3/2/10

223. Pobres vergonzantes


A semana pasada estaba facendo o tempo navegando pola Rede mentres agardaba que o ordenador puxera a punto o iPod, vítima colateral do Evento Desastroso (*), cando acabei batendo casualmente (ordenar catro mil cancións leva moito tempo) coa seguinte noticia, que por un momento cavilei se sería verdadeira ou non, pero que por estraño que resulte, confírmase como certa (ou iso ou o B.O.E. non ten credibilidade):

Nace a Fundación Marquesa de Balboa Ancianos Solitarios Venidos a Menos, efectivamente, tal e como soa, parece ser que un grupo de mulleres, nas que o apelido Borbón florece como os cogomelos despois da choiva, toman ó seu cargo o cumprimento das últimas vontades da citada marquesa e constitúen unha fundación inscrita no B.O.E. (25 de xaneiro de 2010) cun capital de 601012'10 €. E ante a pregunta de que ten isto de particular, ademais do nome, aí vai (copio do B.O.E.) a exposición de intencións da Fundación:

"Atender y cuidar a pobres vergonzantes y ancianos solitarios venidos a menos, que vivan solos o en condiciones precarias, con su familia o con personas a quienes también estorban, o en residencias que tienen deficientes condiciones de higiene y en donde, además les traten mal, atendiendo primero a las mujeres, y preferentemente a las que tuvieron una buena posición, con preferencia a las personas de la condición social que tuvo la extinta Excma. Sra. Marquesa de Balboa, que necesitan ayuda y no se atreven a solicitarla o no lo consiguen".

WTF? Para que comentar máis? A idea dunha asociación benéfica con preferencia polos pobres vergonzantes de noble condición é tan surrealista que este blog non podía deixar pasar a ocasión de comentala.

(*) Evento Desastroso: Denomínase así ó que acostuma a sucederlle a un ordenador cando o seu dono/usuario habitual intenta facer cousas pouco recomendables con respecto ó mundo dos virus e a piratería contando que todo está controlado, e chegando ó resultado de que o ordenador non sexa nin capaz de iniciarse. Por sorte, as tendas de informática están habituadas a traballar con tales casos (máquinas e persoas) e non se perderon os datos, recuperados, iso si, a cambio dunha módica cantidade que fará aumentar a prudencia en futuras ocasións.

Recomendación:

Despois de tan esperanzadora nova para os desfavorecidos de noble condición (aínda estou entre asombrado e estupefacto), comento outra que é a estrea nos cines para esta fin de semana da adaptación ó cine da novela de Cormac McCarthy The Road (La carretera). Por se alguén aínda se revolve no seu asento ó lembrar aquel acento de Viggo Mortensen e quedou con alerxia a tal individuo ou padecementos similares, desde aquí recomendo a novela de McCarthy. A novela, ó contrario que a nova deste blog, non ofrece esperanza algunha durante o periplo que levan a cabo un pai e o seu fillo por un país devastado (unha guerra nuclear?) no cal a loita pola supervivencia e o pesimismo ante o futuro están presentes ó longo de toda a novela.


1 comentario:

Pedrote dijo...

Conozco el Evento Desastroso ... me entran escalofríos solo de recordarlo ...