22/9/13

1171. Ti vai facendo...


Inicio de curso, novos proxectos e, como sempre, dúbidas. Dúbidas que de vez en cando necesitan axuda externa. Neste caso axuda telefónica:

Outro instituto: - IES **** de ****, diga?
Instituto de Suso: - Ola, chamabamos desde o IES de Suso para ver se nos podiades axudar cun par de dúbidas que temos.
OI: - O que necesitedes, dime.
IS: - Temos unha consulta sobre o tema do comedor e do transporte...
(aquí no medio iría conversa pouco interesante na que nos aclaran tódalas dúbidas e continuamos coa segunda das dúbidas)
IS: - Ah, ben. E temos outra consulta porque este ano imos iniciar o PCPI(*), tal e como tedes vós.
OI: - Sen problema.
IS: - Era para ver se nos podedes botar unha man, porque como partimos de cero, practicamente non temos referencias nin material previo algún. E para ver se nos poderiades achegar unha programación para botarlle un ollo.
OI: - Programación?
IS: - Si, para que os profesores encargados teñan un punto de partida.
OI: - Non temos.
IS: - Como, non tedes? Que? Non fai falta a deste ano, non vos preocupedes.
OI: - Non, non, é que non temos programación.
IS: - Como?
OI: - Non, ho. Aquí chegan os alumnos, e segundo vemos como veñen, pois imos tirando.
IS: - Ah, pois... mmm... nada, moi agradecido. Ata logo.

(*)PCPI: Programas de Cualificación Profesional Inicial. Unha especie de Formación Profesional de baixo nivel que normalmente se usa para rescatar do fracaso escolar a alumnos cun historial académico moi malo e poñelos en contacto co mundo laboral. (Tamén hai quen di que é un paso previo a un reformatorio ou unha forma de xuntar ó peor de cada casa para que deixen de destrozar aqueles grupos nos que estaban previamente, dependendo dos lugares esta última versión pode non estar moi lonxe da verdade. Non é o noso caso, que quede claro)

Recomendación:

Despois de vivir en directo tal momento Pazos, só me falta recomendarvos o disco "Zoom" de Rachid Taha. Aquí queda o tema que o abre,"Wesh (n'amal)".


No hay comentarios: