30/12/09

157. Mellor vivo que morto


“Sí. Me alegra que ya no esté muerta. Estar muerto es mucho peor que estar vivo. Cuando estás muerto no puedes hacer las cosas guays que puedes hacer cuando estás vivo. Tú y yo podemos hacer cosas guays porque estamos vivos, no estamos muertos, estamos vivos. Si estuviéramos muertos no podríamos hacer todas las cosas guays que hacemos porque estamos vivos. Los muertos no pueden hacer cosas guays, sólo los vivos pueden hacen cosas guays porque están vivos y hay que estar vivo para hacer cosas guays. Tienes que estar vivo. Sí, a veces cuando estás vivo también te pasan cosas malas, a veces puedes tener accidentes de coche o torcerte un tobillo e incluso golpearte en el dedo gordo del pie, así que estar vivo es difícil también. De todos modos, creo que es mejor que estar muerto.”

(Me llamo Earl, 1ª temporada, cap. 5)

Aquí queda o monólogo final dun capítulo desta divertida serie, e tomando tan elevado discurso como referencia, mando un saúdo ós que vos tomades un rato en ler este blog que espero siga vivo para o 2010, porque estar vivo é mellor que estar morto e poderanse contar cousas guais no blog que o blog non podería contar se estivera morto. Queda claro, non?

Pois iso, feliz 2010 e vémonos en Al plato volverás...!


29/12/09

151. Mozart e os dereitos de autor


(Historia sacada dun artigo de Enric González, xenial como a maioría dos que escribe, da igual que sexa sobre cidades, sobre fútbol ou outros temas, en El País do 6 de novembro, cito, non plaxio. Por certo, o seguinte enlace conta a non menos vergoñenta historia da censura sufrida por González en El País, premiado posteriormente con un traslado como corresponsal a Xerusalén).

Conta o autor que a nosa ministra de Cultura, non citarei o seu nome por respecto á Rede, no medio da polémica sobre os dereitos de autor, a Innomeable Sociedade, e temas similares non tivo nada mellor que declarar que: "Si los hubiera tenido, él y su familia habrían vivido mejor y él habría sido más libre para crear", referíndose a Mozart e ós dereitos de autor. Mentira, mentira e máis mentira, o que pasou e a ministra (ou os seus asesores) (*) non tiveron a ben ilustrarnos é que Mozart despilfarrou mares de cartos, o que o levou a rematar os seus días arruinado e enterrado nunha fosa común.

Outra cousa, non popular pero si coñecida, so hai que buscar en Google "Mozart plagio" e aparece moi rápido, é a historia do plaxio de Mozart, que ven a ser a que paso a contar. Máis ou menos en 1638, Gregorio Allegri compuxo unha musicalización do Salmo 51, tamén coñecido polas súas primeiras palabras en latín "Miserere mei, Deus" (aí podemos escoitalo), obra que só se podía escoitar na Capela Sixtina, sendo os Papas propietarios da obra e penando a súa execución fóra do recinto coa excomunión, pena que tamén se reservaba para aquel que se atrevera a publicala. (Soa igual que as ameazas da Innomeable Sociedade, verdade?).

Da obra só existían tres copias, unha en poder do rei de Portugal, outra do emperador do Sacro Imperio e outra en mans dun músico franciscano, o padre Martini. En 1770, un imberbe Mozart de 14 anos, a estas alturas, xa unha celebridade, visitou Roma e escoitou a interpretación da obra, obra que foi transcrita de memoria a partitura escrita, todo isto escoitándoa unha soa vez, mostra do xenio do compositor, facendo correccións menores nunha segunda ocasión. Enterado o Papa Clemente XIV do feito, actuou en consecuencia e non só non excomungou a Mozart, senón que ademais investiuno Cabaleiro da Orde da Espora de Ouro, o que supuxo un recoñecemento oficial de gran importancia para o xenio austríaco. (Curioso proceder o de mirar para outro lado á hora de aplicar as normas, outra mostra dos paralelismos coa actualidade, neste caso na Igrexa Católica. Posiblemente a Innomeable Sociedade tería queimado por herexe a Mozart). Mozart regallou a súa copia ó historiador Charles Burney, que a publicou en 1771 en londres e a partir de aquí foi difundida por toda Europa, destrozando o segredo papal.

Aquí introduzo unha reflexión persoal: É tan difícil atopar a alguén apropiado para o cargo de ministro/a de Cultura deste país? Salvo un par deles ós que non lles deixaron traballar e saíron pola porta de atrás do goberno, Semprún e Molina, mira que non nos leva tocado cada cousa que causa espanto, ver como exemplo a Esperanza Aguirre (pensar que este país tivo como responsable de tal área a semellante persoa da gañas de exiliarse a estudar tribos perdidas no corazón de África e non volver).

Recomendacións:
  • Por se alguén se volve demasiado eclesiástico despois deste post, poñamos as cousas no seu sitio con un tema dos 80, "Quiero ser santa" de Parálisis Permanente, en versión actual do grupo Digital21. Tamén hai unha versión tenebrosa a cargo de Los Humillados.
  • Para pechar o tema de forma sinistra, que mellor que o rock gótico de Bauhaus con este estremecedor tema, "Bela Lugosi's Dead", o seu primeiro single, de 1979.

28/12/09

149. Máis brillante que mil soles


Nestes tempos que corren vivimos incertidume polo futuro, a crise económica, a paz no mundo (con premio Nobel incluído para un home que ten o país metido en dúas guerras) e así podería seguir ata pechar o post, pero vou ir centrando o tema con unha das ameazas máis terroríficas e exóticas dos últimos anos: a aparición dun burato negro que faga desaparecer o noso planeta como consecuencia da temeridade dos experimentos no LHC. Ademais do improbable da situación, todos tranquilos, sería tan rápido que non nos daría tempo a darnos conta de que a Bola Azul se foi a tomar vento.

Despois de ler o enlace do parágrafo anterior, xa debemos saber algo sobre os aceleradores de partículas, pero, por se acaso, aí vai a explicación do que é un sincrotrón, un caso particular deste tipo de obras que combinan de forma asombrosa a Enxeñería e a Física. Alguén que sabía moi ben o que era este aparello, sen necesidade de ler este enlace, era, aínda é, estropeo o final, pero por unha boa causa, como dicía, era Anatoli Bugorski (ver a terrible foto). Ocorreu que un día que o noso triste protagonista de hoxe estaba traballando no Instituto de Física de Altas Enerxías (guau!, como se debe ligar dicindo que traballas nun sitio así) da pequena cidade de Protvino (menudo escudo ten a cidade!), na en aquel entonces Unión Soviética, ese día de 1978, detectouse un fallo no sincrotrón U-70, o maior acelerador de partículas da época, e mentres revisaba o mecanismo, Bugorski meteu a súa cabeza na parte do sincrotrón por onde circula o chorro de partículas, co infortunio de producirse nese momento un fallo nos sistemas de seguridade da máquina. (É mellor pensar que foi un fallo nos sistemas, só pensar que alguén que podía traballar en temas nucleares pulsou un botón que non debía sen darse conta produce escalofríos). A partir de aquí, Bugorski so lembra un tremendo flash que describe como os mil soles do título, é que non sentiu dor, feito sorprendente tendo en conta que acababa de ser atravesado seguindo a traxectoria da imaxe por un chorro de protóns dunha radiación aproximada de 2000 grays cando entrou pola cara e uns 3000 grays cando saíu pola parte de atrás da súa cabeza. Este dato tan impreciso carece de importancia desde o momento que podemos buscar e atopar que a dose letal de radiación está entre uns 5 e 6 grays.

Como sobreviviu Anatoli Bugorski a tan extraordinario accidente é un auténtico misterio, o que se sabe é que foi trasladado inmediatamente a un hospital de Moscú, onde os médicos e científicos da Unión Soviética se dispuxeron a esperar a súa inevitable morte e tomar notas de tódolos detalles do excepcional cadro clínico que se lles presentaba nas seguintes dúas ou tres semanas, tal era a esperanza de vida que lle concedían. Non só non morreu debido a este literal asado de cerebro, senón que a pesar de ter o lado esquerdo da cara queimado e graves danos neurolóxicos, Bugorski saíu adiante e seguiu traballando, e incluso completando dous anos máis tarde un doutorado en Filosofía, aínda que tamén con unha parálise facial na zona afectada debido á paulatina morte dos nervios. Os danos que conservou foron pequenas crises epilépticas, ademais de ocasionais espasmos graves e perdas de consciencia.

Sendo sometido a revisións periódicas un par de veces ó ano con outras vítimas de accidentes nucleares, os investigadores observaron un estraño fenómeno, a parte afectada da cara parecía terse detido no tempo, non se apreciaban rastros de avellentamento, mentres que no resto do organismo o tempo continuaba co seu curso normal. Finalmente, a mediados dos 90, con cincuenta anos, solicitou a baixa por incapacidade, para obter de forma gratuita a súa medicación, pero a nova Rusia non estaba para alegrías económicas, co cal chegou a pensar incluso en ofrecerse para ser investigado por médicos occidentais, pero non conseguiu xuntar os cartos necesarios para sair do país.

Resumindo, en palabras de Bugorski: "Este foi un test involuntario sobre a guerra con protóns" e chegando a un punto máis trascendente sobre a vida: "Estou sendo probado, a capacidade do ser humano para sobrevivir esta sendo posta a proba". No seu caso, podemos afirmar que a súa capacidade superou tódalas probas, salvo cousas raras que poidamos chegar a saber nun futuro, claro.

Recomendación:

Algo moi apropiado para as sensacións de Bugorski, o tema Time Stops do primeiro álbum do grupo Explosions in the Sky. Moi curiosa a historia que se conta no wikiartigo sobre a relación do grupo cos atentados do 11 de setembro de 2001 en Estados Unidos.

21/12/09

139. Goliat derrotado (outra vez máis)


Este Nadal ven de producirse un feito que indica a nova relevancia das redes sociais, se o ano anterior España marcou un fito histórico ó enviar a un non-cantante ó Festival de Eurovisión, este ano no Reino Unido, un grupo de Facebook acaba de conseguir impoñer a súa opinión fronte á da todopoderosa industria musical no tocante a saber cal é o single do Nadal neste país. En contra da opinión dun destes novos gurús do autobombo que se cren con dereito a decidir os nosos gustos, neste caso Simon Cowell, famoso por ser un dos xurados do Factor X británico, un grupo de Facebook fundado, entre outros, por un tal Jon Morter, propuxo a compra masiva dunha canción de 1992 como alternativa. A canción en cuestión, "Killing in the name" de Rage Against the Machine. Para máis detalles, podedes ver este artigo dun dos xornais ós que me nego a nomear (xa que cren no libre mercado, que paguen se queren publicidade).

Unha das cousas máis curiosas é que o ano pasado, fartos da imposición nas listas de bodrios prefabricados, xa o intentaron con Rick Astley (este enlace figura só a efecto ilustrativo), pero visto que o remedio podía ser demasiado perigoso, a xente preferíu deixar pasar a ocasión de darlle nos morros á industria. Parece ser que a proposta deste ano, que ten como estribillo un contundente "Fuck you, I won't do what you tell me" (*), moi apropiado para a ocasión, tivo mellor acollida, e tal vez a proposta de Cowell, un tal Joe McElderry cantando unha versión dun tema de Miley Cyrus (si, a pesada coñecida en todo o mundo como Hannah Montana), tal vez foi demasiado para a paciencia do público (aquí queda o vídeo da final do concurso, Alplatovolverás... fai isto novamente a efectos informativos, a liña editorial do blog opina que é máis empalagoso que tomar azucre en almíbar).

Resultado final en copias vendidas: RATM, 500000 - Joe McElderry, 450000. As masas falaron e por unha vez o Nadal vai ter un aspecto parecido ó da ilustración do post (**).

Notas:
(*) "F*d*te, non farei o que me dis"
(**) A foto corresponde ó Premio Pulitzer de 1963, instantánea tomada polo fotógrafo de The New York Times David Halberstam cando un monxe budista (tamén chamados bonzos) se queimou vivo en Saigón para protestar pola persecución á que estaban sendo sometidos por parte do goberno. O fotógrafo describe a escena: "Estaba vendo de novo o sinal, pero unha vez foi suficiente. As chamas estaban xurdindo dun ser humano; o seu corpo foi murchando lentamente, a súa cabeza ennegrecía. No aire había un olor a carne humana queimada; o home queimouse sorprendentemente rápido. Detrás de min puiden escoitar os saloucos dos vietnamitas que estaban agora na entrada. Estaba demasiado sorprendido para chorar, demasiado confundido para tomar notas ou facer preguntas, desconcertado incluso para pensar... Mientras se queimaba non moveu un músculo, non pronunciou un son, a súa calma exterior en agudo contraste coa xente que se lamentaba arredor del". Arrepiante!
(A imaxe percorreu o mundo, e da orixe á expresión queimarse ó bonzo).

Recomendación:

Eu tamén me sumo á iniciativa, pero co disco completo (do mesmo nome que o grupo), e para ver un pouco máis, aquí queda "Wake up", canción utilizada na banda sonora de The Matrix. E, de paso tamén aproveito para repetir algo xa dito desde este blog: "despertemos da burremia e mediocridade que nos rodea e digamos NON".


18/12/09

137. Escribindo un pouquiño cada día...


... pódese chegar a 15154 páxinas. Non se atopa á venda, ou polo menos non rebusquei o suficiente pola Rede como para atopalo, aínda que ben pensado, a ver quen se atreve a publicar "The Story of the Vivian Girls, in What is known as the Realms of the Unreal, of the Glandeco-Angelinnian War Storm, Caused by the Child Slave Rebellion" libro que ó traducir o título case me da para un post máis: "A historia das Vivians, no que se coñece como os Reinos do Irreal, sobre a Guerra-Tormenta Glandeco-Anxeliniana causada pola Rebelión de los Nenos Escravos". Este libro, que, insisto no tema, debe ter máis título que contido teñen algúns que pasaron polas miñas mans, é obra de Henry J. Darger, artista norteamericano do que, para os que non queiran molestarse en ler este interesante artigo de Agustín Fernández Mallo en El País, paso a contar a súa curiosa peripecia.

Nacido en 1892, en Brasil ou en Chicago (hai versións para tódolos gustos), foi internado nun orfanato católico en 1900 ó non poder o seu pai facerse cargo del, seguindo así o camiño dunha irmá que nacera cando el tiña catro anos e que foi entregada en adopción dado que a nai morreu no parto. Á morte do seu pai, en 1905, foi trasladado a un hospital psiquiátrico baixo o diagnóstico de "non ter o corazón no sitio adecuado", curioso cuadro clínico que presentou complicacións co síntoma "masturbación". Ante tales atencións médicas, non resulta raro que, tras varios intentos, Darger se fugara do psiquiátrico ós dezaseis anos, intentando buscar a seu pai, momento no que soubo que este levaba xa tres anos morto.

Empezou a buscarse a vida facendo pequenos traballos e empezando a desenvolver un patrón de comportamento fixo e invariable: asistía a misa unhas cinco veces diarias, recollía lixo polas rúas e pouco a pouco foi diminuíndo a súa relación co mundo que o rodeaba. E así desde 1930 ata 1973, cando o seu caseiro, á morte do artista, atopou no seu cuarto unha gran cantidade de acuarelas de gran formato, así como dúas novelas e un peculiar diario no que levaba metódicas anotacións diarias sobre os datos meteorolóxicos da cidade de Chicago nos dez últimos anos.

A primeira das obras, "A historia da miña vida", é un relato no que conta as súas frustracións infantís nas 206 primeiras páxinas, e de forma incriblemente meticulosa a devastación causada por un tornado nas 4672 páxinas seguintes. (Resulta desconcertante, non? Pois aínda estamos empezando...)


(Ilustración de "The Story of the Vivian Girls...")

Na súa magna obra (en tódolos sentidos) "The Story of...", libro escrito durante corenta anos e que seguramente faría as delicias dun exército de psicoanalistas, conta as aventuras das Vivians, un grupo de sete princesas que habitan o Cristiano Reino de Abbiennia, situado nun planeta xigante que orbita arredor da Terra, no cal apoian a rebelión contra un réxime de escravitude infantil imposto polos opresores glandelinianos, os cales van derrotando sucesivos levantamentos e matando ós nenos rebeldes, iso si, tras sometelos a horrendas torturas que son minuciosamente descritas polo autor, así como as paisaxes, uniformes e batallas que se suceden ó longo do libro, o cal, como non pode ser menos con tal extensión, ten dous finais, un no que as Vivians vencen e outro no cal son derrotadas definitivamente polos malvados glandelinianos. (Quen da máis?)

Aparte da extrema meticulosidade da narración, chaman a atención as brutais escenas de violencia, e máis as vítimas dela, os nenos. As interpretacións deste rasgo da obra, xunto coa representación irreal do sexo das figuras femininas fan pensar nunha serie de complexos (ou desexos) reprimidos desde a infancia, que segundo algúns autores pasan por dous puntos centrais: o impacto que causou nun xove Darger a historia do asasinato dunha nena de cinco anos, Elsie Paroubek, que aparece como personaxe da obra con outro nome (algún autor incluso insinúa a autoría do crime polo propio Darger), e por outra parte, a figura da irmá ausente, o que lle fixo desenvolver unha fobia patolóxica ás relacións sexuais coas mulleres por medo a cometer incesto cunha descoñecida que poidera rematar sendo a súa irma. Todo isto, tamizado polas súas estrictas crenzas relixiosas, contribuiu a formar o particular universo da novela.

Dada a dificultade de editar tan, por dicilo suavemente, singular obra, sempre nos queda a posibilidade de ver o orixinal en New York no American Folk Art Museum, onde ademais hai un centro de estudos adicado á obra de tan peculiar artista, obra que sobrevive, como en outros casos na historia como Max Brod con Kafka, grazas á negativa do depositario dos bens do finado a cumprir a súa vontade de destruila á súa morte.

Recomendación:

En homenaxe a este fascinante individuo toman o seu nome The Vivian Girls, banda de cancións aceleradas e breves, como mostra "When I'm gone". Ó contrario que o inspirador do seu nome, son tan breves como para sacar un disco de dez cancións que dura 21 minutos.


7/12/09

131. Discusións infinitas


Infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en infinitas discusións ata o infinito sobre o infinito discutindo infinitamente ata o infinito en... (Perigo, perigo!, que me derrapa o blog rumbo ó arte conceptual..., centrémonos xa!)

Igual que outras grandes persoas, Leopold Kronecker naceu un 7 de decembro, pero a pesar de tan notable efeméride, do que vai tratar este post e de outro matemático relacionado con el (ó seu pesar), Georg Cantor (ver foto), e da agria controversia que ambos sostiveron durante anos acerca do infinito (supoño que esto último era innecesario aclaralo, non?). Alumno de Kronecker, Cantor fixo tambalear os cimentos do establecido, principalmente por Gauss, vaca sagrada das Matemáticas alá onde as poida haber e ademais con razón, acerca da Teoría de Conxuntos, cando presentou as súas teorías, nas que o infinito deixaba de ser un concepto ideal e inalcanzable para converterse nun concepto con entidade propia, e para rematar a faena, en colaboración con Dedekind, establecer a Teoría dos Números Transfinitos, que, para coronar o alarde de iconoclastia, establece a existencia de máis de un infinito, en concreto infinitos números infinitos. (Soa curioso falar de "un infinito máis pequeno que outro", verdade?)

Toda esta serie de afirmacións só podían ser tomadas por alguén como Kronecker, home profundamente relixioso (soe pasar cos novos conversos, sexan cales sexan os bandos de orixe e o de destino), que afirmaba: "Deus fixo os números naturais, o resto é obra do home", pouco menos que como unha blasfemia. No sistema lóxico de Kronecker só cabían os razoamentos e construccións matemáticas con un número finito e perfectamente detallable de pasos, co cal todo o proposto por Cantor era como unha herexía, falando desde un punto de vista matemático.

Chegados aquí, un pequeno flashback sobre Cantor: a pesar da súa precocidade e xenialidade, con 15 anos e ás portas da universidade, o seu pai quixo que estudase Enxeñería e non Matemáticas, dado que éstas non lle parecían un modo proveitoso de gañarse o pan (poucos cambios en algo máis dun século). O xove Georg aceptou e estivo dous anos malgastando o seu talento por respecto a seu pai, o cal chegou á conclusión de estar arruinando a vocación do seu fillo e permitíu que estudase Matemáticas. De todas formas, o dano estaba feito e a semente da autodesconfianza coa conseguinte falta de seguridade en si mesmo por un excesivo respecto a figuras de autoridade que sería compañeira súa ata o fin dos seus días. (Fin do flashback).

O desencadeante da polémica foi o envío en 1877 dun artigo que Cantor enviou á revista Journal für die reine und angewandte Mathematik, prestixiosa revista matemática da que Kronecker era un dos seus editores, e que bloqueou a súa publicación ata o ano seguinte, despertando as sospeitas de Cantor, que xa empezaba a contar coa animadversión dunha boa parte dos matemáticos alemáns da época. Esta animadversión viña xa de 1874, ano no que na mesma revista que agora o boicoteaba publicou o seu primeiro traballo sobre a Teoría de Conxuntos no que rompía co establecido ata aquel momento. A partir de aquí, e estando na súa etapa de creatividade máxima, empezou unha encarnizada loita, na cal Cantor foi acosado con sutileza, impedíndolle alcanzar postos de relevancia en universidades, a súa aspiración era ser catedrático en Berlín, tendo que traballar como unha especie de profesor particular na universidade de Halle, unha institución de escasa relevancia académica.

A mediados de 1884, Cantor, posiblemente esgotado nerviosamente debido á frustración que lle provocaba o intenso traballo que estaba desenvolvendo intentando demostrar a veracidade ou falsidade da hipótese do continuo (traballo que, como Cohen demostrou anos máis tarde, foi en balde, xa que é indemostrable) e ós continuos ataques recibidos por parte de Kronecker e os seus partidarios, sufríu un colapso nervioso, primeiro dunha longa serie de episodios maníaco-depresivos que o foron afastando da actividade académica, chegando a extremos tan extravagantes como solicitar un posto de bibliotecario na mesma universidade, ou incluso, como cidadán nacido en Rusia, intentar entrar a formar parte do corpo diplomático da Rusia do zar Nicolás II.

A partir de aquí, os seus problemas de saúde mental foron aumentando, con longas hospitalizacións a partir de 1902, o que fixo que os seus traballos fosen avanzando a un ritmo totalmente irregular, de forma case ocasional, aínda que o relevo foi tomado por intelixencias a cabalo entre a as Matemáticas e a Filosofía da talla de Bertrand Russell, e sobre todo, David Hilbert, que pronunciou a famosa frase sobre os números transfinitos: "Ninguén nos expulsara do paraíso que Cantor creou para nós". Da mesma forma que Kronecker, xa morto a estas alturas, puxera a relixión dentro da súa análise do problema, Cantor chegou a crer que Deus lle transmitira a idea dos números transfinitos, pasando por unha fase na que filosofía, matemática e misticismo se mesturaban de forma confusa. E así, cada vez máis enfermo e con delirios matemáticos relixiosos ("Deus é a idea do infinito absoluto, inconcebible para a mente humana") morreu a principios de 1918 na mesma clínica psiquiátrica da que estivera entrando e saíndo nos derradeiros anos da súa vida.

Hoxe, os seus traballos, e os de Kronecker, para que negalo, son recoñecidos como clave para grandes avances na Matemática dos últimos cen anos e o paraíso infinito que Cantor creou segue a ser un lugar do que ninguén nos poderá expulsar nunca... ou ata que apareza outro xenio que o poña todo patas arriba, quen sabe?

Recomendacións:
  • Con estruturas matemáticas e mencionando o segundo número infinito, o tema de Photek, do seu álbum Modus Operandi, Aleph 1.
  • Para pechar o post, e pola simple razón de que me gusta e me apetece, un tema dos Pixies, grupo infinitamente curioso, igual que o estraño vídeo, Velouria, do seu excelente disco do ano 1994 Bossanova.

2/12/09

127. Nocilla (fin)


"Hay una historia real, además de muy significativa: un hombre regresa a la ciudad abandonada de Prípiat, en Chernóbil, tras haber huido 5 años atrás con el resto de la población, cuando ocurriera la explosión de la Central Nuclear, recorre las calles absolutamente vacías, los edificios en pie y en perfecto estado le van recordando la vida en esa ciudad, no en vano fue uno de los obreros que contribuyó, en la década de los 70, a su construcción, llega a su calle, busca las ventanas de su piso en el conjunto de bloques de edificios, observa las fachadas detenidamente un par de segundos, 7 segundos, 15 segundos, 1 minuto, y dice dirigiéndose a la cámara, No estoy seguro, no estoy seguro de que aquí estuviera mi casa, vuelve a detener la mirada en el bosque de ventanas e insiste, sin ya mirar a cámara, No lo sé, no lo sé, quizá sea ése, o aquel de allí, no lo sé, y este hombre ni llora ni muestra afectación alguna, ni siquiera perplejidad, ésta es una historia importante en lo que se refiere a la existencia de parecidos entre cosas,..."


Así comeza Nocilla Lab, terceira e última das novelas que forman o chamado Proyecto Nocilla de Agustín Fdez. Mallo e que veño comentando en posts anteriores deste blog. Ésta última é a que máis se afasta do concepto tradicional de novela, como o propio autor define, é un artefacto literario que, a diferencia dos dous anteriores, está configurado como unha estraña road-movie na cal a parella protagonista se desenvolve arredor do chamado Proxecto, algo que está flotando constantemente no ambiente pero non acabamos de visualizar. Unha palabra clave neste libro é autorreferencia, tanto na estrutura formal do libro, como no seu contido, aclarando o porque de cousas que aparecen nos dous libros anteriores da triloxía e facendo que a narración xogue co propio libro.

Neste libro, o autor vai facendo un autorretrato encuberto, así como unha declaración de intencións literarias, e desde o primeiro capítulo, no que os puntos non existen, ata os dous seguintes nos cales o xogo metaliterario vai aumentando paulatinamente a súa intensidade ata facerse multidisciplinar no seu sorprendente final, podemos disfrutar de algo distinto ó que nos atopamos habitualmente nos estantes das librerías, e que fai pensar que hai vida intelixente máis alá dos best-sellers.

Recomendacións:
  • Ademais da recomendación de ler este libro, podemos adentrarnos en outros como os que se citan ó longo deste artefacto-novela, como por exemplo, do meu admirado Paul Auster, "La música del azar". 
  • No blog do propio autor pode descargarse (libremente sen que a Innomeable Institución intente cobrar) unha poética filmada da triloxía, que serve para pechala e, de paso, para saber finalmente en que consiste o omnipresente Proxecto.
  • "El ser humano desaparecerá. Más aún, es necesario aniquilarlo para pasar a un estado maquinal. En este estado, no habrá libertad individual, únicamente existirá la libertad colectiva. Tampoco habrá problemas porque cada hombre-máquina estará debidamente programado y todos seremos felices". Esta cita é de El Aviador Dro (y sus obreros especializados), a máis notable das escasas réplicas dignas que houbo en España ás primeiras oleadas de música eléctrónica procedentes de Europa, encabezadas por grupos como os alemáns Kraftwerk (prometo post exclusivo sobre eles). Este grupo, mencionado en Nocilla Lab (se queredes saber o porque de Nocilla, lede o primeiro libro dos tres), deixounos cancións de ambiente futurista, influidas polas vangardas de inicios do século XX, unha destas cancións, extraída do seu álbum de 1985 Cromosomas Salvajes, é "La ciudad en movimiento".
  •