20/11/18

1307. Os ollos dun soñador


Un 20 de novembro como outro calquera, un asasino octoxenario falecía na cama dun hospital coa atención mediática de todo o país concentrada nel. O asasino nunca cometeu os seus crimes, senón que mandou a outros a executalos por el, o que non o fixo ser menos odiado. Aínda que por outra parte, tamén cultivou unha curiosa lexión de admiradores.
Ata aquí poderiamos estar falando de España, pero non imos volver tan atrás no tempo, senón que imos volver só un ano atrás e falar dos Estados Unidos e dun dos fenómenos culturais máis peculiares da era contemporánea, a admiración e temor a partes iguais por Charles Manson.

O como Manson chega a ser unha especie de icona cultural popular é un fenómeno tipicamente estadounidense, ou iso parece, porque en España non vemos que triunfen grupos con nomes do tipo Hermanos Izquierdo ou que haxa referencias similares na cultura popular... sempre que non contemos a El Kaso Urkijo que no seu momento nos deslumbrou con "La España negra de los krímenes rurales". Todo un éxito conseguir que tal disco se publicase, hai que recoñecelo.



Volvendo ó fío inicial, a presenza de Charles Milles Maddox na cultura norteamericana e, por extensión globalizadora, na mundial, foi un fenómeno que se propagou cunha intensidade e durabilidade descoñecida noutros casos. Que estraño magnetismo tiña a persoa propietaria desa mirada que algun medios definiron como os "ollos do mal"? Nun país no que a lista de asasinos con listas de vítimas de dúas cifras é considerable, o caso de Manson, pouco atractivo, menos de 1'60 m de alto, vida conflitiva desde pequeno, carne de reformatorio e cárcere sucesivamente e indutor de nove asasinatos, é toda unha anomalía. Tal vez o de que as súas vítimas fosen "xente bonita" fixo tremer a aqueles que vivían vidas idílicas en xaulas de ouro, xaulas na que a familia Manson entrou arrasando con todo e transformar aqueles soños en pesadelos, pesadelos que se instalaron no inconsciente colectivo, sempre necesitado de figuras que encarnen o mal. E como toda cultura se adapta á súa época, Charles Manson ocupou o oco que a antropoloxía lle tiña reservado naquel momento á figura correspondente ó home do saco co que meter medo, neste caso non ós nenos, senón ós adultos.

Como se produciu este paso do horror á fascinación é unha combinación da sociedade e dos medios de comunicación, habilmente manipulados/provocados polo propio Manson coas súas estridentes declaracións durante todo o proceso xudicial que seguiu ós asasinatos, por exemplo:

"Eu non matei a niguén. Non mandei matar a ninguén. Esas criaturas que van a por vostedes cos seus coitelos son os seus fillos. Eu non lles aprendín nada, fixérono vostedes".
Delirio, acusación con carga de profundidade á sociedade, intento de manipulación, ansia de notoriedade, estratexia de defensa? Tal vez unha combinación de todo o anterior, pero a mensaxe chegou á sociedade e alí quedou instalado o seu autor. O resto, capitalismo e comercio en estado puro.

Como primeira etapa do capitalismo cultural, temos a música:

Marilyn Manson (Brian Warner)

Por razóns evidentes, o máis listo da clase á hora de asumir a herdanza da provocación e manipulación nos medios de comunicación, tirando proveito de todo o anterior en beneficio propio. E, ata certo punto, é pedra incómoda no zapato da sociedade pola súa capacidade para sinalar as contradicións da mesma en temas tales como o uso das armas, as drogas e outros, nos que non exerceu como exemplo, todo hai que dicilo. Que os membros da súa banda, ó igual que el, asumisen como nomes artísticos nomes de mulleres famosas e apelidos de asasinos en serie moito máis temibles que o propio Charles Manson non foi abondo para eclipsar a icona do mal por excelencia.
Aparte de todo o relacionado co tal nome como tarxeta de presentación, Brian Warner tamén ten gravado unha versión dun tema do propio Charles Manson, "Sick city".

Kenneth Anger

Individuo cunha biografía xa de por si peculiar, non tivo mellor ocorrencia para a banda sonora da súa mediametraxe "Lucifer Rising" que contratar a Bobby Beausoleil, integrante da "familia" Manson, na que rematou precisamente despois de ter timado a Anger, gastando o diñeiro anticipado para o material do seu grupo musical en drogas e roubándolle unha furgoneta coa que se acabou accidentando na entrada do rancho no que residía o clan de Charles Manson.
Beausoleil sempre negou pertencer á "familia", pero o certo é que cumpre cadea perpetua por un dos asasinatos do grupo. Aquí temos un artigo sobre o elemento en cuestión que non ten desperdicio.
Como é natural, a película, rematada en 1972, a esas alturas xa levaba a etiqueta da relación (aínda que fose indirecta) con Charles Manson e a polémica estaba servida.


(aquí podemos ver "Lucifer Rising"... ou non, é opcional)

Guns n' Roses

Outros que non podían faltar en toda polémica que se precie no seu momento eran os californianos, que no seu álbum de versións "The spaghetti incident?" tiveron a ben incluír como pista oculta ó final do disco o tema "Look at your game, girl", composto e gravado polo propio Charles Manson en 1968. Suponse que é absolutamente innecesario explicar a que se montou.

Redd Kross

Banda de rock non moi coñecida a gran escala. Que se pode facer para chegar ó gran público? Efectivamente, probaron cunha versión dun tema de Charles Manson. Neste caso, a canción era "Cease to exist", título de alegría sen par. Este tema fora gravado tamén polos Beach Boys, co título "Never learn not to love", apropiándose polo morro da canción de Manson.


Lemonheads

O grupo de Evan Dando e compañía xa era bastante coñecido, pero tamén foi atraído polo lado escuro, versionando "Home is where you're happy", toda unha profecía de humor macabro vista a felicidade que o seu autor foi deixando en varios fogares. 

Nine Inch Nails

Un dos grupos de cabeceira deste blog ten unha historia que supera en macabro todo o anterior. Trent Reznor, que á súa vez foi o produtor que apostou polos inicios de Marilyn Manson,  alugou en 1992 a vivenda do 10050 de Cielo Drive en Beverly Hills e montou un estudo de gravación no seu interior. Construída en 1944 para a actriz francesa Michèle Morgan, a mansión foi pasando de man en man ata ser comprada por un home da industria do espectáculo, que a ía alugando a famosos do máis variado, entre eles Roman Polanski e Sharon Tate, que fixaron alí a súa residencia a inicios de 1969 e, por desgraza, o lugar foi a escea do crime máis célebre da "familia" Manson.
Con todos estes antecedentes, NIN gravou alí o marabilloso "The downward spiral" e, pechando o círculo empezado neste blog, un tema con Marilyn Manson, "My monkey", inspirado na letra de "Mechanical man", de... si, Charles Manson!


Para rematar co apartado musical, poderiamos seguir nomeando algúns grupos e interpretes que "homenaxean" á súa maneira a este tipo, pero xa sería demasiado exhaustivo e que mellor maneira de pechar que a lista de reprodución de "Lie: The love and terror cult", disco de Charles Manson.

Na literatura xa sería inbarcable, pero no cine e televisión imos mencionar varias referencias ó personaxe:

American Horror Story: Cult
Na séptima temporada de AHS, aparecen os asasinatos de Sharon Tate e acompañantes como referente de acción do culto mesiánico que o protagonista da serie constrúe arredor da súa persoa. Como curiosidade, Evan Peters, ademais de encarnar a Charles Manson, fai doblete de asasinos tolos interpretando tamén a Jim Jones, responsable da masacre de Jonestown, con 912 vítimas.

Mindhunter
A serie de Netflix conta os inicios da psicoloxía criminal e as entrevistas de detectives a asesinos en serie no cárcere para tratar de axudar a resolver casos que están sucedendo no momento das entrevistas. Na segunda temporada, un dos visitados é Charles Manson.

Once upon a time in Hollywood
A próxima película de Quentin Tarantino ten como eixe central os asasinatos de Manson e o actor que encarna ó asasino é, curiosamente, Damon Herriman, que tamén o encarna en Mindhunter. Pode que a súa carreira se estea encasillando...
En canto a Tarantino, Homenaxe, morbo? A estrea da película está prevista para o 9 de agosto de 2019, xusto no 50 aniversario do asasinato de Sharon Tate.


Aquarius
Nesta serie, o policía Sam Hodiak, encarnado por David Duchovny, empeza a investigar ó líder dunha seita que está iniciando unha carreira criminal. Os inicios de Charles Manson.

South Park
Se falamos de provocación e transgresión, non podía faltar esta serie, que ten como 16º episodio da segunda temporada o titulado "Merry Christmas, Charlie Manson!". Quen dá máis? Aquí temos un fragmento, no que a famosa esvástica da fronte de Manson aparece substituída por un smiley.

E ata aquí, este post, que podería medir quilómetros, pero eso queda para outro día ou para outra persoa que atope esto interesante e queira amplialo. Como curiosidade que non podería escapar a este blog, parece que todo foi extraordinario ata despois da súa fin. Parece que no seu funeral, catro meses despois da súa morte, non houbo enterro. O cadáver foi incinerado, despois de ser desconxelado (catro meses de conservación non se logran así como así) e á hora de seren esparcidas, o vento do día botou as cinsas cara os asistentes ó evento. Verdade ou fabulación con inspiración en "The great Lebowski"? Quen sabe, pero se non é certo, ben merecería selo.

Lembrade eses ollos, a mirada do mal, ou como Manson titulaba unha das súas cancións, os ollos dun soñador.