Na noite dos Oscar de 2013, "Searching for Sugar Man" levou o premio ó mellor documental. Finalizaba aquí a peripecia do seu director, Malik Bendjelloul, tratando de atopar a Rodríguez, un misterioso músico de inicios dos anos 70 que tivo un gran éxito na pechada Sudáfrica do apartheid. Parafraseando a Michael Ende, esa xa é outra historia e xa a contaron outros moito mellor do que o podemos facer aquí.
Cunha temática parecida e non menos peculiar, podemos atopar a historia de Brian Shimkovitz, un estudante de Etnomusicoloxía e DJ, que ten unha páxina web de nome revelador das súas intencións, Awesome Tapes From Africa, na que vai recuperando antigas casetes (quen dixo que o CD era o último?) e, ademais de dixitalizalas, fai posible que estean a disposición do público para que coñezamos algo máis da música do continente esquecido. Non tedes máis que botar un ollo ó enlace que deixei para comprobar que hai xente que se toma moito máis en serio o dos coñecementos peculiares do que outros o facemos en modestos blogs. Como podedes comprobar, o nivel de especialización e rareza é alto...
O que non podían sospeitar algúns dos mencionados na páxina é que esta páxina lles dera unha segunda oportunidade na música. Un destes casos é o de Hailu Mergia, músico etíope que tivo unha época de éxito no seu país a mediados dos anos 70 (como Rodríguez, a saber a de música boa da época que se terá perdido). Despois da caída de Haile Selassie I en 1974, Etiopía pasou a ser gobernada polo Derg, un rexime ditatorial de corte marxista-leninista, que trouxo bastante incertidume á vida dos etíopes, un dos cales foi o propio Hailu Mergia, que desapareceu da vida pública.
(aquí está o disco que o "resucitou")
Volvendo ó traballo de Brian Shimkovitz, o álbum "Tche Belew" que tedes enriba destas liñas, sacou á luz en 2014 a Hailu Mergia, que non só desaparecera da vida pública de Etiopía, senón que tamén desapareceu da propia Etiopía, fuxindo do país a inicios dos anos 80 e rematando nos Estados Unidos, onde levaba unha década traballando como taxista en Washington D.C. E de aquí, a volver a ter ofertas para tocar de novo, por certo, obtendo boas críticas, non pasou moito tempo. Co cal o taxi quedará aparcado por un tempo e a carreira de Hailu Mergia, quen sabe... esa será outra historia e ó mellor será contada por aquí nun futuro, sempre que teña algún rasgo curioso, claro.
Nota histórica: Haile Selassie I tamén era un tipo peculiar, que aparecía nun libro xa mencionado neste blog, é que, ademais de toda a súa biografía, tamén merece ser recordado por unha suculenta anécdota. Contan que con ocasión da súa fuxida do país durante a época colonial de Mussolini, o último descendente do rei Salomón (ou iso dicía) deixou tras de si un rastro de latrocinio no seu despacho descuberto polos soldados que entraron nel e que notaban que o chan do mesmo non estaba moi firme. A explicación era certamente curiosa, cando levantaron as lousas do chan atoparon moreas de billetes debaixo. Un seguro para emerxencias? Nunca se saberá, pero o certo é que os italianos non deberon deixar moi bo recordo, porque ó ser expulsados no 1941, o Ras Tafari Selassie recuperou o trono ata 1974.
Recomendación:
Seguindo na liña da entrada anterior, recomendareivos outra novela gráfica, "Haarmann", historia dun asasino alemán da década de 1920, que combinaba de forma macabra a súa profesión coa súa vida criminal (ver biografía). Ou se preferides algo máis relacionado coa música, "El quinto Beatle, la historia de Brian Epstein".
Leades o que leades e/ou escoitedes, tamén se recomenda de forma encarecida que o consigades en Miranda - cultura para levar, en Santiago de Compostela (localización), onde aparte de ser amablemente atendidos poderedes atopar o necesario para satisfacer as vosas ansias culturais nun ambiente acolledor... e ó mellor, ata o disco de Hailu Mergia, non subestimedes os poderes do seu propietario, Xoan Carlos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario