 de abril de 1975, por aqueles guerrilleiros de negro, pronto deixou paso ó asombro ante o establecemento dunhas medidas políticas resumidas en oito puntos, puntos establecidos un mes máis tarde nun mitin que durou cinco días:

1. Evacuar á xente de tódalas cidades.
2. Abolir tódolos mercados.
3. Abolir o sistema monetario do rexime de Lon Nol e reter o diñeiro revolucionario que había sido impreso.
4. Obrigar a colgar los hábitos a tódolos monxes budistas e poñelos a traballar cultivando arroz.
5. Executar a tódolos líderes do rexime de Lon Nol, empezando polos líderes máximos.
6. Establecer cooperativas de alto nivel por todo o país, con almorzos comunitarios.
7. Expulsar do país a toda a poboación da minoría vietnamita.
8. Enviar tropas ás fronteiras, particularmente á fronteira con Vietnam.


Na práctica, isto supuxo o abandono das cidades, a colectivización do país, a abolición do diñeiro e, de propina, a instauración dun rexime de terror no cal a busca do "inimigo oculto" era unha prioridade.

"Construír o socialismo en Kampuchea consiste en dúas partes, agricultura e industria. A agricultura será modernizada en dez ou quince anos por métodos científicos, construíndo presas de regadío e canles por todo o país. E as presas e canles deberán empezar no próximo año, 1976. A industria será modernizada nun periodo similar de dez a quince anos"

"Coa fin de lograr a construción do socialismo progresivamente e avanzar todos xuntos no periodo fixado, debemos tomar precaucións para depurar coidadosamente ós axentes infiltrados no partido, nas forzas armadas, nas diversas organizacións e ministerios, no goberno, e entre as masas do pobo"


Estas dúas frases, pronunciadas por Nuon Chea no mesmo mitin, resumen o que veu despois, un traslado en masa da poboación a traballar nos campos de arroz e un estado paranoico que vía inimigos en todas partes, e que os eliminaba, literalmente. A morte era unha realidade diaria que se podía presentar a un en forma de tiro na caluga (ou apaleados nos campos de arroz) por motivos tan peculiares como levar gafas ou saber francés, indicios "claros" de interese polos asuntos do estado e posterior transmisión de información ós axentes segredos vietnamitas, multiplicados na imaxinación paranoica dos líderes capitaneados de forma discreta por Pol Pot, que se mantiña na sombra como unha pantasma, sendo case imposible atopar imaxes súas da época e cedendo o protagonismo como presidente a Khieu Samphan.

Entón apareceron nomes que poderán ser lembrados xunto con lugares como Auschwitz, o S-21, que era o nome en clave de Tuol Sleng, antigo colexio de prestixio na capital do país, reconvertido en prisión segreda e campo de exterminio, onde o horror era o amo da situación, e ó igual que en outros sitios, como nos campos alemáns, se levaba un minucioso rexistro das torturas e asasinatos alí cometidos. Existe unha imaxe terrorífica que se conserva hoxe no museo existente no lugar: as miles de fotos que se lles facían os detidos antes de ser torturados e/ou executados e que se expoñen na súa memoria nas antigas aulas da escola, dirixida neste periodo polo sanguinario Duch.

Como rematou isto? En decembro de 1978, aproveitando o debilitamento do país debido á inercia autodestrutiva provocada polo rexime, as tropas vietnamitas invadiron case sen resistencia Camboxa, fuxindo os líderes khmer cara a clandestinidade e buscando refuxio nas selvas e sempre coas sospeitas de colaboración por parte do rexime tailandés, oposto ó vietnamita. Os líderes da desfeita foron librando, en parte grazas ó misterio do que sempre se rodearon, en particular Pol Pot, que non foi localizado (ou se deixou localizar) ata pouco antes da súa morte polo periodista Nate Thayer, ó que concedeu unha entrevista. Ente ancián case buenrollista, que parece deixar na entrevista unha especie de xustificación ou testamento político, morreu pacificamente ó ano seguinte sen pasar polos tribunais, ó igual que varios dos seus cómplices. Pero como podedes ver neste enlace, a formación do tribunal para xulgar os feitos, así como a súa posta en marcha e funcionamento, foron e van lentos, como adoita suceder nestes casos.

Recomendación:

A pesar do que parece evidente, hoxe non vou recomendar ós Dead Kennedys, senón que vou deixar esta páxina web onde podedes ampliar información e profundizar no tema, que atopei buscando información sobre o mesmo; e ademais que naveguedes pola vosa conta pola morea que enlaces que deixa o post, que se o chego a facer no post, tería que facer varias partes para resumir os 45 meses de desvarío que constituíu o rexime de Pol Pot. De feito, podería ter aforrado o post de hoxe e mandarvos dirtectamente alí, pero xa me parecía moito morro coa pouca actividade do blog nos últimos tempos.


22/6/11

823. Dous homes e unha elefanta


Topsy era encantadora, con 28 anos, máis ou menos tres metros e cinco toneladas de encanto, que é o que se pode esperar dunha elefanta india da súa idade, aínda que tiña algún arrebato de mal xenio, cousa que tamén se pode esperar dunha elefanta á que o seu coidador borracho lle da para comer un pitillo encendido. O caso é que a Topsy non lle sentou moi ben o tema, agarrou ó insensible bruto (o coidador) coa súa trompa e, en plan debuxo animado, estampouno contra o chan. Coa diferenza respecto ós debuxos animados, que o home non viu as estrelas, senón que chegou ó máis alá de forma instantánea.

Por outra banda, dous homes xeniais mantiñan un enfrontamento por unha cuestión AC/DC, é dicir, por ver cal das dúas formas de uso da electricidade era mellor, a corrente alterna ou a continua. Thomas A. Edison defendía o uso da última a traves da súa empresa General Electric, mentres que o croata Nikola Tesla obtivo apoio nas súas investigacións e patentes respecto ó electromagnetismo por parte do industrial norteamericano George Westinghouse, propietario e fundador da Westinghouse Electric.

E aquí, en 1903, é onde se xunta este trío aparentemente incompatible, pero que, como veremos, para desgraza da elefanta, non o era a nivel de circunstancia histórica.

(Edison, Topsy e Tesla)

Resulta que ademais do incidente co seu coidador no circo Forepaugh, Topsy xa matara a outros dous homes en Texas, as circunstancias non estaban claras, pero a ollos da sociedade neoiorquina, era culpable de asasinato, e xa sabemos como as gastan os norteamericanos co tema da pena de morte, e máis fai cen anos. Na disputa entre Edison e Tesla (ou Edison e Westinghouse) apareceu a demanda por parte da clase industrial de transporte de electricidade a maiores distancias e con maiores voltaxes que a usada para a iluminación. Isto era un problema para Edison, xa que a corrente continúa que producía producía grandes perdas nos transportes en forma de calor. A solución de Tesla era producir voltaxes máis elevadas, co cal reducía as perdas no transporte da electricidade, podendo baixalas despois para o consumo mediante transformadores.

Entón, vendo que o seu negocio se podía vir abaixo, Edison pasou ó ataque e decidiu que se non podía vender as virtudes do seu produto, demostraría de forma clara os perigos do do seu competidor: A corrente alterna era perigosa! E que maior perigo pode haber que que te maten, non?
A partir de experimentos previos con animais pequenos como cans e gatos, Edison inxeniouse para construír un aparello co cal matar animais usando a electricidade e a partir de aquí buscar o momento apropiado para dar un golpe de efecto contra o excéntrico e popular Tesla.

E o momento chegou, Topsy era culpable, merecía morrer (as cousas eran así, e seguen a selo en moitos sitios, non o esquezamos) e aquel tenro amigo dos nenos foi preparado para dar o seu último espectáculo: a súa execución. O influínte Edison amañouse para conseguir que o elefante fose axusticiado no Luna Park en Coney Island mediante un novo método: a "malvada" corrente alterna de Tesla, mediante 6600 voltios que pasaron a través de cables estratéxicamente situados no seu corpo. Para rematar a faena publicitaria, Edison, que non perdía un segundo sen inventar, utilizou un método propio de filmación para gravar o evento e, por suposto, poder difundilo logo polas salas de exhibición de Estados Unidos:


"Se a corrente alterna pode matar un elefante, que non poderá facer con unha persoa?", debeu pensar Edison que cavilarían os preto de 1500 curiosos que foron a ver a execución da elefanta asasina. A modo de xustiza poética, cabe dicir que Tesla deu como resposta unha demostración pública na que fixo pasar corrente alterna a través do seu corpo sen dano algún. E hoxe, todos nós usamos a corrente alterna na vida diaria, aínda que sen esquecer a continua, que é a que usamos en todo tipo de baterías dos múltiples cachivaches que posuimos. En canto a Topsy, en 2003, con motivo do centenario da súa execución, inaugurouse un monumento na súa honra no Museo de Coney Island.

Aínda que, como de todo hai quen tira proveito, alguén vira no método de Edison unha aplicación máis moderna e con menos sufrimento(?) na aplicación da pena de morte e antes do final de Topsy, William Kemmler tivo ocasión, de forma forzosa, de comprobar a eficacia das novidosas (e por desgraza para el, chapuceiras) aplicacións da eléctricidade, pero iso xa é outra historia que será tratada en outro post máis macabro e tenebroso...

Recomendación:

Moi apropiado para o post de hoxe e as súas macabras consecuencias, este tema recomendado por Xoán Carlos, grazas novamente, que me serviu para, buscando por aquí e por alá, atopar a idea da que naceu este post. A canción é "Olor a carne quemada", de 1982, un tema dos inicios de Gabinete Caligari.


8/6/11

821. A memoria minguante


"Entrevistador: ¿Qué le preocupa del porvenir?
Jorge Semprún: La memoria. Están desapareciendo los testigos del exterminio. Bueno, cada generación tiene un crepúsculo de esas características. Los testigos desaparecen. Pero ahora me está tocando vivirlo a mí. Aún hay más viejos que yo que han pasado por la experiencia de los campos. Pero no todos son escritores, claro. En el crepúsculo la memoria se hace más tensa, pero también está más sujeta a las deformaciones. Luego hay algo... ¿Sabe usted qué es lo más importante de haber pasado por un campo? ¿Sabe usted qué es exactamente? ¿Sabe usted que eso, que es lo más importante y lo más terrible, es lo único que no se puede explicar? El olor a carne quemada. ¿Qué haces con el recuerdo del olor a carne quemada? Para esas circunstancias está, precisamente, la literatura. ¿Pero cómo hablas de eso? ¿Comparas? ¿La obscenidad de la comparación? ¿Dices, por ejemplo, que huele como a pollo quemado? ¿O intentas una reconstrucción minuciosa de las circunstancias generales del recuerdo, dando vueltas en torno al olor, vueltas y más vueltas, sin encararlo? Yo tengo dentro de mi cabeza, vivo, el olor más importante de un campo de concentración. Y no puedo explicarlo. Y ese olor se va a ir conmigo como ya se ha ido con otros."

(Entrevista a Jorge Semprún en El País, 19-8-2000)


14/4/11

733. 14 de abril


"Artículo 1.
España es una República democrática de trabajadores de toda clase, que se organiza en régimen de Libertad y de Justicia.
Los poderes de todos sus órganos emanan del pueblo.
La República constituye un Estado integral, compatible con la autonomía de los Municipios y las Regiones.
La bandera de la República española es roja, amarilla y morada."



27/3/11

727. Liquidación absoluta


Despois do escrito sobre o terremoto de Xapón, e observando atentamente o que sucede na central nuclear de Fukushima, ou o que nos deixan ver, para ser exactos, veume á memoria unha historia que é o referente inmediato destes días nos que lemos novas sobre os traballadores que quedan na central tratando de minimizar os efectos do desastre e prever outros maiores, traballadores que son serios aspirantes a morrer en breve debido á cantidade de radiación que os debe estar atravesando.

"ликвида́торы", ou o que é o mesmo: "liquidador", foi o nome aplicado ás 600000 persoas (dato estimado) que, ben de forma voluntaria ou como parte do exército soviético, participaron nos primeiros días despois da explosión do reactor número 4 da central nuclear de Chernóbil nos traballos de contención do que quedaba no núcleo do reactor, extinción do incendio e na construción do sarcófago que posteriormente o cubriría.


(fotografía tomada por Igor Kostin de varios dos liquidadores antes de subir ó teito do reactor)

Nos primeiros momentos, moitos destes homes traballaron con uns rudimentarios "traxes" de chumbo, consistentes en recubrir os uniformes con follas de chumbo ata xuntar uns 30-40 kg de peso, cos que en quendas de tres minutos (dos cales permanecían sobre medio minuto no teito do reactor) se adicaban a retirar o escombro radioactivo. A dose de radiación superaba nunhas duascentas veces os niveis letais, o que fai aínda máis sorprendente o feito de que non morreran alí mesmo.

Un indicador do nivel de radiación é o dato de que o fotógrafo Igor Kostin, autor da famosa foto aérea do reactor desde un helicóptero, só puido ensinar dita foto porque o resto do carrete quedou velado debido á radiación.
Estes efectos pronto empezaron a verse na cidade de Prípiat, a onde empezaron a chegar os traballadores da central, soldados e voluntarios (si, voluntarios!) que estaban tratando de combater a aquel inimigo silencioso, invisible e terrible que era a radioactividade. (Parástesvos a pensar algunha vez no tema? De seguro que o contorno de Chernóbil era un lugar tremendamente tranquilo neses momentos, incluso plácido, nada que ver cos estrondos típicos dos filmes de catástrofes. Aínda dá máis medo...) A pesar da súa invisibilidade, a xente pronto empezou a percatarse de que o sucedido deixaba efectos visibles... e dificilmente esquecibles.

Os corpos parecían desfacerse en horas, as queimaduras debidas á radioactividade arrasaban os corpos de aqueles desgraciados que, ben por un diñeiro aparentemente fácil, ben por facer méritos no exército, ou ben por un sentido do deber que lles levou a ignorar conscientemente o perigo ó que se enfrontaban, loitaron co desastre naqueles días de primavera de 1986. As instantáneas eran arrepiantes, médicos e enfermeiras que non se atrevían a achegarse ós enfermos, aqueles sinistros bronceados que ían aparecendo na pel das vítimas da central, e o macabro detalle dos cadaleitos de chumbo que ían chegando ós hospitais e nos cales o exército levaba os cadáveres dos liquidadores para dirixir os funerais controlando o ambiente familiar, non fose a ser que alguén os abrira para botar unha última ollada ós seus seres queridos, e agora, contaminados de forma mortal.

O número de mortos é unha incógnita, en parte debido ó hermetismo da época soviética, e en parte debido ó lóxico descontrol durante a evacuación/fuxida de Prípiat. As estimacións rondan cifras de máis de 50000, ás que hai que engadir máis do triple de discapacitados e un número aínda non calculado de malformacións xenéticas que afectaron (e afectarán) ós nacidos desde entonces, por non sumar os casos de cancro e outras enfermidades que non se manifestaron no momento, pero que co paso dos anos poden ir aparecendo. Isto fai que este se convertese posiblemente nun dos traballos máis perigosos da Historia, con un 50% de mortos, e o outro 50% con danos irreversibles.

Como detalle curioso, podemos ver na imaxe anterior a medalla que a Unión Soviética concedeu a estes heroes, porque chamarlles de outra maneira sería inxusto, e apreciar o motivo central, unha gota de sangue atravesada polos tres tipos de radiación: alfa, beta e gamma. O sangue que moitos destes tamén chamados "Biorobots", pola súa frialdade á hora de expoñerse ó perigo, derramaron case sen darse nin conta.

Se queredes ampliar información, podedes ler este artigo do blog "La pizarra de Yuri" (fenomenal na súa introdución desmontando algúns mitos), ou ben buscar calquera dos documentais ó respecto do tema que hai pola Rede. E ademais, non concluír sen lembrar tamén ós pilotos de helicópteros que voaron sobre a central para tratar de deixar caer no reactor unha mestura de materiais que tiñan como finalidade evitar unha reacción en cadea e a fuga de máis materiais á atmosfera. A súa mortandade foi case total.

(Hoxe tampouco hai recomendación, non é preguiza, simplemente, ó igual que fai dous posts, o escrito non me deixa con moito ánimo para buscar unha canción bonita ou un texto fermoso, ou algo para esparcirse... como moito recomendar unha reflexión sobre o debate nuclear de forma fría e pensar que queremos facer do noso planeta, o noso nivel de vida, comodidades, luxos, a que estamos dispostos a renunciar ou canto e/ou que estamos dispostos a pagar por iso. Máis alá das pancartas e a demagoxia habitual, non se ve moito destas reflexións nos que deben tomar decisións, así que mellor pensar sen esperar a que o fagan por nós)