15/5/11

751. O señor dos papeis


(Tódolos nomes, excepto o meu, son figurados, ou non, ía tan durmido que igual atino por casualidade. A historia é máis aterradora se se conta sen adornos literarios, crédeme, sei o que digo)

Pouco despois da saída do sol, cheguei ás terras de Mordor, aínda que por alí prefiren o nome de Delegación Provincial de Educación da Xunta de Galicia...

- Home, Suso! Canto tempo! Que tal che vai?...

Rebobinemos, calquera que teña entrado nas terras de Mord... Delegación Problablabla... sabe que isto é absolutamente imposible, e este blog é un exemplo de veracidade a seguir, así que empecemos outra vez:

- Ola, bos días!
Tic, tac, tic, tac, tic, tac, tic...
- Olaaa!
... tac, tic, tac, tic, tac, ...
- Eeeei, hoo!
- Ah, estabas aí. Dime, é que desde o outro lado do mostrador non te vira.
- Ola, mira, que teño un problema...
- Espera un momento. Antooón, ven aquí, que hai un pring...esto, alguén que quere facer unha consulta.
Tic, tac, tic, tac, tic,...
- Si, dime?
- Veño para consultar algo sobre o posuidor do anel de poder que os gobernará a todos.
- Siiiiiii?
- Non, pero a ver se así me facedes caso. O meu señor, Futurodirector, foi convocado onte por Sauron, perdoa, o inspector ***, porque parece que...
- Mellor vas a aquel mostrador de alí, o que pon "Inspección".
- Onde? O mostrador non pon nada.
- A placa que hai enriba do mostrador, pedazo... (aquí deberían figurar unhas amables palabras que me adicou, pero non coñezo ben a Lingua Negra, polo que teño medo de equivocarme e non porei nada)

Pois hala, a patear despachos!
- Ola, xove elfo, que desexas?
- O meu señor envíame para averiguar algo sobre o posuidor do anel de poder.
- Ese truco xa está moi visto. Proba con outro.
- E para preguntar por uns papeis que teñen que ver con Sau.. o inspector ***?
- Sshhh! Non menciones o nome do Señor dos Dons.

- Ah, desculpe, non sabía...
- Se prudente, xove elfo. Tiras por alí, cruzas aquela pasarela, e xa está o sacro nome nunha das portas.
- Ah, grazas.

Por fin, tras cruzar o longo corredor que conducía a Barad-dûr, aínda que o nome correcto sería Lugburz, alí estaba eu, ante a porta del, non usarei o nome do Señor Escuro de Mordor, é perigoso.
Toc, toc...
- Pasa, pequeno e miserable elfo.
- Bos días, oh, luz que alumea esta mañá!
- Menos peloteo e di que ves facer por aquí.
- Veño a averiguar algo sobre o posuidor do anel de poder.
- Queeeee?
- Non, realmente veño a consultar algo sobre uns papeis que lle pedíu onte vostede ó meu señor, Futurodirector, porque non lle chegaran.
- Ah, bueno, daquela nada... dime entón.
- Como ía dicir, os papeis que vostede pedíu ó meu señor foron depositados na entrada de Minas Tirith e recollidos alí por un orco que tiña que traelos aquí fai xa unha lúa.
- Como? Fai tres semanas e aínda non os teño? Desde outra Delegación Provincial?
- Si, mire. Teño aquí a referencia do rexistro de saída, unha semana máis tarde.
- E logo... o teu señor, non terá outra copia con el?
- Pois non, tería que facer unha expedición a Pontev... Minas Tirith e andamos moi liados cunha invasión de trolls que están asediando a muralla da nosa fortaleza.
- Ben. Imos ver. Ven comigo, insignificante piltrafa.

Chegamos xunto á administrativa da zona de despachos de Barad-dûr.
- A ver, que me di este ser lamentable que fai días saíu de Minas Tirith unha misiva para min de parte dun tal Futurodirector, que parece que fai quince días foi enviada por un mensaxeiro.
- Pois non lle sei, mire.
- E onde pode estar? -inquiriu o Facedor dos Aneis-.
- Pois... a ver, por aquí teño uns cuantos papeis que non sei de quen son -dixo a administrativa ollando para a súa mesa, mesa tan impoluta que parecía sacada dun anuncio de limpadores do fogar-.
Con xesto delicado, levantou un folio, e nunha inmensa morea formada por DOUS papeis puiden ler o nome buscado de forma inmediata, aínda que os folios estaban ó revés.
- Perdoe, Gran Mestre da Mentira, creo ler nese papel F, U, T, U, R, O, D, I...
- Como?! -exclamou o Ollo de Fogo-.
- Si, eses son os papeis que vostede necesitaba.
- Ai, pois mira ti, que curioso! Pois igual levan aquí xa uns cuantos días, eh! -dixo alegre e desenfadada a administrativa-.
- Pois mira que ben -murmurou a Man Negra, botando lume polos ollos- xa está todo resolto. Retírate, insignificante escoura!
- Grazas, Señor dos Licántropos. Non o perturbo máis coa miña presenza e deséxolle toda a sorte do mundo para afrontar eses terribles encrucillados que ameazan a lectura da prensa matinal...

Recomendación:

Se pensades que me tomo demasiado a broma o mundo da burocracia, só tedes que probalo por vós mesmos. Xa veredes como é unha estratexia de supervivencia psicolóxica necesaria.
E ademais do consello de saúde, despois de tódalas referencias a Tolkien, podedes esperar o previsible, pero non vai ser "O señor dos aneis", senón a obra orixe do universo Tolkien, "O Silmarillion".


2 comentarios:

Pedrote dijo...

La realidad siempre supera a la ficción

Pedrote dijo...

Lo de "Gran Mestre da Mentira" me llegó al alma.
Por cierto, leí "El Silmarillion" durante el verano de 4º a 5º de carrera, y me pareció infumable (por denso, no por malo).