1/3/15

1237. Siga a ese taxi!


Na noite dos Oscar de 2013, "Searching for Sugar Man" levou o premio ó mellor documental. Finalizaba aquí a peripecia do seu director, Malik Bendjelloul, tratando de atopar a Rodríguez, un misterioso músico de inicios dos anos 70 que tivo un gran éxito na pechada Sudáfrica do apartheid. Parafraseando a Michael Ende, esa xa é outra historia e xa a contaron outros moito mellor do que o podemos facer aquí.

Cunha temática parecida e non menos peculiar, podemos atopar a historia de Brian Shimkovitz, un estudante de Etnomusicoloxía e DJ, que ten unha páxina web de nome revelador das súas intencións, Awesome Tapes From Africa, na que vai recuperando antigas casetes (quen dixo que o CD era o último?) e, ademais de dixitalizalas, fai posible que estean a disposición do público para que coñezamos algo máis da música do continente esquecido. Non tedes máis que botar un ollo ó enlace que deixei para comprobar que hai xente que se toma moito máis en serio o dos coñecementos peculiares do que outros o facemos en modestos blogs. Como podedes comprobar, o nivel de especialización e rareza é alto...

O que non podían sospeitar algúns dos mencionados na páxina é que esta páxina lles dera unha segunda oportunidade na música. Un destes casos é o de Hailu Mergia, músico etíope que tivo unha época de éxito no seu país a mediados dos anos 70 (como Rodríguez, a saber a de música boa da época que se terá perdido). Despois da caída de Haile Selassie I en 1974, Etiopía pasou a ser gobernada polo Derg, un rexime ditatorial de corte marxista-leninista, que trouxo bastante incertidume á vida dos etíopes, un dos cales foi o propio Hailu Mergia, que desapareceu da vida pública.


(aquí está o disco que o "resucitou")

Volvendo ó traballo de Brian Shimkovitz, o álbum "Tche Belew" que tedes enriba destas liñas, sacou á luz en 2014 a Hailu Mergia, que non só desaparecera da vida pública de Etiopía, senón que tamén desapareceu da propia Etiopía, fuxindo do país a inicios dos anos 80 e rematando nos Estados Unidos, onde levaba unha década traballando como taxista en Washington D.C. E de aquí, a volver a ter ofertas para tocar de novo, por certo, obtendo boas críticas, non pasou moito tempo. Co cal o taxi quedará aparcado por un tempo e a carreira de Hailu Mergia, quen sabe... esa será outra historia e ó mellor será contada por aquí nun futuro, sempre que teña algún rasgo curioso, claro.

Nota histórica: Haile Selassie I tamén era un tipo peculiar, que aparecía nun libro xa mencionado neste blog, é que, ademais de toda a súa biografía, tamén merece ser recordado por unha suculenta anécdota. Contan que con ocasión da súa fuxida do país durante a época colonial de Mussolini, o último descendente do rei Salomón (ou iso dicía) deixou tras de si un rastro de latrocinio no seu despacho descuberto polos soldados que entraron nel e que notaban que o chan do mesmo non estaba moi firme. A explicación era certamente curiosa, cando levantaron as lousas do chan atoparon moreas de billetes debaixo. Un seguro para emerxencias? Nunca se saberá, pero o certo é que os italianos non deberon deixar moi bo recordo, porque ó ser expulsados no 1941, o Ras Tafari Selassie recuperou o trono ata 1974.

Recomendación:

Seguindo na liña da entrada anterior, recomendareivos outra novela gráfica, "Haarmann", historia dun asasino alemán da década de 1920, que combinaba de forma macabra a súa profesión coa súa vida criminal (ver biografía). Ou se preferides algo máis relacionado coa música, "El quinto Beatle, la historia de Brian Epstein".

Leades o que leades e/ou escoitedes, tamén se recomenda de forma encarecida que o consigades en Miranda - cultura para levar, en Santiago de Compostela (localización), onde aparte de ser amablemente atendidos poderedes atopar o necesario para satisfacer as vosas ansias culturais nun ambiente acolledor... e ó mellor, ata o disco de Hailu Mergia, non subestimedes os poderes do seu propietario, Xoan Carlos.



27/2/15

1231. Unha de patacas... vai!


Alá polo 1966, James French estaba cumprindo unha sentenza de cadena perpetua no estado de Ohio, que consideraba inxusta, pero despois dunha profunda reflexión (ou non, quen sabe?) chegou á conclusión que toda a vida ía ser un período de tempo demasiado longo e decidíu dar un xiro ó seu destino. A solución era simple: suicidarse. O novo problema: non se atrevía.

E volta a buscar unha solución ós seus problemas, e de súpeto, idea: xa que el non se atrevía, faría que o Estado acabase con el. Este peculiar novo método de suicidio necesitaba un detonador, e French, que a estas alturas xa sabemos que pensaba moito, atopou pronto unha idea: matar ó seu compañeiro de cela. Pensado e feito. O tema estaba moi claro e o tribunal non tivo dúbidas, pena de morte.
Visto que French quería morrer e o Estado tampouco puxo moitos reparos, o proceso foi rápido, e French tivo a dubidosa honra de ser o único reo executado aquel ano nos Estados Unidos.

E por se ata aquí non tiñamos claro que French era un tipo inxenioso, chegou o día da execución aproveitando as ensinanzas de Edison, e cando lle dixeron se quería dicir unhas últimas palabras, entrou de forma estrepitosa polas portas da Historia dirixíndose ós membros da prensa que estaban presentes:

"Hey, fellas! How about this for a headline for tomorrow’s paper? 'French Fries!'"
(Ei, mozos! Que tal isto para os titulares dos xornais de mañá? "French Fries!")

Aparte de referirse ó seu inminente estado, "French fries" é o nome que lle dan nos Estados Unidos ás patacas fritidas. (Agás na tolemia patriótica desvariada de despois dos atentados do 11-S, na que, indignados coa falta de apoio de Francia ás aventuras guerreiras de Bush Jr. e os seus amigos do trío das Azores, se lles chamou durante unha temporada "Freedom fries").

Recomendación:

Outra historia ben curiosa acerca dun individuo sumamente macabro, pero contada dunha forma nada macabra, senón todo o contrario, é a que conta a novela gráfica "Mi amigo Dahmer", na que o autor, Derf Backderf, 
lembra as súas vivencias como compañeiro de clase de Jeffrey Dahmer, asasino en serie que faría parecer a James French un amable e exemplar cidadán ó que nos gustaría ter como veciño.


24/1/15

1229. Susto ou morte


A Teoría de Xogos, acompañante da Teoría da Decisión no que levamos de milenio como grandes armas para os investigadores á caza do Premio Nobel de Economía, ademais de reflexións profundas sobre as consecuencias na vida diaria do seu uso, ofrece como contribución á cultura xeral de nivel popular o dilema do prisioneiro, que na súa formulación clásica leva á paradoxal consecuencia de aceptar de modo reflexivo un mal/castigo cando existe a posibilidade de saír ben librado da situación.

Entón, onde está o truco de esta, a priori, estúpida decisión?
A cousa ten unha explicación clara. A situación non está tan controlada polo protagonista, e falta mencionar unha circunstancia decisiva, que é que, en caso de ser descuberto na mentira (ou no caso clásico, non colaborar co outro xogador na estratexia salvadora), sufrirá un castigo maior do que aceptaría a priori ou, para adornar máis a maldade da situación, un castigo descoñecido. Sobre este castigo, por un mecanismo psicolóxico de medo ó descoñecido, o individuo asume (acertadamente... ou non) que vai ser peor que o que se pode escoller libremente.

Con todo o exposto, é facilmente deducible que a manipulación humana é relativamente sinxela, como ben demostrou un dos meus alumnos esta semana. Esta simple aplicación práctica (coloquialmente coñecida como susto ou morte) das teorías de John Nash comeza con un par de alumnos que, grazas a unha combinación de metedura de pata e amago de mala educación, acabaron caendo nas miñas mans. Ademais, un deles tiña pendente limpar mesas, co que a coincidencia entre a sanción pendente e a aparición dos involuntarios colaboradores fixo que a situación se resolvera dunha forma case natural.

Suso: - Visto o visto, e como xa tiña falado con Alumno1, os dous ides estar limpando mesas nos recreos.
Alumno1: - De acordo.
Alumno2: - Pero eu non pintei as mesas.
Suso: - Xa, xa sei que as pintou Alumno1. Igual que Alumno1 tampouco pintou tódalas mesas que ides limpar, para ser exactos, as de tódalas aulas. Pero xa estaba máis que avisado e agora vai limpalas todas.
Alumno2: - Pero eu non estaba avisado e non pintei ningunha. Eu fun ó baño cando non debía.
Suso: - Vale. Entonces non debe ter nada que ver coas mesas, non?
Alumno2: - Xusto.
Suso: - De acordo. Entonces, mentres Alumno1 limpa as mesas, se queres, ti limparás os baños do instituto.
Alumno2: Ja, ja, ja... que bo, profe. (con varios compañeiros acompañando as súas risas)
Suso: - Mmm, grazas... pero estou falando en serio. Ten que ver co que fixeches. Que opinas?
Alumno2: - ... (silencio)
Suso: - E logo, que?
Alumno2: - Non, case mellor o de limpar as mesas paréceme unha boa idea. Tes razón. (con cara de alivio, case alegría)
Suso: - Por suposto.

Recomendación:

Unha interesante variante das teorías mencionadas, sería a Psicohistoria, non tan desenvolvida aínda (que se saiba) tal e como aparece no decurso da acción de un dos grandes clásicos da ciencia-ficción, "Fundación" do mestre Isaac Asimov.




23/12/14

1223. Xoguetes (confusos)


Aló polo 1892, en Alemaña, alguén comercializou un xogo chamado Stern-Halma (Halma estrelado, literalmente). Este xogo era unha variante doutro inventado unha década antes nos EE.UU., o Halma, que á súa vez procedía do Hoppity inglés, e que en caso de seguir buscando seguro que poderiamos continuar a cadea para atrás ata extremos insospeitados.

En 1928, e como parte dunha campaña comercial, o xogo empezou a venderse co exótico nome de damas chinesas, tendo como dato curioso que na China foi introducido anos despois polos xaponeses.

Case un século despois, no actual 2014, o xogo formaba parte dunha pequena exposición-obradoiro que estaba na biblioteca do Instituto de Suso como actividade previa ás vacacións de Nadal. E como toda cousa que se precie nun instituto, era susceptible de sufrir desperfectos e/ou vandalismo. Neste caso, consistente no roubo de unha cantidade considerable das boliñas que se utilizan como fichas do xogo. O autor da trasnada foi rapidamente descuberto grazas ás eficientes pesquisas do xefe de estudos (autobombo, por que non?)... e tamén a sonsacar a un par de alumnos que habitualmente están metidos en todo o que pasa no centro.

Coincidindo no tempo, tivemos as avaliacións. Nestas xuntanzas do profesorado, das que os alumnos opinan que son para falar mal deles, e os profesores dicimos que son para facer unha posta en común da marcha dos alumnos no curso e tratar de buscar como mellorar o proceso (agora escollede a versión que máis vos guste), como ía dicindo, nestas xuntanzas poden contarse detalles como o anterior das damas chinesas para ilustrar o estado de dispersión no que o alumno está submerxido e que pode ameazar o seu futuro académico.

O caso foi que, como xefe de estudos, informei ós profesores do túzaro en cuestión do roubo das bólas do xogo, aparte da sanción que o tema levaba consigo. O problema foi que, despois de varios días de papeleo intenso, exames, etc., a lucidez non era a que debería e ante as preguntas de algúns profesores informei, tratando de abreviar (?), nos seguintes termos:

"O que pasou foi que **** levou da biblioteca unhas bólas chinesas"

Así que, a partir de aquí, lembrarvos que pensedes dúas veces antes de abrir a boca cando esteades cansos. E por se só pensades no único, lembrade non confundir bólas chinesas (保定健身球, bǎodìngjiànshēnqiú) con bólas chinesas (阴道球, yīndàoqiú), que vai ti a saber que pensan algúns que temos na biblioteca... e que pensan que debo de ter eu na cabeza.

Recomendación:

Aparte de recomendarvos que xoguedes coas damas chinesas... ou con calquera outro dos xoguetes citados, alá cada un co que fagades nos vosos ratos libres, presentarvos a unha das primeiras bandas chinesas de heavy metal, en chinés, por suposto. "太阳" (O sol), dos 唐朝乐队 (Dinastía Tang). Con subtítulos, que non se diga que non se entende.


17/11/14

1217. Perigo, xabaríns soltos!


Fai un par de semanas acompañei a un grupo de alumnos de visita a lugares variados, a rotativa dun xornal, uns estudos de produción audiovisual e, finalmente a un museo, lugar onde unha das nosas alumnas tivo a ben facer a seguinte pregunta a unha das empregadas do mesmo:

"Y aquí, ¿hay algo interesante que ver?"

A pregunta, xa escalofriante de por sí, á par que avergoñante para os seus profesores, non tería máis trascendencia (por desgraza, xa estamos acostumados á nosa fauna) se non fóra porque a nosa alumna a formulou cando marchabamos.


Aaaghh!

Recomendación:

Se despois de tal exposición á barbarie sentides necesidade de recuperarvos, nada mellor que unha obra de divulgación científica, "Os dados do reloxeiro", de Xurxo 
Mariño Alfonso.