26/8/14

1213. Unha vida de santo (ou case)


Poseído polo fervor relixioso dos días nos que empecei a escribir esta entrada (alá pola canonización do Papa Wojtyla), imos coñecer hoxe a alguén que tamén andaba de procesión nos seus bos tempos. A procesión saíulle tan ben, que bastantes anos de (oficialmente) subir ó ceo, tamén ascendeu ós altares, presa de outro fervor, o fervor canonizador e beatificador dos Papas Wojtyla e Ratzinger.
Como detalle curioso, durante os papados dos anteriores, o número de santos e beatos da Igrexa Católica pasou a duplicarse e aínda lles sobraba algún, como por exemplo o protagonista desta entrada. O dato numérico é abrumador, 2 Papas en 35 anos conseguiron subir ós altares tanta xente como os 263 anteriores en 1948 anos, canonizacións exprés de dubidosa legalidade incluídas.

Como sempre hai que tratar de ser obxectivo, primeiro ofrecerei a versión Disney da biografía do noso protagonista, Aloysius Stepinac, ver aquí. Se seguides a liña temporal da empalagosa pedra de azucre que vos acabo de ofrecer, notaredes que hai un pequeno oco entre 1930 e 1946, cousa altamente curiosa en alguén que formaba parte da vida pública do seu país, Croacia, durante aquela época. Hai quen di que isto é debido a unha "lenda negra inventada polos comunistas" (cito literalmente), dita lenda negra que, por certo, non hai forma de substituir por unha versión crible conta algunhas cousas lixeiramente incompatibles coas ensinanzas da Igrexa, que entre outras son as que imos recordar hoxe.

O beato Stepinac, denominado así a partir de agora en aras da obxectividade Disney, naceu a uns 50 km de Zagreb alá por 1898, mudouse á capital en 1909, e en 1916 tivo a mala sorte de ser reclutado polo exército austrohúngaro. Máis tarde tivo a aínda peor sorte de ser enviado á fronte italiana, pero como o Señor protexe ós seus (normalmente, que non sempre), foi capturado en maio de 1918 polos italianos e pasou cinco meses como prisioneiro de guerra. A sorte empezaba a cambiar.
Trala guerra, volve á casa, onde ademais de comezar a estudar Agronomía, foi convencido, non sen reticencias, polos seus pais de profesar o sacerdocio. Como a profesión daquela non andaba escasa de aspirantes, o beato estudou, estudou, e así durante once longos anos pasando por Roma, facultades de Filosofía e Teoloxía, ata chegar a 1930, ano no que é ordeado. O ano seguinte proporciónalle ó beato Stepinac un posto de crego nunha parroquia en Zagreb, pero en vez de ser párroco, pasa a traballar para o arcebispo de Zagreb, ascendendo fulguramentemente (foi nomeado bispo en 1934, sendo daquela o máis novo do mundo) ata sucedelo no cargo en 1937. Foi facendo, como correspondía ó seu cargo, importantes obras sociais e de caridade e, como tradicionalmente tamén correspondeu a tales cargos, non descoidou a faceta política e situouse preto do poder.

E aquí facemos unha breve parada de situación no contexto histórico. En 1918 foi fundado o Reino de Iugoslavia, supostamente para pacificar o polvorín centroeuropeo; o caso foi que, durante a Segunda Guerra Mundial, foi derrotado (máis ben dinamitado desde o interior) polo III Reich e na zona que nos interesa foi constituído o ironicamente denominado Estado Independente de Croacia (NDH, en croata) o 10 de abril de 1941. O NDH era, na práctica, un estado títere da Alemaña Nazi. De feito, tiña un rei que nin chegou a pisar o país, Tomislav II, sendo gobernado o estado polo rexime de Ante Pavelić, sinistro individuo ó mando dos non menos sinistros ustashi, membros dunha mestura de movemento político e organización terrorista de corte fascista, que levaban varios anos exiliados na Italia de Mussolini.

(Aquí podemos ver a Pavelić e Stepinac)

Retomando a historia do beato e enlazándoa co contexto, o 14 de abril de 1941 o arcebispo de Zagreb, si, o futuro beato Stepinac, reuniuse co ditador Pavelić para transmitirlle os seus parabéns no nome da Igrexa Católica mentres as campás repicaban polo país adiante. Para non ser menos, o ditador nomeouno a el Vicario Apostólico Militar do exército.
Tal bo ambiente pode explicarse por unha certa coincidencia de intereses. Os ustashi eran profundamente católicos (aínda que lles resultaba difícil cumprir con varios dos seus mandamentos, os relacionados coa violencia, basicamente), nacionalistas antiserbios e, como xa se dixo, fascistas. A todo isto sumémoslle que Hitler lles botou a culpa ós serbios do golpe de estado que precipitou a caída do reino de Iugoslavia a mans dos nazis e que os serbios eran maioritariamente ortodoxos; e así, xa temos tódolos ingredientes para o que pasou: o xenocidio serbio durante a Segunda Guerra Mundial.

Por se a última frase leva a malas interpretacións, vou reflexionar sobre unha das grandes verdades históricas que as guerras do século XX e o que levamos do XXI poñen moi á vista. O de que a historia a escriben os vencedores é relativo, pero que non a escriben os perdedores é evidente, normalmente porque soen estar mortos. E para que negalo, os serbios fai vinte anos foron uns cabestros, e os croatas venderon moi ben o papel de vítimas históricas. Factores que ademais viñeron axudados pola necesidade de pasar páxinas que sentiron os estados a partir de 1945 (en moitos casos, que cada bloque deixase facer ó outro sen meter moito os fuciños na casa do veciño) e na ex-Iugoslavia, a maiores, polo mando do mariscal Tito empeñado en pacificar (ou algo así, alomenos que pararan de matarse) o país.


