28/7/12

1021. (Tele)Visión do futuro


"¿Nunca habéis pensado que el LSD y la televisión en color llegaron para nuestro consumo más o menos al mismo tiempo? Nos llega toda esta pulsación explorativa de color y ¿qué hacemos? Prohibimos una cosa y jodemos la otra, la televisión. Desde luego, es inútil en las manos actuales; creo que no hay mucho que discutir al respecto."

Así de claro e visionario foi Charles Bukowski en 1967 para empezar o seu relato "Un mal viaje" incluído nunha edición de varios relatos seus que foron publicados en España baixo o título do último deles, "La máquina de follar". E iso que non coñecía a televisión actual...

Recomendación:

Un pouquiño máis tarde, a finais de 1969, a banda británica Head Machine gravou o seu único disco, "Orgasm", do cal queda aquí como mostra o tema do mesmo título. Bo proveito!


11/7/12

1019. Eu non quería, pero...


"La subida del IVA es el sablazo que el mal gobernante pega a sus compatriotas"

Efectivamente, Mariano (Rajoy). Quen te coñece mellor que ti mesmo, que xa dicías isto en marzo de 2010?

Por non falar do resto teu patético discurso de hoxe no que ías admitindo incumplir un tras outro tódolos puntos do teu programa económico, por non falar de como se está socializando esta crise na que os bancos e moitos dos seus dirixentes/ladróns se repartiron e/ou roubaron uns beneficios descomunais, mentres que as perdas as está pagando todo o país. Ai, non, todos non, os bancos seguen sen regulación adicional despois das xenerosas tempestades de millóns de euros que lles caeron enriba, os cargos políticos non reduciron os seus salarios e privilexios, as grandes fortunas do país e as grandes empresas non viron aumentar os seus impostos, a Igrexa segue a parasitar millóns e millóns de euros ano tras ano sen pasar pola caixa pola que o resto temos que pasar cando nos confesamos con Facenda. E por non falar tampouco dos grandes defraudadores, que seguirán ríndose do país a conta da xenerosa e irresponsable amnistía fiscal dictada polo teu goberno.

Pero claro, ti, meu pobre, entre a herdanza recibida (non me estraña que o país estea pobre, tocáronlle ó teu goberno tódalas herdanzas), e o que non che queda máis remedio que facer, e o que nos impoñen os malvados europeos, ti, como de costume, non te enteras de nada e vas tirando para diante coa inocencia dun año a punto de convertirse en suculento asado previo paso polo matadeiro.
O matadeiro no que se terán que facer os sacrificios que nos pides a todos, pero que acabas lexislando que fagamos os funcionarios, os pensionistas e os parados. Como o teu predecesor nos deixou tremendo cando ti opinabas que os recortes eran malos, malos, malísimos, agora non che quedou máis remedio, meu pobre, que seguir o seu camiño, pero claro, as cousas, a facelas, facelas ben, non como o outro que só nos meteu un pau do 5% de media ós funcionarios e lle fixo unhas pequenas cóxegas ós pensionistas, e uns regaliños de nada ós empresarios creando un marco lexislativo laboral próximo á explotación.

Tanto criticar ó anterior inquilino do teu chabolo (canto pagas de aluguer?) e resulta que che foi despexando o camiño para que pasaras por riba das clases medias e baixas deste país como o cabalo de Atila... se no fondo ata tes sorte.

Do meu, xa nin comentar, porque entre ti e os teus predecesores conseguistes ir estendendo a idea de que os funcionarios nos queixamos de vicio, pero que saibas que empezo a estar farto, non, o seguinte, de que sempre me pidades "esforzos", bonito eufemismo baixo o cal agochades a degradación permanente das nosas condicións de traballo, tanto económicas como de realización do mesmo. Da nosa consideración social na que tanto traballades coas vosas declaracións, tranquilos, síntome autorizado a facer comentarios do mesmo tipo cando fale de vós, os políticos que nos gobernades.

En resumo, Presidente, que por min, como se vos parte un raio a ti e a tódolos que che estiveron aplaudindo e rindo a gracia durante un minuto despois de anunciar no Congreso o gran estacazo que lle ides meter ó país... para ser exactos só a parte do país, exactamente á parte que máis queimada estaba xa.

Recomendación:

Pensando nas sensacións que tiven hoxe ó escoitar parte do discurso do Presidente, veume á cabeza esta canción de Los Rodríguez (curiosa ironía), "Palabras más, palabras menos".
Estaría pensando durante o seu discurso nas "palabras llenas de remordimiento, palabras que se lleva el viento"?


29/6/12

1013. Quen sabe onde?


Non, Al plato volverás...(TM) non pretende facer hoxe historia da televisión, senón contar o que pode ser atoparse coa burocracia deste país cando a esta non lle interesa ser atopada. Imos alá.

(teléfono na Consellería de Educación, delegación de Lugo)
- Bos días. Está o inspector ***?
- Non, hoxe non.
- E podería dicirme se vai estar o luns?
- Pois non sei, terías que falar coa secretaria. Agora non está, mellor se chamas dentro de un pouco.
- Grazas. Ata logo.

(media hora máis tarde)
- Bos días. Chamei antes para saber se o inspector *** vai estar este luns.
- Pois non sei, ten garda o martes.
- Ah, ben. A que hora vai estar?
- Pois... este martes non está. O mércores vai estar... pero non toda a mañá, que ten unha reunión en Santiago.
- E para falar antes con el?
- Non che podo dar teléfonos privados, síntoo.
- Non, se non era iso, simplemente con que lle deran o recado de que nos chame ó instituto...
- Mmmmm... mira, se queres falar con algún dos de garda.
- ... (irreproducible)

Recomendación:

A estas alturas alguén xa terá pensado neste fragmento de "As doce probas de Astérix". Pola miña parte, déixovos con esta forma de esperar bastante distinta que nos conta Corcobado, "La navaja automática de tu voz".


27/6/12

1009. Negociación... ou algo así


Martes 19 de xuño, última hora da mañá:

Recibimos unha chamada no instituto na que se nos pide que chamemos á Inspección Educativa e nós, como xente civilizada e obediente que somos coas nosas responsabilidades, facémolo. O resumo, saúdos e formalidades aparte, é o seguinte:

Inspector: Estamos vendo que segundo as previsións de matrícula, existe a posibilidade de ter que desprazar(*) a dous profesores.
(*) desprazar: largar a alguén do seu destino definitivo para outro centro, normalmente por falta de horas de traballo (na práctica, instrumento para recurtar plantillas sen xustificación algunha dándolle un destino, non definitivo, pero apetecible para os afectados, co cal non soen protestar moito)
Director: Ben, pois aínda que non estamos de acordo, estamos á súa disposición para falar do tema cando queira.
I: De acordo, pois xa seguiremos en contacto nos próximos días.

Inxenuos e parvos de nós, que nos botamos a facer contas para tratar de xustificar a nosa posición tendo en conta o beneficio do noso alumnado e a posibilidade de proporcionar un ensino de calidade. E para que negalo, que a ninguén lle fai gracia que lle anden recurtando na plantilla de persoal.

Martes 26 de xuño:

Temos reunións de claustro de profesores e consello escolar nas que se expresa o desacordo de toda a comunidade educativa do centro ante a posibilidade de recurtar a plantilla, fanse esbozos da planificación previa do vindeiro curso e se queda á espera de novas conversas coa Inspección Educativa.

A última hora da mañá recibimos unha carta da Inspección Educativa na que se nos comunica a resolución definitiva dos posibles recortes, resolución na que pasan a confirmarse ditos recortes indicando cales son os profesores desprazados. Eses recortes dos que iamos falar en vindeiras conversas, parece ser. A data de saída de dita carta: 19 de xuño!
(Repasade o inicio do post e deducide o resto, que non fai falla ser moi listos)


"Queridas Inspección Educativa e Consellería de Educación, grazas por amosarnos de forma tan clara e económica (lembremos que pagamos nós a chamada) o aprecio e importancia que lle dades á educación. Acabamos de substituír a eficiencia educativa pola económica, total para ter parados ós que explotar, mellor que non vaian moi cualificados. Así mesmo agradézovos que me deixedes tan claro cal é a vosa forma de dar a cara mediante o uso do engano e os feitos consumados. Xa que non podemos esperar nada bo de quen debería preocuparse de mellorar a calidade da educación, polo menos estar avisados para a próxima. Non vai doer menos, pero teremos as vendas preparadas.
Un saúdo nada afectuoso."

Recomendación:

E xa que, como bo educador que intento ser, trato de predicar co exemplo, vou botar a sinceridade por diante (tomade nota, autoridades educativas) e deixarvos unha recomendación musical. Un tema de Red Hot Chili Peppers, do seu álbum "By the way", unha canción que por algunha misteriosa razón leva dándome voltas na cabeza todo o día, "Cabron".


4/5/12

997. Mala persoa


Palabras coas que me levan regalado os oídos neste curso (só é unha selección):

"Deberías pasar corenta horas no calabozo."
(nai furiosa porque o seu fillo suspendera, o alumno non veu ó exame despois de recordarlle media hora antes que había exame...)

"Es que ya estamos con lo de siempre, como somos gitanos, me estás llamando para dar quejas del chaval."
(pai indignado, o de que con trece anos estivera metido nunha pelexa e faltara a clase de forma sistemática parecía ser irrelevante)

"Este instituto é peor que con Franco."
(alumna menor de idade, tan coñecedora de Franco como das normas de educación)

"Tú me estás echando las culpas... claro, como soy extranjero."
(alumno a punto de ser castigado)

De todo isto que teño oído, deduzo que en menos dun ano, aparte de ser un delincuente, volvinme racista, dictador e/ou fascista, xenófobo e a saber que máis do que non me teño enterado. Ás veces, penso que, se fora malo de verdade, aforraría unha de traballo e de reviravoltas diplomáticas...

Recomendación:

Como seguramente tamén se me asociara co Maligno de algunha maneira, ben polos meus actos, ou asistencia a aquelarres ou vai saber que escuras e innomeables prácticas que adornan a miña existencia sen que eu mesmo o saiba, vou recomendar unha canción de Iron Maiden que algúns atoparían apropiada como banda sonora da "miña" vida. Aproveitando o trixésimo aniversario do seu lanzamento, "The number of the Beast".

"...6-6-6, the number of the Beast..."