27/7/10

433. [ 2 nenos = 1 persoa ]


Tranquilos, non é que por algunha nova lei se lle vaia autorizar a Ryanair a meter a dous nenos a presión nun asento, que por falta de gañas non será, pero desta aínda non. Na recente estancia en Alemaña, tiven ocasión de facer uso (e disfrutar) dos servizos da Deutsche Bahn AG, abreviadamente DB. Aparte do seu excelente funcionamento, puntualidade, limpeza e prezos, tamén obtiven un curioso dato, como podedes comprobar no ticket. En realidade, dous datos, un interesante, que é o de bonos para cinco persoas, que fan que o prezo sexa realmente barato, de feito é máis barato que comprar dous bonos individuais.

O outro dato, que é o que inspira este post, é o sentido matemático do ticket en canto a contar o grupo e que se pode apreciar no sombreado vermello que photoshopeei no ticket, dous nenos (entre 6 e 14 anos) equivalen a un adulto. O que tamén fai pensar en interesantes cuestións como:

- A partir de 14 anos contas como adulto?

- En caso contrario, canto? 0'75 adultos? Algunha relación linear?

- Con menos de seis anos, en canto te estima DB Bahn?


Por se tiñamos dúbidas, non tódolos estereotipos sobre os alemáns son certos, pero está claro que en algún caso póñense a tiro moi fácil. E para rematar unha última cuestión:

- Os meus alumnos de primeiro ciclo da ESO deberían ser considerados como medio persoas? (Ás veces, independentemente do que pensen os alemáns, cousas deste tipo son o máis agradable que se me ocorre nas miñas clases. Son as cousas que ten a exposición á garrulicie, que fai que o organismo se rebele a pesar de estar acostumado.)

Recomendación:

Aproveitando os temas alemán e numérico, unha escusa tan boa como outra calquera, traio un tema dos meus benqueridos Kraftwerk, neste caso "Computerliebe"(*), de 1981. Nada que ver coa mediática versión "Talk" de 2005 dos insufribles Coldplay, un par de repeticións do estribillo orixinal punteando a guitarra para dar unha apariencia rock (aburrido, por certo) e nada máis que aportar, nin siquiera ó recoñecemento a Kraftwerk. Só a poño para poder comparar e poñer a estes insufribles ingleses a caer dun burro, que ben merecido o teñen. (Acabo de escoitar a canción para comprobar o enlace, que malos son!)

Por certo, e por se non quedou claro: Non, non me gusta Coldplay!

(*) Enlace actualizado o 30/7, o novo vídeo é máis interesante.


No hay comentarios: