21/12/12

1093. Apocalipse escolar


Onte, 20 de decembro, en clase:

- Profe, sabías que mañá é a fin do mundo?
- Si.
- E sabes a que hora vai ser?
- Si, ás dez e media da mañá.
- Como?
- Pois iso, ás dez e media.
- Pero a esa hora dan as notas.
- Exactamente.

Recomendación:

E para manter a coherencia do post, a recomendación musical é o clásico "The End" de The Doors... e se non se acaba o mundo, pronto haberá máis.


1/12/12

1091. Necedade


"Cando no mundo aparece un verdadeiro xenio, podémolo recoñecer por este signo: que os necios se conxuran todos contra el."

Recomendación:

Vistas as declaracións de algúns dos nosos políticos e responsables de organismos económicos respecto ó tema económico, calquera diría que estamos cheos de xenios, porque parece que o resto somos uns necios que nos esforzamos en levarlles a contraria. Para ver como sería a vida diaria dun ser deste tipo, propoño a lectura dun dos meus favoritos, "A conxura dos necios", de John Kennedy Toole, que con gran acerto puxo no inicio do libro a cita que abre este post.
(Podedes ler aquí o inicio)


10/11/12

1087. En crise


Hoxe pola mañá fun á farmacia a coller un par de cousas para unha infección na gorxa que fai que teña que estar calado o máis posible durante dous días. Durante o semidiálogo (ela podía falar, eu medio susurrar) coa farmacéutica chegamos a este punto:

- Vale, aquí están, AAAA e BBBB.
- Ben, canto é?
- A ver, AAAA, listo. BBBB non entra no seguro, vas levalo igual ou déixalo?
- Eh?

Mal estamos cando temos que plantexarnos se curarnos ou non por culpa do tema económico e aqueles que están encargados de xestionar o asunto xa o teñen totalmente asumido.

Recomendación:

Para desconectar un rato, deixo aquí o tema "My father, my king", de unha das bandas da miña devoción, Mogwai.



21/10/12

1069. Diferentes


Este blog só pode facer unha análise clara e intelixible das eleccións de hoxe: somos así e punto. Polo tanto poñámonos en pé cantando e sexamos consecuentes proclamando a nosa idiosincrasia:




8/10/12

1063. Menos mal (animaliño)!


Como de costume, un luns tranquilo e relaxado na xefatura de estudos (os luns, os alumnos tardan en despertar desde que chegan a clase), cando...

- Ola! (entra un alumno)
- Dime.
- Nada, que me botaron de clase.
- E logo, que pasou?
- Que pasou? -voz alteirada- Eu, á profesora esa só lle berrei, nada máis.
- ... (WTF?)

Recomendación:

Fai uns días mencionaba un libro do Romanticismo inglés. Moito máis actual e infinitamente menos romántico (aínda que os seus desequilibrados protagonistas igual discreparían desta valoración), "Felices como asesinos" de Gordon Burn. Un relato real sobre a vida e feitos do matrimonio West, auténtica parella de psicópatas asasinos que saltou ás portadas da prensa mundial cando a súa casa pasou a ser coñecida como a "Casa dos Horrores". Malos tratos, incestos, violacións, asasinatos e comportamentos que adquiriron o atributo de normalidade no 25 de Cromwell Street de Gloucester e que fan o libro pouco apto para estómagos delicados.