27/2/15

1231. Unha de patacas... vai!


Alá polo 1966, James French estaba cumprindo unha sentenza de cadena perpetua no estado de Ohio, que consideraba inxusta, pero despois dunha profunda reflexión (ou non, quen sabe?) chegou á conclusión que toda a vida ía ser un período de tempo demasiado longo e decidíu dar un xiro ó seu destino. A solución era simple: suicidarse. O novo problema: non se atrevía.

E volta a buscar unha solución ós seus problemas, e de súpeto, idea: xa que el non se atrevía, faría que o Estado acabase con el. Este peculiar novo método de suicidio necesitaba un detonador, e French, que a estas alturas xa sabemos que pensaba moito, atopou pronto unha idea: matar ó seu compañeiro de cela. Pensado e feito. O tema estaba moi claro e o tribunal non tivo dúbidas, pena de morte.
Visto que French quería morrer e o Estado tampouco puxo moitos reparos, o proceso foi rápido, e French tivo a dubidosa honra de ser o único reo executado aquel ano nos Estados Unidos.

E por se ata aquí non tiñamos claro que French era un tipo inxenioso, chegou o día da execución aproveitando as ensinanzas de Edison, e cando lle dixeron se quería dicir unhas últimas palabras, entrou de forma estrepitosa polas portas da Historia dirixíndose ós membros da prensa que estaban presentes:

"Hey, fellas! How about this for a headline for tomorrow’s paper? 'French Fries!'"
(Ei, mozos! Que tal isto para os titulares dos xornais de mañá? "French Fries!")

Aparte de referirse ó seu inminente estado, "French fries" é o nome que lle dan nos Estados Unidos ás patacas fritidas. (Agás na tolemia patriótica desvariada de despois dos atentados do 11-S, na que, indignados coa falta de apoio de Francia ás aventuras guerreiras de Bush Jr. e os seus amigos do trío das Azores, se lles chamou durante unha temporada "Freedom fries").

Recomendación:

Outra historia ben curiosa acerca dun individuo sumamente macabro, pero contada dunha forma nada macabra, senón todo o contrario, é a que conta a novela gráfica "Mi amigo Dahmer", na que o autor, Derf Backderf
lembra as súas vivencias como compañeiro de clase de Jeffrey Dahmer, asasino en serie que faría parecer a James French un amable e exemplar cidadán ó que nos gustaría ter como veciño.


No hay comentarios: