30/11/10

607. O cazador... de bruxas


"Estamos en 1645, un dos máis sanguentos anos da sanguenta guerra civil. Pero agora, unha nova peste azouta o país, traendo no seu despertar unha epidemia de morte e tortura. Esta peste ten un nome..."

Así empeza a recomendación do día de hoxe, pero iso será, como de costume ó final. Mentres tanto continuaremos co nome en cuestión: Matthew Hopkins, cidadán inglés, que como indica a introdución, durante a guerra civil do país, tivo unha efímera, pero intensa actividade como cazador de bruxas, actividade que lle procurou unha fama eterna... e terrorífica.

Hopkins, malnaceu (como demostrará o adxectivo aplicable) arredor de 1620, fillo dun sacerdote protestante, fíxose avogado, desempeñando o oficio con escasa fortuna. Para buscarse a vida, trasladouse a Manningtree, en Essex, onde coñeceu ó que sería o seu cómplice e axudante, John Stearne. Aproveitando uns resquicios legais proporcionados pola Demonoloxía do rei Xacobe I, iniciou unha tenebrosa (e proveitosa economicamente) carreira baseándose no feito de que no libro do rei se sancionaba como indicio do delito de bruxería a posesión de demos familiares, animais domésticos que supostamente chuchaban o sangue das bruxas, feito que se interpretaba como unha reafirmación do seu pacto co Diaño.


Baseándose en dito suposto, Hopkins, en compañía de Stearne, lanzouse en 1645 á busca dos demos familiares utilizando todo tipo de recursos, bordeando a legalidade, xa que a tortura estaba prohibida en Inglaterra, aínda que utilizaba métodos realmente discutibles, tales como privar ós acusados de sono, comida e outros que non deixaban marcas que puidesen deixar a acusación en evidencia ante os xuíces. O autonomeado Xeneral Descubridor de Bruxas tivo como primeira acusada/vítima a Elizabeth Clarke e, de paso, a outras cinco mulleres ás que a señora Clarke acusou. Seguindo nesta dinámica, os xuíces atopáronse ante un proceso con trinta e dúas acusadas (parece que os homes non se animaban moito a ser bruxos), das que unha saíu inocente, catro morreron no cárcere antes de iniciarse o proceso e 19 morreron na forca. (Ó contrario do que sucedía no Continente, as "bruxas" non eran queimadas, os ingleses conformábanse con aforcalas. O da fogueira esta reservado para os delitos de traizón. Cabe puntualizar que unha muller que matase o seu home era considerada culpable dunha pequena traizón -petty treason-, e tamén acababa ardendo).


Outro dos discutibles métodos deste individuo era o do uso de falsas testemuñas, incluso previamente contratadas e instruídas polo propio Hopkins, o que podía ser moi útil nos xuízos, ou o uso de falsos pinchos retráctiles. Este último truco servía para descubrir as chamadas marcas do Diaño, anomalías cutáneas tales como lunares, verrugas, supostamente insensibles e que constituían sinais que o Maligno deixara no corpo do seus discípulos a modo de recordatorio do nefando pacto que con el mantiñan. A idea era moi simple, se ó pinchar a un acusado nunha destas marcas non sentía nada, era proba evidente da súa condición de bruxo/a.


Hopkins facía, xunto cos seus axudantes, da súa chegada a un pobo, todo un espectáculo, e aí ninguén estaba libre, e menos unha muller soa ou aparentemente indefensa e/ou mal vista. Unha das probas máis populares, e que lle chegou a ser prohibida polo tribunais, era a proba da auga. Consistía en lanzar ó sospeitoso/a atado de pes e mans a unha poza ou río. Se aboiaba, culpable, se ía para o fondo, inocente. Como é obvio, ás veces non daba tempo a rescatar ós "inocentes", co cal tiñan un enterro con tódalas garantías de ter un alma pulcra e inmaculada. Os "culpables", polo tanto, garantían outro espectáculo: o da execución, que nuns tempos onde non había televisión nin Internet, era todo un acontecemento social na vida do pobo.


Este desenfreo inquisidor foi deixando confesións surrealistas ó seu paso, como feitizos sobre o gando, provocar tormentas sobre as colleitas, sinaturas de pactos co Diaño, provocar afundimentos de barcos mediante a bruxería, e similares, inzando os condados orientais de patíbulos, estimándose a cantidade de xente asasinada legalmente en varios centos. A carreira de Hopkins chegou ó seu fin cando despois de varios ataques dialécticos por parte do sacerdote John Gaule, escéptico respecto ás afirmacións de Hopkins, nun dos seus espectáculos acusatorios, sobrepasou os límites acusando a demasiada xente o que provocou unha airada reacción popular. Os xuíces tomaron nota do tema, interrogaron a Hopkins e os seus secuaces, facendo especial fincapé nos beneficios económicos obtidos polo grupo, o que provocou a súa disolución.


Respecto á fin de Hopkins, circulou a lenda de que el mesmo fora sometido á proba da auga, pero o certo é que se retirou no verán de 1646 á súa casa de Manningtree, morrendo de tuberculose ó cabo dun ano. O Diaño aumentaba así o seu séquito no Inferno, poñendo fin a unha breve pero intensa e malvada existencia.

Recomendacións:
  • Para ver unha recreación cinematográfica da vida deste ser, temos ó gran Vincent Price nunha película de 1968, "Witchfinder General". Aquí vai o inicio.
  • Usando tamén imaxes da película está o videoclip da canción "Hopkins (The Witchfinder General)", do álbum "The Carnival Bizarre" de Cathedral. No inicio da versión single está o texto que inicia o post. (Cabe destacar as dotes observadoras de Pedro, que me fixo percatarme dos valores estéticos do videoclip).


2 comentarios:

Pedrote dijo...

Granuja, no vengas a decirme ahora que no te habías fijado en la diosa de ébano, que no me creo nada ...

Suso dijo...

Inicialmente, nin me dera conta, pero ó volver a ver o vídeo, case tomaba notas.