16/5/18

1303. Acabaremos na Audiencia Nacional?



Visto o tema do que imos tratar hoxe e como está o patio neste país, non se descarta que a pregunta do título non sexa retórica.
(O autor deixa claro que non ten que estar de acordo coas letras dos temas que se enumeran a continuación... triste, pero hai que aclarar esto, que vivimos nun mundo no que os ofendiditos saen de baixo das pedras á máis mínima)
Nos últimos meses, os xulgados deste país produciron sentenzas nas que queda claro que cantar pode ser un problema se un se sae da senda do politicamente correcto e, sobre todo, se chegamos a confundir o mal gusto coa actividade delictiva.


Podería facer un listado das sentenzas, análise de letras e opinión persoal, pero sería moi aburrido, así que o que segue despois destas liñas vai ser máis un exercicio de memoria histórico-musical deste país e contraste do contexto das respectivas épocas con aquel no que vivimos hoxe.

Como está mal visto e/ou penado falar da monarquía, imos ver que cantaban en 1996 La Polla Records en "Envidia cochina":

"Quiero vivir sin currar / y que lo pague el país, / seguir así no es para mí.
Y quiero veranear / en el Palacio Real. / ¡Joder, yo, quiero ser rey!"



O que no se pode negar é que aquel disco contiña, como case toda a discografía do grupo, auténticas descargas de rabia, por exemplo con temas aínda sen solucionar vinte anos despois:
- a reforma laboral, "Amigo, si quieres currar", onde a violencia acaba saíndo como solución
- o malestar coa clase política, "La solución final", aquí xa se fala dunha cámara de gas, imos subindo as apostas

No "Revolución" de 1985, tamén se cargaba de fronte contra, contra... contra todo, para que negalo. No tema "Cara al culo", peculiar versión do "Cara al sol", desexabaselle abertamente a morte a políticos da época, entre eles Manuel Fraga.
E para que lles imos negar o dubidoso privilexio de mesturar o humor máis brutalmente incorrecto cos clásicos e a crítica social, que se no seu momento non fixo morrer a Concha Velasco dun infarto con esta versión de "La chica ye-ye", é que a señora estaba curada de espanto:


Este grupo tivo problemas legais, chegando a ter unha sentenza en contra que non lles deixaba usar o seu nome... pero por un follón con un ex-membro da banda.

Outra banda que tampouco tipo problemas para usar o seu nome foi M.C.D., acrónimo blasfemo a máis non poder, que hoxe seguramente serían denunciados por ofensa ós sentimentos relixiosos. O caso é que serán recordados (ou non) polo destrozo de "My way" titulado "Entre borrachos". No seu descargo, é lóxico pensar que se os Sex Pistols ou Nina Hagen (versión 1/versión 2)se lanzaron, por que eles non ían intentalo?

Polo que terían máis facilidades para rematar ante un tribunal, sen ser pola súa calidade, sería por repartir estopa alegremente ante as institucións do estado que ostentan a potestade do uso da violencia, ano 1987, por darlle contexto:
- "Terrorista", onde o debate actual sobre que é terrorismo parece unha pelexa de patio de cole.
- "Ruido de sables", que hoxe sería carne de demanda, como mínimo por alusións directas.

Co terrorismo como tema tamén tivo roces Barricada, neste caso co terrorismo de estado. Corría o ano 1984 e catro membros dos Comandos Autónomos Anticapitalistas foron asasinados nun episodio nunca esclarecido (oficialmente) de guerra sucia:


"Detrás del uniforme queda el anonimato/en el cuartel un brindis/esta vez fueron cuatro.
Señor gobernador / lávese usted las manos / todo fue correcto / éxito asegurado."

(Este tema foi censurado en 1987, e logo distribuido de forma pirata, ata saír de forma oficial nun recopilatorio de grandes éxitos)

Quen tampouco se cortaba moito nas súas letras, que adornaban unha calidade musical infame, e poderían ser consideradas un canto ó mundo das drogas foi Manolo Kabezabolo, que ademais de versións do máis incalificable de temas variados, no seu álbum "Aversiones", onde atacaba sen piedade a Nino Bravo, Jeanette, o Dúo Dinámico e moitos outros, tamén deixou recados para os uniformados do estado, curiosamente non foi xulgado:
- Que pensaría a Policía de "MPM"?
- E o exército sobre algo tan sutil como "Militares subnormales"?


Aínda que se os Judas Priest non o denunciaron por esta versión de "Breaking the law", aquí tampouco iamos ser máis papistas que o Papa:


Outro grupo de nome portentoso a nivel penal foi KBKS (Karrero Blanko Kampeón de Salto), procedentes de Zaragoza, que con tal nome xa ascendeu a todo ó máis alto na súa popularidade, aínda que hoxe terían serios problemas legais, porque con tuits da mesma temática houbo xente que obtivo sentenzas de cárcere. Musicalmente, tamén deberían ir ó cárcere... sen xuizo previo. Na mesma temática de enaltecemento do asasinato do presidente goberno tamén se fixo moi popular na corrente punk un tema versionado ata o infinito, por exemplo:



"Voló, voló, Carrero voló
y hasta las nubes llegó."

Non existe a menor dúbida de como remataría esto hoxe en día con este estribillo, non?

Pero se a anterior sería xulgado por enaltecemento do terrorismo, como poderiamos definir este tema de Kortatu do seu primeiro e homónimo disco? Existe a agravante de recochineo?


A historia desta canción (que aparece no enlace do vídeo) alude á fuga en 1985 de dous presos de ETA do cárcere de Martutene, ocultos nos altofalantes do cantante Imanol, que actuou en tal lugar. Un dos fugados foi Joseba Sarrionaindia, ó que alude o título da canción polo seu alcume. Desaparecido durante trinta anos, desenvolveu unha extensa carreira literaria, con premios incluídos, reaparecendo no 2016 nunha entrevista concedida a catro xornais en La Habana. Lugar próximo á orixe desta canción, que non pasaba de ser unha copia acelerada e coa letra cambiada de "Chatty Chatty" dos xamaicanos Toots & The Maytals. Neste caso, houbo denuncias e intentos de boicot contra Fermín Muguruza, cantante da banda... vinte anos despois. Por completar información, o seu compañeiro de fuga foi capturado dous anos despois da mesma.

Un grupo que se atopou coa herdanza destes tempos foi Rokavieja, que en Murcia no 2016, si, 2016! apañou unha multa por canturrear "Mucha policía, poca diversión" nun concerto durante unha intervención da policía local durante o mesmo. Curiosamente, cando os autores orixinais do tema de igual título, Eskorbuto, saíron en Televisión Española nunha reportaxe sobre a música do momento no 1983, non pasou nada, aparte de que habería xente que se sentiría ofendida por alusións.


Polo que se ve, no 1983 este país estaba preparado para as críticas á policía, pero non tanto para unha explosión musical de feminismo punk radical. O 16 de abril daquel ano, no programa "Caja de ritmos", Carlos Tena presentaba a Las Vulpess, a que se armou foi monumental, menos mal que daquela non había Twitter:


A treboada xornalística nos días seguintes foi brutal e o corte de cabezas (e/ou intentos) na redacción musical de Televisión Española foi digno do terror revolucionario. Iso si, que se saiba, Iggy Pop e The Stooges non escribiron indignados protestando polo infame destrozo que a banda fixo do seu "I wanna be your dog".
Como dato curioso, no mesmo programa, apareceron Polanski y el ardor cantando "Y no usa Laca", que contiña estrofas como a que segue e que pasou desapercibida no medio do lío: "Hoy lo conseguí / Tengo una negra sólo para mí".

Alguén que tamén tivo un programa de televisión, no 1990, na Televisión de Galicia, foi Antón Reixa que, acompañado dos seus Resentidos, nos levou a coñecer Sitio Distinto, un lugar aberto a todo tipo de experiencias. Pero, a pregunta a día de hoxe é outra, tería existido este programa hoxe despois da publicación, anos antes, deste videoclip, 1986 para ser exactos?



Aquí, o importante é o tema visual, a letra é inocua a efectos penais. O vídeo arrinca con superposición de cortes variados da catedral de Santiago, relixiosos que se supón da mesma, Franco e o rei. E aparte do dato, que se aprecia na vista previa, de ver a Gayoso cun pelazo digno dun león, ten un momento que hoxe faría que a garda da moral, que tanto se preocupa de nós, subise polas paredes co xenio. No inicio do segundo minuto aparece un corte do peche de emisión que se facía na época co himno galego, onde aparece o presidente da Xunta sobre o fondo da bandeira galega ondeando e, de súpeto, boom!, un lóstrego que o fulmina e deixa un oco na silueta da presidente. 1986, hoxe en día, a saber as barbaridades que poderiamos ler e oír sobre o tema.

Afrentas ó himno, asubíos e ofensas patrias, a saber o que poderían dicir dunha banda procedente dun lugar antiespañol e profundamente independentista como Guadalajara, de onde procedían Apártate ke piso mierda, que a finais dos 80 chegaron a ser coñecidos por unha peculiar versión de Manolo Escobar:


O grupo era, como moitos outros, dos que arremetían contra todo sen medida algunha, pero, unha vez máis, non pasaba nada nos xulgados, que debían de ter temas máis importantes dos que ocuparse.

Os que si coqueteaban cos xulgados eran Soziedad Alkohólika, grupo alavés con denuncias e boicoteos múltiples pola súa presunta simpatía co terrorismo etarra, aínda que tampouco desprezaban unha ocasión para meterse coa Igrexa e os casos de pederastia, como no tema "Padre Black & Decker", con letra contundente e provocadora. Porén, a súa maior polémica veu cunha canción de corte antisemita, na que supostamente denunciaban a hipocresía do estado de Israel co victimismo pola Shoah acompañado coa opresión ó pobo palestino:



Ese "Ahora tú, ¡judío, cabrón!" non aparentaba moi coherente para denunciar algo, aínda que despois publicaron unha versión renovada na que se podía oír "jodido cabrón". Medo a xuízos, rectificación, ou o que fose, a metedura de pata era enorme e xa non tiña moito remedio, eso si, conseguiron volver tamén en contra a moitos dos seus seguidores.

No tema antisemita, non se pode esquecer a grupos de rock fascista, como Batallón de Castigo (fundado nun cárcere), Estirpe Imperial, Más que Palabras e outros varios, que ademais desta temática e camuflados a veces coa etiqueta de rock anticomunista, non perden ocasión de reivindicar o fascismo, a xenofobia, o racismo, o totalitarismo e os valores do franquismo. Todo dentro dun ambiente de malentendida tolerancia (chamarlle transgresión, por exemplo), cando non mirar para outro lado directamente por parte das autoridades, que fai que se veñan arriba nas súas barbaridades e acaben facendo cousas que xa non se poden tapar e rematan nos tribunais, que soen ser moito menos dilixentes para perseguir á ultradereita musical, cuestión de contexto, que diría o resto desta entrada.

Para ir rematando, chega a quenda de bandas que chegaron a ter un éxito comercial claro aínda que non quedaron atrás no de cruzar as fronteiras do pensamento politicamente correcto que nos asedia.

O vocalista de Def Con Dos, Cesar Strawberry, foi condenado a un ano de cárcere por comentarios en Twitter, pero, curiosamente non tivo problemas legais por temas como "España es idiota" ou por denunciar de forma nada sutil a suposta violencia das forzas de seguridade como no tema "Doctor tricornio". Fai falta un doutorado ou ler entre liñas para entender de que e a quen se acusa neste tema?



No de provocar utilizando o nome de España, tampouco quedaba atrás Albert Plá, linchado e alabado mediaticamente a partes iguais segundo criticara o nacionalismo español ou o catalán, pero tampouco foi denunciado por cantar temas como "Mi novia es una terrorista", ou o que segue:



Con Albert Plá actuaron durante un tempo de forma conxunta Extremoduro, que tampouco facía ascos a criticar á policía:





"Pincho las arruedas de los coches-policía
pongo un par de bombas en cada comisaría..."

E para rematar con algo absolutamente surrealista, como non podía ser doutra maneira, Siniestro Total, que anos despois de contestar razoadomente a "¿Por qué hacéis unas letras tan ordinarias?" publicaban esta perla da incorrección política:



E ata aquí chega esta entrada, que podería ser moito máis longa, pero como exemplo do que se quería debater é máis que suficiente, e tampouco é cuestión de darlle argumentos á Audiencia Nacional para crear un malentendido de consecuencias perigosas para o blog e o seu autor.

Recomendacións:

Despois de tanta música, que mellor que un libro, no que aparece -oh, curiosidade- como personaxe Julián Hernández de Siniestro Total. A última novela de Agustín Fernández Mallo, "Trilogía de la guerra". Marabillosa.

    13/5/18

    1301. Orfos no espazo


    Todos coñecemos a xente que nos conta que perdeu un calcetín, ou varios, desaparecidos como por arte de maxia de maneira inexplicable, e agora teñen calcetíns soltos que non usarán máis.

    Unha posibilidade é que exista un lugar no universo no que aparecen eses calcetíns materializándose da nada a cada instante. Esa inmensidade téxtil de orfos perdidos vai formando una especie de nube cósmica na que están todos os calcetíns desaparecidos desde a noite dos tempos. Chegará un momento no que eses miles, millóns e miles de millóns de calcetíns sumarán unha masa tan enorme que se producirá un colapso gravitatorio descomunal e orixinarán un inmenso burato negro que devorará lentamente todo o universo.

    E así é como rematará todo, TODO.