23/12/14

1223. Xoguetes (confusos)


Aló polo 1892, en Alemaña, alguén comercializou un xogo chamado Stern-Halma (Halma estrelado, literalmente). Este xogo era unha variante doutro inventado unha década antes nos EE.UU., o Halma, que á súa vez procedía do Hoppity inglés, e que en caso de seguir buscando seguro que poderiamos continuar a cadea para atrás ata extremos insospeitados.

En 1928, e como parte dunha campaña comercial, o xogo empezou a venderse co exótico nome de damas chinesas, tendo como dato curioso que na China foi introducido anos despois polos xaponeses.

Case un século despois, no actual 2014, o xogo formaba parte dunha pequena exposición-obradoiro que estaba na biblioteca do Instituto de Suso como actividade previa ás vacacións de Nadal. E como toda cousa que se precie nun instituto, era susceptible de sufrir desperfectos e/ou vandalismo. Neste caso, consistente no roubo de unha cantidade considerable das boliñas que se utilizan como fichas do xogo. O autor da trasnada foi rapidamente descuberto grazas ás eficientes pesquisas do xefe de estudos (autobombo, por que non?)... e tamén a sonsacar a un par de alumnos que habitualmente están metidos en todo o que pasa no centro.

Coincidindo no tempo, tivemos as avaliacións. Nestas xuntanzas do profesorado, das que os alumnos opinan que son para falar mal deles, e os profesores dicimos que son para facer unha posta en común da marcha dos alumnos no curso e tratar de buscar como mellorar o proceso (agora escollede a versión que máis vos guste), como ía dicindo, nestas xuntanzas poden contarse detalles como o anterior das damas chinesas para ilustrar o estado de dispersión no que o alumno está submerxido e que pode ameazar o seu futuro académico.

O caso foi que, como xefe de estudos, informei ós profesores do túzaro en cuestión do roubo das bólas do xogo, aparte da sanción que o tema levaba consigo. O problema foi que, despois de varios días de papeleo intenso, exames, etc., a lucidez non era a que debería e ante as preguntas de algúns profesores informei, tratando de abreviar (?), nos seguintes termos:

"O que pasou foi que **** levou da biblioteca unhas bólas chinesas"

Así que, a partir de aquí, lembrarvos que pensedes dúas veces antes de abrir a boca cando esteades cansos. E por se só pensades no único, lembrade non confundir bólas chinesas (保定健身球, bǎodìngjiànshēnqiú) con bólas chinesas (阴道球, yīndàoqiú), que vai ti a saber que pensan algúns que temos na biblioteca... e que pensan que debo de ter eu na cabeza.

Recomendación:

Aparte de recomendarvos que xoguedes coas damas chinesas... ou con calquera outro dos xoguetes citados, alá cada un co que fagades nos vosos ratos libres, presentarvos a unha das primeiras bandas chinesas de heavy metal, en chinés, por suposto. "太阳" (O sol), dos 唐朝乐队 (Dinastía Tang). Con subtítulos, que non se diga que non se entende.


17/11/14

1217. Perigo, xabaríns soltos!


Fai un par de semanas acompañei a un grupo de alumnos de visita a lugares variados, a rotativa dun xornal, uns estudos de produción audiovisual e, finalmente a un museo, lugar onde unha das nosas alumnas tivo a ben facer a seguinte pregunta a unha das empregadas do mesmo:

"Y aquí, ¿hay algo interesante que ver?"

A pregunta, xa escalofriante de por sí, á par que avergoñante para os seus profesores, non tería máis trascendencia (por desgraza, xa estamos acostumados á nosa fauna) se non fóra porque a nosa alumna a formulou cando marchabamos.


Aaaghh!

Recomendación:

Se despois de tal exposición á barbarie sentides necesidade de recuperarvos, nada mellor que unha obra de divulgación científica, "Os dados do reloxeiro", de Xurxo 
Mariño Alfonso.

26/8/14

1213. Unha vida de santo (ou case)


Poseído polo fervor relixioso dos días nos que empecei a escribir esta entrada (alá pola canonización do Papa Wojtyla), imos coñecer hoxe a alguén que tamén andaba de procesión nos seus bos tempos. A procesión saíulle tan ben, que bastantes anos de (oficialmente) subir ó ceo, tamén ascendeu ós altares, presa de outro fervor, o fervor canonizador e beatificador dos Papas Wojtyla e Ratzinger.
Como detalle curioso, durante os papados dos anteriores, o número de santos e beatos da Igrexa Católica pasou a duplicarse e aínda lles sobraba algún, como por exemplo o protagonista desta entrada. O dato numérico é abrumador, 2 Papas en 35 anos conseguiron subir ós altares tanta xente como os 263 anteriores en 1948 anos, canonizacións exprés de dubidosa legalidade incluídas.

Como sempre hai que tratar de ser obxectivo, primeiro ofrecerei a versión Disney da biografía do noso protagonista, Aloysius Stepinac, ver aquí. Se seguides a liña temporal da empalagosa pedra de azucre que vos acabo de ofrecer, notaredes que hai un pequeno oco entre 1930 e 1946, cousa altamente curiosa en alguén que formaba parte da vida pública do seu país, Croacia, durante aquela época. Hai quen di que isto é debido a unha "lenda negra inventada polos comunistas" (cito literalmente), dita lenda negra que, por certo, non hai forma de substituir por unha versión crible conta algunhas cousas lixeiramente incompatibles coas ensinanzas da Igrexa, que entre outras son as que imos recordar hoxe.

O beato Stepinac, denominado así a partir de agora en aras da obxectividade Disney, naceu a uns 50 km de Zagreb alá por 1898, mudouse á capital en 1909, e en 1916 tivo a mala sorte de ser reclutado polo exército austrohúngaro. Máis tarde tivo a aínda peor sorte de ser enviado á fronte italiana, pero como o Señor protexe ós seus (normalmente, que non sempre), foi capturado en maio de 1918 polos italianos e pasou cinco meses como prisioneiro de guerra. A sorte empezaba a cambiar.
Trala guerra, volve á casa, onde ademais de comezar a estudar Agronomía, foi convencido, non sen reticencias, polos seus pais de profesar o sacerdocio. Como a profesión daquela non andaba escasa de aspirantes, o beato estudou, estudou, e así durante once longos anos pasando por Roma, facultades de Filosofía e Teoloxía, ata chegar a 1930, ano no que é ordeado. O ano seguinte proporciónalle ó beato Stepinac un posto de crego nunha parroquia en Zagreb, pero en vez de ser párroco, pasa a traballar para o arcebispo de Zagreb, ascendendo fulguramentemente (foi nomeado bispo en 1934, sendo daquela o máis novo do mundo) ata sucedelo no cargo en 1937. Foi facendo, como correspondía ó seu cargo, importantes obras sociais e de caridade e, como tradicionalmente tamén correspondeu a tales cargos, non descoidou a faceta política e situouse preto do poder.

E aquí facemos unha breve parada de situación no contexto histórico. En 1918 foi fundado o Reino de Iugoslavia, supostamente para pacificar o polvorín centroeuropeo; o caso foi que, durante a Segunda Guerra Mundial, foi derrotado (máis ben dinamitado desde o interior) polo III Reich e na zona que nos interesa foi constituído o ironicamente denominado Estado Independente de Croacia (NDH, en croata) o 10 de abril de 1941. O NDH era, na práctica, un estado títere da Alemaña Nazi. De feito, tiña un rei que nin chegou a pisar o país, Tomislav II, sendo gobernado o estado polo rexime de Ante Pavelić, sinistro individuo ó mando dos non menos sinistros ustashi, membros dunha mestura de movemento político e organización terrorista de corte fascista, que levaban varios anos exiliados na Italia de Mussolini.

(Aquí podemos ver a Pavelić e Stepinac)

Retomando a historia do beato e enlazándoa co contexto, o 14 de abril de 1941 o arcebispo de Zagreb, si, o futuro beato Stepinac, reuniuse co ditador Pavelić para transmitirlle os seus parabéns no nome da Igrexa Católica mentres as campás repicaban polo país adiante. Para non ser menos, o ditador nomeouno a el Vicario Apostólico Militar do exército.
Tal bo ambiente pode explicarse por unha certa coincidencia de intereses. Os ustashi eran profundamente católicos (aínda que lles resultaba difícil cumprir con varios dos seus mandamentos, os relacionados coa violencia, basicamente), nacionalistas antiserbios e, como xa se dixo, fascistas. A todo isto sumémoslle que Hitler lles botou a culpa ós serbios do golpe de estado que precipitou a caída do reino de Iugoslavia a mans dos nazis e que os serbios eran maioritariamente ortodoxos; e así, xa temos tódolos ingredientes para o que pasou: o xenocidio serbio durante a Segunda Guerra Mundial.

Por se a última frase leva a malas interpretacións, vou reflexionar sobre unha das grandes verdades históricas que as guerras do século XX e o que levamos do XXI poñen moi á vista. O de que a historia a escriben os vencedores é relativo, pero que non a escriben os perdedores é evidente, normalmente porque soen estar mortos. E para que negalo, os serbios fai vinte anos foron uns cabestros, e os croatas venderon moi ben o papel de vítimas históricas. Factores que ademais viñeron axudados pola necesidade de pasar páxinas que sentiron os estados a partir de 1945 (en moitos casos, que cada bloque deixase facer ó outro sen meter moito os fuciños na casa do veciño) e na ex-Iugoslavia, a maiores, polo mando do mariscal Tito empeñado en pacificar (ou algo así, alomenos que pararan de matarse) o país.


Despois desta divagación, aclaro, que aínda non o fixen, que foron os croatas os que mataron a unha cantidade que se estima entre o medio millón e 750000 de serbios, xudeus e xitanos.


(A Deus rogando e o brazo dereito estirando. Pavelić no extremo
dereito do grupo de vips e Stepinac no extremo dereito da foto)

Na Croacia do NDH houbo campos de exterminio, pero ó contrario que nos da Alemaña nazi, que tiñan un funcionamento case industrial e discreto, neste caso as matanzas eran públicas, recreándose no sadismo ata o extremo de estar preocupados mandos militares alemáns como
Heydrich (todo un carniceiro) por unha posible rebelión. Incluso os fascistas italianos, horrorizados polo que vían, chegaron a axudar a fuxir a serbios e xudeus, feito do que se queixou o beato Stepinac por supoñer un menoscabo da súa autoridade.

Novo inciso de contexto histórico. Frases que exemplificaron o odio:

"Os serbios son o refugallo dunha nación, o tipo de xente que se vende a calquera e a calquera prezo."
(Ante Pavelić, considerado aínda hoxe heroe nacional por moitos croatas)
"Este Estado, o noso país, é só para os croatas e para ninguén máis."
(Ministro de Xustiza do NDH, alucinante)
"As bases do movemento ustasha son a relixión. Para as minorías, como os serbios, xudeus e xitanos, temos tres millóns de balas."
(Máis alucinante é que o que tal dixo era o ministro de Educación)
"...os croatas e o serbios pertencen a dous mundos distintos, polo norte e polo sur. Nunca se levarán ben a non ser por un milagre de Deus."
(Aloysius Stepinac, beato da Igrexa Católica)

Retomando o tema, lembremos que se Deus non fai milagres, pois sempre se lle pode rezar algo máis, e quen mellor que uns frades para iso. Neste caso, os franciscanos, que por alí andaban e, que casualidade, mantiñan excelentes relacións cos ustashi. Se alguén quere máis información e/ou detalles escabrosos, aquí.

Como xa sabemos, a guerra foi avanzando cara o seu fin, e como consecuencia, a Crocia do NDH, ía saír mal do asunto. O beato Stepinac, que ademais tiña bo olfacto político empezou a ver que a cousa pintaba mal e foi tomando posicións para minimizar as perdas, cometendo "actos humanitarios" (digo cometendo, porque tiñan moito máis de interesados que de humanitarios) para empezar a maquillar o pasado.
O caso é que, rematada a guerra, os ustashi trataron de buscar a mediación papal para a creación dun estado croata, pero Pío XII parecía estar bastante ocupado en limpar as sospeitas sobre a súa ambigüidade política na guerra e non quixo meterse en máis problemas; de todas maneiras, non impediu que o Vaticano colaborase activamente na fuxida de Ante Pavelić a Arxentina, mediante ocultación pola Igrexa Católica en Roma e co coñecemento dos servizos segredos estadounidenses, ademais dunha breve detención polos aliados e liberación por... intercesión ante as autoridades do beato Stepinac! Se queredes saber como foi que acabou morrendo en España (curioso, verdade?) anos máis tarde, podedes consultalo
aquí.

Como en 1946 Pío XII seguía ocupando limpando a súa casa, non debeu ter tempo para contestar a unha carta do mariscal Tito, a estas alturas xa xefe de estado da nova Iugoslavia, na que trataba de desfacerse/buscar unha saída ó "tema Stepinac". Tras catro meses sen resposta, Tito demostrou que non ía de farol e o beato Stepinac acabou diante dun tribunal, con numerosas testemuñas que acreditaban que non era ignorante das masacres dos ustashi e que non movera un dedo para evitalas ou minimizalas. Resultado: unha pena de dezaseis anos de prisión que, visto como as gastaban os tribunais de posguerra, era unha boa saída. Sobre todo, coa súa única frase de defensa: "Teño a conciencia tranquila".

("Teño a conciencia tranquila")

Mentres tanto, Pío XII xa rematara de limpar os armarios, a "sorte" volveu sorrir ó beato e, como xesto de conciliación por parte de Tito, saíu do cárcere en 1951. En 1952, Pío XII, que despois de deixar ó seu servo tirado en 1946 non debía ter a conciencia tan tranquila, nomeouno cardeal. Este nomeamento fixo que Tito pasara do talante conciliador á furia e, en menos de tres semanas, rompeu relacións diplomáticas co Vaticano. E de aquí, ata 1960, ano no que faleceu moito máis placidamente do que o fixeron moitos miles de persoas dos territorios do seu arcebispado. Tan placidamente, que hoxe podedes ver os seus restos embalsamados expostos na catedral de Zagreb.

Para rematar o ascenso (ós altares), chegou outro Papa profundamente anticomunista e prolífico creador de santos e beatos, como xa citei ó inicio, Xoán Pablo II, que tras un proceso non exento de polémicas tanto na propia Igrexa como fóra dela, o elevou á condición de beato en 1998. Esto tamén serviu para lembrarnos que os Papas están sempre moi ocupados, xa que na súa visita a Croacia se reuníu co presidente Tudjman (negacionista e revisionista histórico) pero non puido visitar algún dos campos de concentración da época, visita que lle foi suxerida, pero que amablemente rexeitou facer (as conciencias tranquilas son imprevisibles).

Recomendación:

Poderiades pensar en ler algo de ciencia-ficción, pero despois de ler o anterior, seguro que non vos asombraría o máis mínimo, así que vos recomendo unha das mellores novelas que lin nos últimos meses, "Pastoral americana" de Philip Roth, que curiosamente gañou o premio Pulitzer no mesmo ano que o beato Stepinac foi ascendido ós altares.

11/6/14

1201. Cansado


"Decidín non facer nada máis durante ese día.
A vida esgota a un home, consómeo.
Mañá sería outro día"

               (Pulp. Charles Bukowski)


2/6/14

1193. Drama laboral


Estimado (aínda que só sexa por ser educado) Presidente do Goberno:

Diríxome a vostede para expoñerlle a necesidade de tomar medidas inmediatas para paliar o drama do desemprego xuvenil. Sirva como exemplo o que acabamos de ver hoxe nas noticias: un pai obrigado pola situación do país a traballar ata os 76 anos, o seu fillo acaba de atopar hoxe, con 46 anos e unha preparación nas mellores escolas, un posto de traballo. E iso, tendo en conta que é o fillo do xefe, que á súa vez xa fixo no seu momento un chanchullo co anterior xefe. Co cal, creo que sobra todo tipo de explicacións sobre as dificultades que atopa a xuventude do noso país nestes momentos.

Atentamente, Suso.

Recomendación:

Como non podía ser menos hoxe, os Sex Pistols, a ver se non acabamos cantando o "No future"... "God save the Queen".



10/4/14

1187. Desubicación temporal


Xefatura de estudos, alumna a punto de ser expulsada do instituto por uns días... as típicas tonterías, insultar gravemente a unha profesora, tirar polo chan unha mesa, etc., en fin cousas de nenos. Conversa co pai en presenza da individua:

Suso: - Pois a súa filla fixo... (detalle das tropelías varias)
Pai: - Ah, ben. Non aprendemos. (desesperación/resignación porque xa non é nin a primeira nin a segunda deste estilo)
Suso: - Entón, e dado que as vacacións están xa aí, a sanción vai ser de tres días de expulsión e queda avisada que aínda que a sanción debería ser maior, por esta vez, pase, pero se hai outra, será motivo de expediente.
Pai: - En fin, nada novo. E o tema de exames, cando dan as notas da segunda avaliación?
Suso: (sorpresa) - Mmmm... Alumna, podes recordarlle a teu pai cando damos as notas?

Silencio tenso, o pai pon cara de "aquí pasa algo e non sei o que é".

Alumna: - Mmm... eeh... mmm, no me acuerdo.
Pai: - Que?
Suso: - O venres, no segundo recreo. Iso si, o venres de fai dúas semanas.

Novo silencio, roto por un bufido do pai... (e a partir de aquí, nada relevante que contar salvo que non houbo ningún tipo de escena violenta, polo menos no instituto).

Recomendación:

Descubrín a finais do ano pasado a Das Kapital, aí vos queda "Anjo do desespero" do seu EP Ruído Negro (2011).


5/4/14

1181. Con vento de Levante


Fai un par de días, algúns dos meus alumnos (14-15 anos na súa maioría) foron de visita a Sotavento, parque eólico experimental onde os escolares poden aprender moitas cousas sobre o uso eficiente da enerxía. Unha vez alí, amablemente atendidos polos monitores que guían as visitas tivo lugar esta conversa:

Monitor: - Entón, alguén pode dicirme por onde sae o Sol?
Alumno 1: - Polo Oeste.
Monitor: - Como? (facendo que non oira ou incrédulo, a saber)
Alumno 1: - Si, polo Oeste.
Monitor: - E o resto, que opinades?
Alumnos varios: - Si, Oeste, confiamos nel.
Monitor: - A ver, sabedes que a Xapón chámanlle o país do Sol Nacente, non?
Alumnos varios: - Si.
Monitor: - Entón, por onde pensades que sairá o Sol? (que paciencia tiña o home!)
Alumnos varios: - Polo... mmm... Oeste?
Monitor: - Un pouco máis preto de nós, onde está o Levante? (desesperación)
Alumna 2: - Aaaah, claro!
Monitor: - Si? (vendo o ceo aberto de súpeto)
Alumna 2: - O Sol sae polo SUR! (pensabamos que era unha das nosas mellores alumnas, snif, snif)

Como hai que contar todo, direi que, de alí a un case nada, outro alumno suxeriu timidamente que o Sol pode ser que saia polo Leste. (Punto este que aínda parece estar por confirmar, tal vez na próxima edición dos Ig Nobel saibamos algo máis).

Recomendación:

A tal hora aínda non sabemos se o monitor ten iniciado xa un tratamento contra a depresión, pero non descartamos que en algún momento nos chegue unha factura de medicamentos por tal causa. En todo caso, e para que non vos deprimades, eu vou recomendarvos o libro que estou lendo actualmente, "Victus" de Albert Sánchez Piñol, e que como aínda non rematei, convídovos a que me acompañedes no percorrido polas súas páxinas.