Despois desta divagación, aclaro, que aínda non o fixen, que foron os croatas os que mataron a unha cantidade que se estima entre o medio millón e 750000 de serbios, xudeus e xitanos.


(A Deus rogando e o brazo dereito estirando. Pavelić no extremo
dereito do grupo de vips e Stepinac no extremo dereito da foto)

Na Croacia do NDH houbo campos de exterminio, pero ó contrario que nos da Alemaña nazi, que tiñan un funcionamento case industrial e discreto, neste caso as matanzas eran públicas, recreándose no sadismo ata o extremo de estar preocupados mandos militares alemáns como
Heydrich (todo un carniceiro) por unha posible rebelión. Incluso os fascistas italianos, horrorizados polo que vían, chegaron a axudar a fuxir a serbios e xudeus, feito do que se queixou o beato Stepinac por supoñer un menoscabo da súa autoridade.

Novo inciso de contexto histórico. Frases que exemplificaron o odio:

"Os serbios son o refugallo dunha nación, o tipo de xente que se vende a calquera e a calquera prezo."
(Ante Pavelić, considerado aínda hoxe heroe nacional por moitos croatas)
"Este Estado, o noso país, é só para os croatas e para ninguén máis."
(Ministro de Xustiza do NDH, alucinante)
"As bases do movemento ustasha son a relixión. Para as minorías, como os serbios, xudeus e xitanos, temos tres millóns de balas."
(Máis alucinante é que o que tal dixo era o ministro de Educación)
"...os croatas e o serbios pertencen a dous mundos distintos, polo norte e polo sur. Nunca se levarán ben a non ser por un milagre de Deus."
(Aloysius Stepinac, beato da Igrexa Católica)

Retomando o tema, lembremos que se Deus non fai milagres, pois sempre se lle pode rezar algo máis, e quen mellor que uns frades para iso. Neste caso, os franciscanos, que por alí andaban e, que casualidade, mantiñan excelentes relacións cos ustashi. Se alguén quere máis información e/ou detalles escabrosos, aquí.

Como xa sabemos, a guerra foi avanzando cara o seu fin, e como consecuencia, a Crocia do NDH, ía saír mal do asunto. O beato Stepinac, que ademais tiña bo olfacto político empezou a ver que a cousa pintaba mal e foi tomando posicións para minimizar as perdas, cometendo "actos humanitarios" (digo cometendo, porque tiñan moito máis de interesados que de humanitarios) para empezar a maquillar o pasado.
O caso é que, rematada a guerra, os ustashi trataron de buscar a mediación papal para a creación dun estado croata, pero Pío XII parecía estar bastante ocupado en limpar as sospeitas sobre a súa ambigüidade política na guerra e non quixo meterse en máis problemas; de todas maneiras, non impediu que o Vaticano colaborase activamente na fuxida de Ante Pavelić a Arxentina, mediante ocultación pola Igrexa Católica en Roma e co coñecemento dos servizos segredos estadounidenses, ademais dunha breve detención polos aliados e liberación por... intercesión ante as autoridades do beato Stepinac! Se queredes saber como foi que acabou morrendo en España (curioso, verdade?) anos máis tarde, podedes consultalo
aquí.

Como en 1946 Pío XII seguía ocupando limpando a súa casa, non debeu ter tempo para contestar a unha carta do mariscal Tito, a estas alturas xa xefe de estado da nova Iugoslavia, na que trataba de desfacerse/buscar unha saída ó "tema Stepinac". Tras catro meses sen resposta, Tito demostrou que non ía de farol e o beato Stepinac acabou diante dun tribunal, con numerosas testemuñas que acreditaban que non era ignorante das masacres dos ustashi e que non movera un dedo para evitalas ou minimizalas. Resultado: unha pena de dezaseis anos de prisión que, visto como as gastaban os tribunais de posguerra, era unha boa saída. Sobre todo, coa súa única frase de defensa: "Teño a conciencia tranquila".

("Teño a conciencia tranquila")

Mentres tanto, Pío XII xa rematara de limpar os armarios, a "sorte" volveu sorrir ó beato e, como xesto de conciliación por parte de Tito, saíu do cárcere en 1951. En 1952, Pío XII, que despois de deixar ó seu servo tirado en 1946 non debía ter a conciencia tan tranquila, nomeouno cardeal. Este nomeamento fixo que Tito pasara do talante conciliador á furia e, en menos de tres semanas, rompeu relacións diplomáticas co Vaticano. E de aquí, ata 1960, ano no que faleceu moito máis placidamente do que o fixeron moitos miles de persoas dos territorios do seu arcebispado. Tan placidamente, que hoxe podedes ver os seus restos embalsamados expostos na catedral de Zagreb.

Para rematar o ascenso (ós altares), chegou outro Papa profundamente anticomunista e prolífico creador de santos e beatos, como xa citei ó inicio, Xoán Pablo II, que tras un proceso non exento de polémicas tanto na propia Igrexa como fóra dela, o elevou á condición de beato en 1998. Esto tamén serviu para lembrarnos que os Papas están sempre moi ocupados, xa que na súa visita a Croacia se reuníu co presidente Tudjman (negacionista e revisionista histórico) pero non puido visitar algún dos campos de concentración da época, visita que lle foi suxerida, pero que amablemente rexeitou facer (as conciencias tranquilas son imprevisibles).

Recomendación:

Poderiades pensar en ler algo de ciencia-ficción, pero despois de ler o anterior, seguro que non vos asombraría o máis mínimo, así que vos recomendo unha das mellores novelas que lin nos últimos meses, "Pastoral americana" de Philip Roth, que curiosamente gañou o premio Pulitzer no mesmo ano que o beato Stepinac foi ascendido ós altares.

No hay comentarios: