16/3/12

953. Sen palabras (literalmente)


Hoxe tiven unha "conversa" cun pai estranxeiro sobre o comportamento do seu fillo. O das aspas é porque non contestaba unha soa das miñas preguntas, só asentía mecanicamente coa cabeza, pero como sen vida. Chegou un momento que empecei a pensar que tiñamos un problema co idioma, que realmente non se enteiraba de nada e fun buscar ó rapaz para que me axudara coa tradución.

Cando chegou o rapaz, o pai empezou a falar con el, e para o meu asombro, despois dunha pequena conversa na que eu cría que estaba intervindo por medio dun "tradutor", empezou a falar nun castelán perfectamente comprensible, pedindo desculpas e prometendo que a situación ía cambiar. Agora que quedou sen traballo, dixo, podería andar un pouco máis enriba do fillo.

Quedei de pedra. Non é que non me entendera, senón que se debía sentir tan avergoñado e humillado polo comportamento do seu fillo que non fora capaz de falarme.

Despois marchou, case non fomos capaces de despedirnos, ía pensativo, sen palabras. Eu tamén.

Recomendación:

Do álbum de Manu Chao, "Próxima estación: Esperanza", unha canción de título perfecto para o que veño de contar: "Infinita tristeza". (Isto é o malo de ser xefe de estudos, sempre acabas vendo o lado máis crudo das situacións que acontecen nun centro educativo)