6/12/11

911. Vexetariano (ou verde, que para un apuro...)


Chegou o tempo da matanza, e polo tanto xa habería que ter engordado ó porquiño, ou iso debe pensar a miña familia. O domingo anterior tiven visita de meus pais...

- Traio unha bolsa de nabizas, que me deu unhas poucas túa tía para ti.
- Ah, que ben... mmm, non serán moitas? (unha bolsa das do lixo ata os topes)
- Non, ho. Conxelas ou daslle a túa sogra.
- Vale.

Nada máis rematou o labor de anfitrión púxenme a limpar as nabizas, prepararlas para conxelar, repartir, etc., gardando unhas poucas para preparar un caldo ó día seguinte, o que na miña casa supón caldo para tres días. Por certo, xa sei que son o cociñeiro e pode non parecer obxectivo, pero teño que dicir que estaba moi rico.

A fin de semana seguinte, é dicir, fai catro días, fun de visita á casa deles, e para darme unha alegría, "como seguro que fai tempo que non o fas" (frase materna literal), tiña esperando por min... si, caldo de nabizas! O da conexión emocional entre pais e fillos parece ser un feito totalmente demostrado.

- Seguro que tiñas gañas del, eh?
- Siiii (cara de póker).

Menos mal que para completar unha dieta sana e equilibrada había unhas filloas, que se non, non sei eu o colesterol... Pero aínda quedaba a traca final antes de marchar:

- Levarás uns kiwis, non? Déronnos dúas caixas e son moitos.
- Caixas?
- Si, levas e repartes, que aínda están duros.

Foi chegar de volta á casa e levarlle medio mar de kiwis a meus sogros, co cal a min só me queda outro medio e como epílogo:

- Leva esta cabeza de repolo, anda, que temos demasiado.
(A cabeza en cuestión era digna dun xigante)

En fin, que creo que esta vai ser a semana do repolo, e dos kiwis, claro, que estenderán o seu reinado un par delas máis, polo menos.

Recomendación:

Para relaxarse algo de tanto verde, deixo aquí o primeiro corte do primeiro álbum de Black Sabbath, titulado da mesma maneira, "Black Sabbath". Ozzy Osbourne comendo morcegos e eu acabando co verde do planeta, menudo par!


No hay comentarios: