13/4/12

967. Motivación (brutal)


"Eu xa estou de camareira e se ti segues así, de que vas acabar? De algo peor, non?"

(reprimenda dunha nai á súa filla no instituto)

Recomendación:

Despois de tan truculenta ameaza sobre o futuro profesional da miña alumna, evadámonos mediante a lisérxica viaxe musical que nos proporcionan Smoking Spore con "Toad patrol", do seu disco Conversations in D minor (2009).
Longa vida ós temas de máis de 10 minutos!


16/3/12

953. Sen palabras (literalmente)


Hoxe tiven unha "conversa" cun pai estranxeiro sobre o comportamento do seu fillo. O das aspas é porque non contestaba unha soa das miñas preguntas, só asentía mecanicamente coa cabeza, pero como sen vida. Chegou un momento que empecei a pensar que tiñamos un problema co idioma, que realmente non se enteiraba de nada e fun buscar ó rapaz para que me axudara coa tradución.

Cando chegou o rapaz, o pai empezou a falar con el, e para o meu asombro, despois dunha pequena conversa na que eu cría que estaba intervindo por medio dun "tradutor", empezou a falar nun castelán perfectamente comprensible, pedindo desculpas e prometendo que a situación ía cambiar. Agora que quedou sen traballo, dixo, podería andar un pouco máis enriba do fillo.

Quedei de pedra. Non é que non me entendera, senón que se debía sentir tan avergoñado e humillado polo comportamento do seu fillo que non fora capaz de falarme.

Despois marchou, case non fomos capaces de despedirnos, ía pensativo, sen palabras. Eu tamén.

Recomendación:

Do álbum de Manu Chao, "Próxima estación: Esperanza", unha canción de título perfecto para o que veño de contar: "Infinita tristeza". (Isto é o malo de ser xefe de estudos, sempre acabas vendo o lado máis crudo das situacións que acontecen nun centro educativo)


29/2/12

947. Folga!


A media mañá no instituto:

- Ola, profe!
- Ola, que foi?
- Nada, só che queriamos preguntar unha cousa.
- Si?
- Podemos marchar para a casa?
- E logo?
- Estamos de folga.
- Ah, e entón, que facedes no instituto?
- E que marchou algunha xente e agora aburrímonos.
- Vale.
- Ben, entonces, non podemos marchar?
- Non teño ningunha autorización de vosos pais e estamos en horario de clases...
- Entón, se marchamos, póñennos falta?
- Claro!
- E para xustificar esas faltas?
- Vosos pais.
- Oh! Grazas profe, marchamos... para clase.

E mentres tanto, no exterior, seguían ardendo as barricadas que a turba enfurecida levantara coidadosamente en defensa dos oprimidos...

Recomendación:

Para que algún dos arriba citados colla algo de perspectiva histórica, traio unha película de alguén que tiña un espírito revolucionario algo máis claro: Eisenstein. De 1925, Стачка (A folga):


17/2/12

941. Sutileza infinita


"Aproveitando que estamos traballando coas inecuacións, lembremos as dificultades do manexo do concepto de infinito. Unha forma de aclaralo é darlle un uso concreto, como, por exemplo, tratar de facerse unha idea da cantidade de tontería que existe neste mundo"

(dixo o profesor, farto despois de varias chamadas de atención ós seus alumnos)

Recomendación:

Para entreterse un pouco e non enfadarse, do álbum "Están ustedes unidos" de Eladio y los seres queridos, o tema "La cruz".


30/1/12

937. Nacionalidade difusa


Corredor do instituto, cambio de clase, a todo dar dun aula a otra, cando de repente me paran un par de alumnos:

- Profe, profe!
- Ola, que tal?
- Ben, ben. Sabes que temos un alumno novo?
- Eh?
- Si, si, un rumano, de Bulgaria.
- Aaaah, eeh, mmmm... grazas pola información!

Recomendación:

Como podes supoñer, isto necesita tempo para asentar no cerebro, un bombazo deste calibre no intelecto non se recibe tódolos días. Para ir suavizando o tema, deixo este outro tema, musical, dos suecos Oh Hiroshima!, "The fog of war".