30/12/10

647. Aquí, cando se paga?


Para rematar o ano, e seguindo unha interesante suxerencia de meu cuñado, vou deixar hoxe aquí a clasificación da liga de fútbol. Tranquilidade, non toleei. Simplemente vou usar os datos dun estudio feito pola consultora Crowe Horwath RCS, baseado nas contas ofrecidas polos propios equipos e as auditorías da UEFA, e outros recollidos de informacións de prensa varias. En total, uns 3526 millóns de euros de débedas, sempre misteriosas, porque non hai forma de saber a quen, nin siquiera se airea moito o de Facenda e Seguridade Social (somos todos?), uns 623 millóns de euros, asunto que chegou o Parlamento do Estado, onde unha proposta do BNG tivo respaldo maioritario... pero nada se volveu saber.

Partindo de datos do 2008-09, e incluso estimacións (por iso indico unha marxe en moitos casos), a clasificación é:

1º R. Madrid, 490 - 683 millóns de euros
2º Atlético de Madrid, 430 - 511 m.
3º Valencia, 286 - 550 m.
4º F.C. Barcelona, 329 - 489 m.
5º Deportivo de A Coruña, 226'2 - 292 m. (menos de 100 segundo o seu presidente, misterios gozosos!)
6º Vilarreal, 142 - 240 m.
7º Racing de Santander, 127'5 - 137 m
8º Espanyol, 102'2 - 165 m.
9º Zaragoza, 83'4 - 112 m.
10º Sevilla, 74'6 - 110 m.
11º Mallorca, 63'3 m.
12º Osasuna, 48'8 m.
13º Athletic de Bilbao, 48'8 m.
14º Real Sociedad, 41'3 m. (desde entonces xa pasaron pola lei concursal(*))
15º Levante, 36'5 m. (un dos habituais das denuncias por impago)
16º Xetafe, 24'4 m.
17º Málaga, 11 - 18 m. (tamén lei concursal; que pasou coa recente compra por parte do magnate petrolífero?)
18º Sporting, 5 - 18 m. (tamén pasou pola lei concursal)
19º Hércules, 15'4 m. (fálase nestes días de impagos)
20º Almería (non atopei datos, será posible que non deba nada?)

Pola lei concursal pasaron e/ou seguen tamén Celta (**), Recreativo de Huelva, Las Palmas, Albacete, Xerez, nestes días o Betis. E xa non mencionamos casos de impagos, desaparicións/refundacións, etc. como Compostela, Oviedo, Granada e as habituais denuncias a finais de cada temporada por impagos ós xogadores.

Quen para isto? (Debe ser a pregunta máis difícil que escribín desde que puxen o blog a andar)

(*) Lei Concursal: Procedemento actual para o que de toda a vida se chamou "suspensión de pagos". Establécese un administrador que pasa a rexir as contas da empresa, neste caso clube, e permítese que ésta siga funcionando, sempre baixo condicións de redución (e finalmente, desaparición) da débeda.

(**) Como dato curioso, á vez que preocupante socialmente, a maior manifestación que houbera en Vigo antes do afundimento do Prestige foi polo descenso administrativo (non consumado, o que indica a laxitude legal cos clubes de fútbol) de Celta e Sevilla polas súas débedas con Facenda e Seguridade Social. Que país!


Como recordatorio antes de pechar, lembro que sumando a primeira das columnas de cartos (a máis baixa, hai que ser ben pensados, que estamos en Nadal), só a Primeira División, perdón, Liga BBVA (ten c***´*s, e ben grandes, por certo, que un banco patrocine isto) debe case 2100 millóns de euros. É dicir, aínda falta a Segunda e outras cantidades que deben clubes máis modestos...

Recomendación:

"Gol en el campo, paz en la tierra..."
Así empezaba en 1996 o tema "Gol en el campo" de La Polla, tema que pechaba o seu disco "Carne para la picadora". Escoitándoo catorce anos despois, as letras seguen vixentes, en algún caso parecen ominosas profecías sobre a sociedade actual.

Feliz 2011 e nel nos vemos!
(Un agarimoso saúdo a tódol@s que tivestes a ben ir aumentando o contador de visitas)


21/12/10

643. Coidado coas leis de Internet!


Reproduzo aquí literalmente unha entrada de Microsiervos (páxina altamente recomendable) que a súa vez enlaza a páxina web de David Bravo, páxina sobre as redes P2P e a propiedade intelectual. Un resumo en 67 palabras do que pretende/ía ser a lei Sinde (perla lexislativa que o goberno nos intentou colar pola porta de atrás da Lei de Economía Sostible, tomemos nota da xogada!):

"La industria del copyright movió un dedo y se enviaron cartas advirtiendo de acciones legales. Cuando las cartas se ignoraron, la industria movió un dedo y se interpusieron las acciones judiciales. Cuando los jueces resolvieron en favor de denunciados y demandados, la industria movió un dedo y se recurrieron las resoluciones. Cuando volvieron a perder en los juzgados, la industria movió un dedo y desaparecieron los jueces."

(Baseado á súa vez no microconto "El mago")

Actualizando o tema: xa podemos dicir "pretendía": 18 votos a favor, 20 en contra.
A partir de agora, a esperar que novos movementos fará a industria da distribución, que segue a apostar por un modelo obsoleto, e, de paso, que pasa coa mal chamada ministra de Cultura. Desde aquí, unha suxerencia: DIMISIÓN.


19/12/10

641. [MODE] [FIX] [3]


"¡Profe! 6 por 3 no da 18000, ¿verdad? Es que no estoy segura, esta calculadora..."

(pregunta sufrida en clase)


10/12/10

631. Cometas en el cielo


Aproveitando a vagancia que me ataca nestes días, deixo paso a outras producións alleas para manter o blog en forma. Por sorte, Mario, no seu excelente blog Grandma's Trust, tivo a ben colgar o seguinte vídeo (do que é autor, por certo) no que poderedes gozar dunha pequena e interesante lección de astronomía. Aí vos queda:


Recomendación:

Para que non se diga que non aporto nada, aquí vos queda unha recomendación literaria: "Cometas en el cielo", a primeira novela do escritor afgán Khaled Hosseini. Unha fermosa, aínda que terrible, historia sobre a amizade no Afganistán dos talibáns.


8/12/10

619. Человек с киноаппаратом


Con poderío! Hoxe empezamos en ruso para presentar a película de Dziga Vertov, co título traducido de varias formas, así que como título do post queda o orixinal, algo así como "O home cunha cámara de cine". Respecto ás intencións de Denis Kaufman (nome verdadeiro do autor) alá polo 1929, que mellor para coñecelas que a presentación que el mesmo nos fai nos títulos de crédito da propia película:

"Atención, espectadores: Esta película é unha experiencia cinematográfica, a transferencia dos fenómenos visibles. Sen a axuda de inscricións (película sen intertítulos), nin dunha historia (película sen guión), nin dun teatro (sen os decorados das películas, actores, etc.) Este traballo experimental ten como obxectivo crear unha linguaxe verdadeiramente internacional e absoluta do cine baseada na separación total das linguaxes do teatro e da literatura."

E sen máis, lembrando que a música está composta polo propio autor, aínda que na súa época estreouse en forma muda, deixo paso ó que considero o primeiro (e posiblemente máis longo) videoclip da historia no que podemos ver o transcorrer da vida diaria nunha cidade.



7/12/10

617. Faltas de ortografía


"No te preocupes por ellos -le decía a Dios- por... por... porque... todos son equi... equi... ¡eso es!... equivocaciones tuyas. Son los ren... renglones torci... torcidos, de cuando apren... apren... ¡eso es!... aprendiste a escribir. ¡Los pobres locos -continuó ahogado por los sollozos- son tus fal... faltas de orto... orto... ortografía"

(Torcuato Luca de Tena. Los renglones torcidos de Dios)