(Historia sacada dun artigo de Enric González, xenial como a maioría dos que escribe, da igual que sexa sobre cidades, sobre fútbol ou outros temas, en El País do 6 de novembro, cito, non plaxio. Por certo, o seguinte enlace conta a non menos vergoñenta historia da censura sufrida por González en El País, premiado posteriormente con un traslado como corresponsal a Xerusalén).
Conta o autor que a nosa ministra de Cultura, non citarei o seu nome por respecto á Rede, no medio da polémica sobre os dereitos de autor, a Innomeable Sociedade, e temas similares non tivo nada mellor que declarar que: "Si los hubiera tenido, él y su familia habrían vivido mejor y él habría sido más libre para crear", referíndose a Mozart e ós dereitos de autor. Mentira, mentira e máis mentira, o que pasou e a ministra (ou os seus asesores) (*) non tiveron a ben ilustrarnos é que Mozart despilfarrou mares de cartos, o que o levou a rematar os seus días arruinado e enterrado nunha fosa común.
Outra cousa, non popular pero si coñecida, so hai que buscar en Google "Mozart plagio" e aparece moi rápido, é a historia do plaxio de Mozart, que ven a ser a que paso a contar. Máis ou menos en 1638, Gregorio Allegri compuxo unha musicalización do Salmo 51, tamén coñecido polas súas primeiras palabras en latín "Miserere mei, Deus" (aí podemos escoitalo), obra que só se podía escoitar na Capela Sixtina, sendo os Papas propietarios da obra e penando a súa execución fóra do recinto coa excomunión, pena que tamén se reservaba para aquel que se atrevera a publicala. (Soa igual que as ameazas da Innomeable Sociedade, verdade?).
Da obra só existían tres copias, unha en poder do rei de Portugal, outra do emperador do Sacro Imperio e outra en mans dun músico franciscano, o padre Martini. En 1770, un imberbe Mozart de 14 anos, a estas alturas, xa unha celebridade, visitou Roma e escoitou a interpretación da obra, obra que foi transcrita de memoria a partitura escrita, todo isto escoitándoa unha soa vez, mostra do xenio do compositor, facendo correccións menores nunha segunda ocasión. Enterado o Papa Clemente XIV do feito, actuou en consecuencia e non só non excomungou a Mozart, senón que ademais investiuno Cabaleiro da Orde da Espora de Ouro, o que supuxo un recoñecemento oficial de gran importancia para o xenio austríaco. (Curioso proceder o de mirar para outro lado á hora de aplicar as normas, outra mostra dos paralelismos coa actualidade, neste caso na Igrexa Católica. Posiblemente a Innomeable Sociedade tería queimado por herexe a Mozart). Mozart regallou a súa copia ó historiador Charles Burney, que a publicou en 1771 en londres e a partir de aquí foi difundida por toda Europa, destrozando o segredo papal.
Aquí introduzo unha reflexión persoal: É tan difícil atopar a alguén apropiado para o cargo de ministro/a de Cultura deste país? Salvo un par deles ós que non lles deixaron traballar e saíron pola porta de atrás do goberno, Semprún e Molina, mira que non nos leva tocado cada cousa que causa espanto, ver como exemplo a Esperanza Aguirre (pensar que este país tivo como responsable de tal área a semellante persoa da gañas de exiliarse a estudar tribos perdidas no corazón de África e non volver).
Recomendacións:
- Por se alguén se volve demasiado eclesiástico despois deste post, poñamos as cousas no seu sitio con un tema dos 80, "Quiero ser santa" de Parálisis Permanente, en versión actual do grupo Digital21. Tamén hai unha versión tenebrosa a cargo de Los Humillados.
- Para pechar o tema de forma sinistra, que mellor que o rock gótico de Bauhaus con este estremecedor tema, "Bela Lugosi's Dead", o seu primeiro single, de 1979.
No hay comentarios:
Publicar un comentario