Alá polo 1966, James French estaba cumprindo unha sentenza de cadena perpetua no estado de Ohio, que consideraba inxusta, pero despois dunha profunda reflexión (ou non, quen sabe?) chegou á conclusión que toda a vida ía ser un período de tempo demasiado longo e decidíu dar un xiro ó seu destino. A solución era simple: suicidarse. O novo problema: non se atrevía.
E volta a buscar unha solución ós seus problemas, e de súpeto, idea: xa que el non se atrevía, faría que o Estado acabase con el. Este peculiar novo método de suicidio necesitaba un detonador, e French, que a estas alturas xa sabemos que pensaba moito, atopou pronto unha idea: matar ó seu compañeiro de cela. Pensado e feito. O tema estaba moi claro e o tribunal non tivo dúbidas, pena de morte.
Visto que French quería morrer e o Estado tampouco puxo moitos reparos, o proceso foi rápido, e French tivo a dubidosa honra de ser o único reo executado aquel ano nos Estados Unidos.
E por se ata aquí non tiñamos claro que French era un tipo inxenioso, chegou o día da execución aproveitando as ensinanzas de Edison, e cando lle dixeron se quería dicir unhas últimas palabras, entrou de forma estrepitosa polas portas da Historia dirixíndose ós membros da prensa que estaban presentes:
"Hey, fellas! How about this for a headline for tomorrow’s paper? 'French Fries!'"
(Ei, mozos! Que tal isto para os titulares dos xornais de mañá? "French Fries!")
Aparte de referirse ó seu inminente estado, "French fries" é o nome que lle dan nos Estados Unidos ás patacas fritidas. (Agás na tolemia patriótica desvariada de despois dos atentados do 11-S, na que, indignados coa falta de apoio de Francia ás aventuras guerreiras de Bush Jr. e os seus amigos do trío das Azores, se lles chamou durante unha temporada "Freedom fries").
Recomendación:
Outra historia ben curiosa acerca dun individuo sumamente macabro, pero contada dunha forma nada macabra, senón todo o contrario, é a que conta a novela gráfica "Mi amigo Dahmer", na que o autor, Derf Backderf, lembra as súas vivencias como compañeiro de clase de Jeffrey Dahmer, asasino en serie que faría parecer a James French un amable e exemplar cidadán ó que nos gustaría ter como veciño.