29/6/12

1013. Quen sabe onde?


Non, Al plato volverás...(TM) non pretende facer hoxe historia da televisión, senón contar o que pode ser atoparse coa burocracia deste país cando a esta non lle interesa ser atopada. Imos alá.

(teléfono na Consellería de Educación, delegación de Lugo)
- Bos días. Está o inspector ***?
- Non, hoxe non.
- E podería dicirme se vai estar o luns?
- Pois non sei, terías que falar coa secretaria. Agora non está, mellor se chamas dentro de un pouco.
- Grazas. Ata logo.

(media hora máis tarde)
- Bos días. Chamei antes para saber se o inspector *** vai estar este luns.
- Pois non sei, ten garda o martes.
- Ah, ben. A que hora vai estar?
- Pois... este martes non está. O mércores vai estar... pero non toda a mañá, que ten unha reunión en Santiago.
- E para falar antes con el?
- Non che podo dar teléfonos privados, síntoo.
- Non, se non era iso, simplemente con que lle deran o recado de que nos chame ó instituto...
- Mmmmm... mira, se queres falar con algún dos de garda.
- ... (irreproducible)

Recomendación:

A estas alturas alguén xa terá pensado neste fragmento de "As doce probas de Astérix". Pola miña parte, déixovos con esta forma de esperar bastante distinta que nos conta Corcobado, "La navaja automática de tu voz".


27/6/12

1009. Negociación... ou algo así


Martes 19 de xuño, última hora da mañá:

Recibimos unha chamada no instituto na que se nos pide que chamemos á Inspección Educativa e nós, como xente civilizada e obediente que somos coas nosas responsabilidades, facémolo. O resumo, saúdos e formalidades aparte, é o seguinte:

Inspector: Estamos vendo que segundo as previsións de matrícula, existe a posibilidade de ter que desprazar(*) a dous profesores.
(*) desprazar: largar a alguén do seu destino definitivo para outro centro, normalmente por falta de horas de traballo (na práctica, instrumento para recurtar plantillas sen xustificación algunha dándolle un destino, non definitivo, pero apetecible para os afectados, co cal non soen protestar moito)
Director: Ben, pois aínda que non estamos de acordo, estamos á súa disposición para falar do tema cando queira.
I: De acordo, pois xa seguiremos en contacto nos próximos días.

Inxenuos e parvos de nós, que nos botamos a facer contas para tratar de xustificar a nosa posición tendo en conta o beneficio do noso alumnado e a posibilidade de proporcionar un ensino de calidade. E para que negalo, que a ninguén lle fai gracia que lle anden recurtando na plantilla de persoal.

Martes 26 de xuño:

Temos reunións de claustro de profesores e consello escolar nas que se expresa o desacordo de toda a comunidade educativa do centro ante a posibilidade de recurtar a plantilla, fanse esbozos da planificación previa do vindeiro curso e se queda á espera de novas conversas coa Inspección Educativa.

A última hora da mañá recibimos unha carta da Inspección Educativa na que se nos comunica a resolución definitiva dos posibles recortes, resolución na que pasan a confirmarse ditos recortes indicando cales son os profesores desprazados. Eses recortes dos que iamos falar en vindeiras conversas, parece ser. A data de saída de dita carta: 19 de xuño!
(Repasade o inicio do post e deducide o resto, que non fai falla ser moi listos)


"Queridas Inspección Educativa e Consellería de Educación, grazas por amosarnos de forma tan clara e económica (lembremos que pagamos nós a chamada) o aprecio e importancia que lle dades á educación. Acabamos de substituír a eficiencia educativa pola económica, total para ter parados ós que explotar, mellor que non vaian moi cualificados. Así mesmo agradézovos que me deixedes tan claro cal é a vosa forma de dar a cara mediante o uso do engano e os feitos consumados. Xa que non podemos esperar nada bo de quen debería preocuparse de mellorar a calidade da educación, polo menos estar avisados para a próxima. Non vai doer menos, pero teremos as vendas preparadas.
Un saúdo nada afectuoso."

Recomendación:

E xa que, como bo educador que intento ser, trato de predicar co exemplo, vou botar a sinceridade por diante (tomade nota, autoridades educativas) e deixarvos unha recomendación musical. Un tema de Red Hot Chili Peppers, do seu álbum "By the way", unha canción que por algunha misteriosa razón leva dándome voltas na cabeza todo o día, "Cabron".