4/2/13

1109. Uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,...


Hoxe, 8:45 a.m., como cada luns cheguei ó instituto, e como cada luns estaban fóra os aproximadamente dez fumadores habituais, un par de profesores... e os outros cento e pouco alumnos e resto de profesores!. As portas pechadas, en fin, xa poñéndome no peor, empecei a pensar en silicona ou pegamento nas pechaduras.

Baixei do coche como un foguete e resulta que non, simplemente non chegara a conserxe. Pois nada, tirei de chaves e empecei a abrir portas como Maxwell Smart. Exterior, interior, conserxería e directo a desconectar a alarma. Pulsei o código de rigor **** (non pensaredes que o ía poñer aquí, aínda que, visto o sucedido, tampouco sería raro) e logo o botón de desconectar. Ou iso pensaba eu.
Nesto que empezou a cantarruxar a alarma de tal forma que debeu despertar a tódolos veciños e procedín a volver a introducir o código e agardei. E parou, iso si, uns cinco segundos, volvendo a obsequiar ós veciños de toda a vila verdescente co seu monótono fungar.

Entón, armeime de sentido práctico e fixen pasar ó alumnado e profes para dentro mentres ía acendendo as luces do centro (nestes casos, aínda que só salte a alarma durante un segundo, a empresa de seguridade chama rápido para confirmar que non hai problemas... ou para mandar á Garda Civil). En un minuto, chamaron da empresa, pedíronme o código e a miña clave de seguridade (soa como se eu fose importante, pero é só apariencia), e cando estaba dando a clave, cortouse o teléfono, o cal lembrei que levaba uns días tocando as narices. E mentres tanto uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,...

Un par de intentos de recuperar a comunicación e nada. Nesto, decateime que temos no exterior unha placa da empresa de seguridade co seu número de teléfono (un 902, por certo, que xa pagamos, ben podía ser de tarifa normal). Saín para fóra correndo, a alarma seguía co uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,..., e os alumnos que entraban nese momento deberon ter unha impresión pouco favorable da situación. A alarma soando e o xefe de estudos fuxindo do instituto, no seu lugar non sei se entraría.

Marquei e atendeume unha amable operadora:
- Empre. S.A., dígame. ¿En que podemos ayudarle?
- Buenos días, le llamo desde XXX, tenemos un problema con la alarma (como se non se notara co uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,... de fondo!)
- Por favor, ¿podría indicarme su clave de seguridad?
- Sí, claro. (Clave). Uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,...
- De acuerdo, ahora vuelva a introducir su código y pulse el número * para desactivar.
- Listo.
- ¿Está desactivada?
- Sí, ya no suena, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,... no, no, sí que suena.
- Pulse la tecla amarilla.
- ¿Qué? (non se oía nada co uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,... de fondo)
- La tecla amarilla.
- ¿Qué tecla amarilla? uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,...
- ¿Cómo dice?
- Que no hay ninguna tecla amarilla, solamente números de 0 a 9, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,... un asterisco y una almohadilla.
- Esa misma, pulse esa.
- ¿Cuál? uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,...
- La tecla AL-MO-HA-DI-LLA.
- ¡Aaaaaah! (mentres se me ía poñendo unha cara de tonto impresionante)
- ¿Está ahora?
- Sip. (murmurando)
- Vuelva a introducir su código, por favor.
- Sip. (susurrando)
- ¿Está todo en orden?
- Sip. (case imperceptible)
- Bien, que tenga un buen día.
- Gracias. (cabeza baixa)

E así, queridos lectores, e como se convence a unha teleoperadora de que fala con un lerdo. E, de paso, de que nunca debe matricular ós seus fillos nun centro educativo no que dito lerdo poida ter algunha responsabilidade tal como ser xefe de estudos, por poñer un exemplo.

Recomendación:

Para que vos esquezades do taladrante uiuu, uiuu, uiuu, uiuu, uiuu,... que fixo despertar a todo pobo, déixovos algo que descubrín ultimamente, unha banda de Chicago, Russian Circles, e o seu segundo álbum "Enter" (2006). O disco completo, que despois de empezar o día ó grande, hai que manter o nivel.