10/12/11

919. Eleccións numéricas


Nota 1: O autor deste blog, profundamente antiPP, manifesta a súa alegría pola aplastante vitoria do PP nas eleccións xerais do pasado domingo, por motivos (*) absolutamente egoístas (iso que quede claro).
Nota 2: As referencias temporais ó pasado domingo débense a que este post foi redactado en parte nos días seguintes ás elección, pero funme liando con outras cousas e ata hoxe non tiven moito tempo. (Non é que agora vaia sobrado, pero apetecíame menos mirar a lista de verbos irregulares en alemán)


Despois desta declaración, imos ver un curioso estudio numérico sobre a cita do domingo na "festa da democracia" (sempre desexei poder dicir ou escribir en público un topicazo deste calibre).


Como de costume, nestas ocasións todos din ter gañado, como nas competicións escolares, que hai premios para todos. Pero algúns gañan máis que outros, e estes outros normalmente protestan, como é habitual en IU e UPyD, que como gañan pouco, teñen experiencia en protestar e sáelles moi convincente.

Unha das protestas habituais é a inxustiza da lei electoral, por exemplo, a aplicación da chamada lei d'Hondt (ver funcionamento) en detrimento do sistema proporcional. Outra das queixas é a do peso excesivo de partidos nacionalistas debido ó reparto por provincia das circunscricións. Así que, como os números non enganan (só as persoas que os manipulan), imos estudar as diversas posibilidades prácticas (a proporcional a nivel provincial non aparece porque desvirtúa moito o voto):

Resultados reais:
PP 186, PSOE 110, IU-LV 11, UPyD 5, CiU 16, Amaiur 7, EAJ-PNV 5, ERC 3, BNG 2, CC-NC-PNC 2, Compromís 1, Foro Asturias 1, Gbai 1
(Observemos que os partidos "nacionalistas" suman 38 deputados)

Hipótese 1 (sistema proporcional, circunscrición única):
PP 158, PSOE 102, IU-LV 25, UPyD 17, CiU 15, Amaiur 5, EAJ-PNV 5, ERC 4, Equo 3, BNG 3, CC-NC-PNC 2, Compromís 2, PACMA 1, Eb 1, Foro Asturias 1, PA 1, PxC 1, PRC 1, Gbai 1, PUM+J 1, PCPE 1.
(Neste caso os partidos "nacionalistas" sumarían 41 deputados)

Hipótese 2 (sistema d'Hondt, circunscrición única):
PP 164, PSOE 105, IU-LV 25, UPyD 17, CiU 15, Amaiur 5, EAJ-PNV 4, ERC 3, Equo 3, BNG 2, CC-NC-PNC 2, Compromís 1, PACMA 1, Eb 1, Foro Asturias 1, PA 1.
(Agora os "nacionalismos" pasarían a 35 deputados)

Antes de nada dúas aclaracións, as comiñas son debido a que me custa recoñecer que algún dos partidos indicados sexa estrictamente nacionalista, senón que máis ben funcionan como herdeiros da estrutura caciquil do século XIX. En segundo lugar, a variabilidade dos datos debido á modificación do reparto de votos en outras eleccións, podedes entrar aquí e con axuda dunha folla de cálculo, en cinco minutos, veredes que as conclusións non variarían case nada en outros anos.

Unha vez dito isto, vexamos onde está o truco (e a trampa). Curiosamente, unha das queixas habituais sobre o posible maltrato ós partidos nacionalistas en caso de que os votos vaian a unha cesta común a nivel nacional, queda desmontada ó ver que en conxunto hai unha diferencia de tres deputados máis ou menos dependendo da hipótese posta en práctica.

Outro dos problemas, a perda de deputados pola dispersión do voto, curiosamente, en ambos casos, os dous grandes perxudicados son IU-LV e UPyD, que gañarían con calquera das hipóteses 26 deputados, mentres que PP e PSOE perderían entre os dous desde 27 a 36 escanos. E aquí, si que cambia bastante o tema, por exemplo ata supoñer que con unha malleira como a do domingo o PP non chegaría á maioría absoluta, ou o PSOE no seu momento, que para un apuro dá igual.

Onde van eses nove escanos, dos 27 ós 36, que deixan de perder os maioritarios dependendo das hipóteses? A cuestión neste caso é simple, a lei de d'Hondt favorece ós partidos con máis votos fronte ó sistema proporcional (ver como se reduce a lista ó final). A xustificación que se deu en outros países e se utilizou en España despois da morte de Franco era clara, unha excesiva fragmentación do espectro electoral podería acarrexar inestabilidade política, cousa que no caso español, non era nada conveniente naqueles anos. Sería discutible hoxe? Para min, é algo subxectivo.

Outro tema é a división electoral de España en circunscricións provinciais (Constitución de 1978, art. 68.2). Aquí si se lle dá un peso excesivo a provincias pequenas en detrimento das de maior poboación, o que provoca que os partidos con voto disperso saian claramente perxudicados, aparte de IU-LV e UPyD, o caso de Equo é tremendo, podería ter 3 escanos e queda sen nada, aínda que a lei de d'Hondt tampouco lles faría favor ningún a nivel nacional, volverían ó cero.
Os posibles 3 de Equo sumados ós posibles 36 antes citados xa fan un 11% do Parlamento. Agora xa son temas moi serios.

Quen ten poder real para desfacer esta inxustiza? Quen sae beneficiado dela? Que partidos obtiveron maiorías absolutas sen alcanzar o 50% dos votos?
Tres preguntas e unha resposta: PP e PSOE
Estes dous partidos confórmanse con un sistema de quendas ó estilo Cánovas-Sagasta da Restauración, que total hai abondo que repartir para todos?
Outro dato curioso, en outubro de 1982, o PSOE obtivo unha maioría arrasadora: 202 de 350 escanos, un 58% dos deputados, a maior da historia recente. Votos? un 48%. Este dato dinos que ningún partido foi capaz de obter a metade dos votos e a cambio tivemos varias maiorías absolutas, e o peor, que un partido que teña máis votos en contra que a favor pode facer e desfacer como lle pete nas leis polas que nos reximos.

Xa o dicía Shakespeare en Hamlet: "Something is rotten in the state of Denmark", non fai falla máis que cambiar Dinamarca...

(*) Motivo egoísta:
1. O goberno Zapatero baixoume o soldo.
2. Rajoy nunca estivo de acordo con Zapatero en case oito anos.
Consecuencia: O goberno Rajoy vaime subir o soldo, non? Grazas por anticipado, Mariano.

Recomendación:

Aproveitando a cita shakespeariana, imos falar outro tipo de podredume, "Something rotten" do álbum de 2003 de Placebo, "Sleeping with ghosts". Recomendable ó completo, por certo.


3 comentarios:

Pedrote dijo...

¿De verdad esperas que Rajoy te suba el sueldo o es que no soy capaz de apreciar la ironía en el blog? :-DDD.

Por cierto, ¿has visto qué pedazo de vecina tienes en Qo'noS ?

Suso dijo...

Unha trekkie húngara, en concreto, con afinidades klingon.
E si, estou convencidísimo de que Rajoy me vai aumentar o soldo, tan convencido que... jajajajaja

AMADO MIO dijo...

Esta sí que é unha analisis ben feita, e non a que outros argallan ás presas.
Este blog haino que publicitar aljo máis, vou poñer o meu gro ¿vale?