29/7/10

439. Maldito ordenador!


"Ahora, desde que se ha generalizado el uso del ordenador y ya no hace falta pasarlas a máquina cuarenta veces antes de tener la versión definitiva, las novelas son cada vez más largas: novelas de ochocientas, de novecientas, de mil páginas. Un aburrimiento. Por culpa del ordenador."

(Crematorio. Rafael Chirbes)


27/7/10

433. [ 2 nenos = 1 persoa ]


Tranquilos, non é que por algunha nova lei se lle vaia autorizar a Ryanair a meter a dous nenos a presión nun asento, que por falta de gañas non será, pero desta aínda non. Na recente estancia en Alemaña, tiven ocasión de facer uso (e disfrutar) dos servizos da Deutsche Bahn AG, abreviadamente DB. Aparte do seu excelente funcionamento, puntualidade, limpeza e prezos, tamén obtiven un curioso dato, como podedes comprobar no ticket. En realidade, dous datos, un interesante, que é o de bonos para cinco persoas, que fan que o prezo sexa realmente barato, de feito é máis barato que comprar dous bonos individuais.

O outro dato, que é o que inspira este post, é o sentido matemático do ticket en canto a contar o grupo e que se pode apreciar no sombreado vermello que photoshopeei no ticket, dous nenos (entre 6 e 14 anos) equivalen a un adulto. O que tamén fai pensar en interesantes cuestións como:

- A partir de 14 anos contas como adulto?

- En caso contrario, canto? 0'75 adultos? Algunha relación linear?

- Con menos de seis anos, en canto te estima DB Bahn?


Por se tiñamos dúbidas, non tódolos estereotipos sobre os alemáns son certos, pero está claro que en algún caso póñense a tiro moi fácil. E para rematar unha última cuestión:

- Os meus alumnos de primeiro ciclo da ESO deberían ser considerados como medio persoas? (Ás veces, independentemente do que pensen os alemáns, cousas deste tipo son o máis agradable que se me ocorre nas miñas clases. Son as cousas que ten a exposición á garrulicie, que fai que o organismo se rebele a pesar de estar acostumado.)

Recomendación:

Aproveitando os temas alemán e numérico, unha escusa tan boa como outra calquera, traio un tema dos meus benqueridos Kraftwerk, neste caso "Computerliebe"(*), de 1981. Nada que ver coa mediática versión "Talk" de 2005 dos insufribles Coldplay, un par de repeticións do estribillo orixinal punteando a guitarra para dar unha apariencia rock (aburrido, por certo) e nada máis que aportar, nin siquiera ó recoñecemento a Kraftwerk. Só a poño para poder comparar e poñer a estes insufribles ingleses a caer dun burro, que ben merecido o teñen. (Acabo de escoitar a canción para comprobar o enlace, que malos son!)

Por certo, e por se non quedou claro: Non, non me gusta Coldplay!

(*) Enlace actualizado o 30/7, o novo vídeo é máis interesante.


431. Polas rúas de Praga


Neste escenario é onde situou Gustav Meyrink a súa novela "O Golem". Publicada por entregas no xornal expresionista "Die weißen Blätter" entre 1913 e 1914, foi publicada ó ano seguinte en forma de libro polo editor Kurt Wolff, famoso tamén por ter editado a outro ilustre relacionado con Praga, Franz Kafka.

A novela déixase ler facilmente no tocante ó estilo de redacción, áxil e nada enrevesado, outra cousa é a liña argumental. Resumindo dunha forma tradicional, a novela conta as andanzas de Athanasius Pernath, mestre artesán que traballa tallando xemas no gueto xudeu de Praga. Dita historia conta nun segundo plano coa historia do Golem de Praga, unha lenda que parte do século XVI, cando se conta que o rabino Rabbi Judah Loew fabricou un golem, un monstro fabricado con arxila e insuflado coa vida con rituais da Cábala, coa finalidade de protexer o gueto de ataques antisemitas.

Mesturando ambas cousas, Meyrink constrúe un mosaico no que podemos presenciar a vida nocturna de Praga, unha ollada á sociedade da época, á vida dos xudeus en Praga, tanto como comunidade como na súa relación cos non xudeus, así como historias de amor e vinganzas con motivos varios. Un auténtico caleidoscopio que leva por momentos ó desconcerto, incluso a pensar nunha falta de coherencia, e dúbidas debidas a unha aparente dualidade entre o plano real e o onírico, conducindo a un final sorprendente que nos fai replantexarnos todo o que acabamos de ler. Quen é o protagonista, Pernath ou a propia cidade personificada de forma inconsciente no Golem? Todo isto pode estar condimentado cunha serie de símbolos que algúns cren ver na novela, símbolos que van desde a psicoanálise ata a tradición rabínica e ocultista, o que dota á novela dun aura de misterio que a acompaña desde o seu nacemento.

E para rematar co post nesta noite de lúa chea, aquí queda o inicio da novela:

"La luz de la luna cae al pie de mi cama y yace allí como una piedra grande, clara y plana.
Cuando la luna llena comienza a menguar y su lado derecho a degenerar -como un rostro que al envejecer muestra primero arrugas en una mejilla y enflaquece-, de mí se apodera a esa hora de la noche una inquietud sombría y angustiosa.
Ni duermo ni estoy despierto, y en ese estado de duermevela se mezcla en mi alma lo vivido con lo leído y lo oído, como si confluyeran corrientes de distintos colores y tonalidades."


O resto, recomendo que o continuedes pola vosa conta. Pode ser estraña e moi rara para as narracións habituais do terror gótico, sendo herdeira directa dos grandes autores románticos alemáns do XIX, pero xa totalmente influída polo expresionismo que empezaba a irromper na escena cultural da época.

Recomendación:

Absolutamente hipnótico, sería unha banda sonora perfecta para as pasaxes máis oníricas da novela, deixo aquí "Like spinning plates" do álbum Amnesiac de Radiohead.

"While you make pretty speeches
I'm being cut to shreds
You feed me to the lions
A delicate balance
And this just feels like spinning plates
I'm living in cloud cuckoo land
And this just feels like spinning plates
Our bodies floating down the muddy river"



19/7/10

421. Outros tempos, outros costumes


"Era poco lo que yo había sabido de Holmes en los últimos tiempos. Mi matrimonio nos había apartado al uno del otro. Mi completa felicidad y los diversos intereses que, centrados en el hogar, rodean al hombre que se ve por primera vez con casa propia, bastaban para absorber mi atención; Holmes, por su parte, dotado de alta bohemia, sentía aversión a todas las formas de la vida de sociedad, y permanecía en sus habitaciones de Baker Street, enterrado entre sus libracos, aternando las semanas entra la cocaína y la ambición, entre los adormilamientos de la droga y la impetuosa energía de su propia y ardiente naturaleza."

(La aventura de un escándalo en Bohemia. Arthur Conan Doyle)

Recomendación:

Quixen recomendalo durante a estancia en Munich, pero por algún problema de copyright por terras xermanas, non o tiña dispoñible, así que hoxe, aquí queda "A casa", do álbum "Alma Mater", de Rodrigo Leão.



9/7/10

419. Arbeit macht frei


Onte en Munich, aparte de asistir ás clases do curso de alemán que estou facendo con outros profesores galegos e irnos de festa cos cidadáns autóctonos para ver o partido de fútbol, tamén tivemos tempo para acercarnos ás aforas da localidade de Dachau, no noroeste da capital bávara. A uns tres quilómetros do centro da vila e sobre os restos dunha antiga fábrica de pólvora foi construído e inaugurado a inicios do 1933 o campo de concentración de Dachau. Aberto o 22 de marzo de aquel ano, foi o primeiro dunha inmensa lista de campos repartidos non só por Alemaña, senón por tódolos países conquistados polo rexime nazi durante a Segunda Guerra Mundial (vimos un mapa con campos en sitios tan dispares como Lituania, Dinamarca, etc).

(No interior do campo, o valado entre a
zona de barracóns e os fornos crematorios)

Recibidos na porta polo lema que da título a este post: "O traballo fai libre", macabra forma de filosofía nazi, abordamos a grande esplanada da zona dos barracóns onde residían os prisioneiros do campo e pronto tivemos unha rara sensación, a da impresión de paz e estraña beleza do lugar, un lugar que foi deseñado desde o principio coa finalidade de matar persoas. Neste pequeno campo, pequeno para o que viría durante o resto do período nazi, os deseños de Theodor Eicke foron o xérmolo dun terrible proceso industrial que só tiña unha finalidade: a destrución. Hoxe en día só quedan dous barracóns reconstruídos, un deles aberto ó público e o outro usado como almacén. De aquí continuamos cara a zona sen dúbida máis tenebrosa do campo, a cámara de gas e os fornos crematorios, vendo previamente nos carteis que moitos dos prisioneiros se arroxaron contra os valados electrificados para poder morrer dunha vez e finalizar así co sufrimento ó que estaban sometidos.

A carón deste edificio hai unha zona boscosa con preciosos camiños para pasear, camiños que nos puxeron os pelos de punta cando vimos que algúns deles conducían a lugares onde os presos eran asasinados dun tiro na caluga (o uso das cámaras de gas non era suficientemente efectivo para as necesidades de morte deste lugar). Na cámara de gas, habitación non moi grande de pouco máis de dous metros de alto (este dato é importante, reduce o volume da estancia e aumenta a concentración do gas tóxico), ó principio non ves máis que iso, unha habitación, pero logo daste conta do que significa todo o que estás vendo e pensas cousas moi duras. A foto que aparece a continuación retrata unha desas cousas, por momentos tiven a sensación de estar vendo o último que viron moitísimas persoas antes de que lles pecharan a porta da habitación para ser asasinados, cando mirei a pantalla da cámara para ver como quedara a foto sentinme baleiro, foi como se me diluira totalmente.



(A porta da cámara de gas desde dentro. A habitación que se ve entre as dúas
portas é o lugar no que os prisioneiros deixaban a súa roupa antes de entrar)

Os fornos, cámaras de desinfección (a roupa dos presos mortos era aproveitada para os seguintes en ingresar no campo), e lugares de enterramento de cinsas que rodean ó edificio coa macabra cheminea constitúen un cadro que te vai preparando para o resto da visita. Tras pasar pola zona na que hai varias igrexas de diversas confesións en recordo dos mortos, visitamos o barracón reconstruído que ilustra perfectamente as pésimas condicións de vida dos presos, e enfiamos a parte final da visita, o museo do campo no que puidemos aprender un montón de cousas e datos sobre o campo, desde a súa administración con exhaustivos inventarios onde queda reflictido perfectamente o carácter industrial deste proceso de tortura e morte, así como outras variantes do estremecedor I+D da maldade no que se foi convertendo este campo con vistas a mellorar os deseños e funcións dos novos campos que se ían construíndo. Unha das partes máis terroríficas que xa coñecía, pero ver as fotos no lugar é moi diferente, foi a dos experimentos médicos con prisioneiros con fins militares, o nome de Sigmund Rascher ocupa un lugar de excepción na historia deste aberrante lugar, por exemplo, sumerxir a alguén en auga fría cun uniforme de piloto para ver canto tardaba en morrer, ou inocullarlles enfermidades infecciosas como a malaria, todo isto aplicado á finalidade de mellorar as posibilidades de supervivencia dos soldados do exército nazi en caso de imprevistos durante a guerra. Neste punto, xa cerca do final, aparte do aspecto psicolóxico, empecei a notarme mal fisicamente. Suxestión ou non, a verdade é que foi un momento moi duro. Saín do museo e tratei de aproveitar a beleza da mañá que nos rodeaba, con un tempo perfecto. Pode parecer unha lixeireza, pero un lugar destes non e prato para tódalas bocas, sobre todo se están acompañadas dun cerebro que pense dentro da cabeza que as contén.
E ata aquí chega o post de hoxe, no cal a única recomendación é a de visitar un lugar destes e tratar de aprender aprender algo deles. Creo que é unha pequena forma de xustiza con toda a xente que morreu aquí por motivos absurdos e inxustificables.


5/7/10

409. Autobombo


Xa que o blog non ten publicidade, podo permitirme facer como Televisión Española, e sen que sirva de precedente, darme o gusto de deixar que falen ben de un no seu propio blog.
Pois ben, o Blog de Amado ten a ben concederlle a este blog o seu premio de xuño ó Mellor blog en galego, que para que negalo, fai moita ilusión e tamén dá ánimos para seguir adiante con este peculiar e impredecible proxecto.



Unha aperta e grazas.
Suso.


Sen recomendación:

E dado o alegrón do momento, hoxe non hai recomendación, senón que comparto con vós este tema de Wim Mertens que me encanta, "Struggle for pleasure".