15/2/10

229. Discus plasticus


Fai anos que decidín que a praia é un lugar idóneo para a vida contemplativa, léase contemplar tanto a fauna de todo xénero por alí presente como as paisaxes; outra variante é o dolce far niente, ou ben ler libros, sempre que non sexan de tapas duras, claro, porque co sol as tapas alcanzan unha curvatura que calquera os volve a colocar nos estantes. Todas estas cousas están moi ben, salvo que sexan interrompidas por males equiparables a maldicións bíblicas, a saber, veciños con radio/música pachangueiros, familia roñosa con nenos igualmente roñosos, ou os temibles aspirantes a deportista profesional de praia, nas súas variantes, fútbol, tenis e similares, cometas descontroladas e así podería continuar ata encher o almacén dunha tenda de deportes. E sobre todo, o que dixo un familiar: "A praia está moi ben, pero ten un lote de area". Non se pode contentar a todos, está claro.

(W. Frederick Morrison en 1957, ataviado de "quen sabe que" para promocionar o seu invento)

Outro dos perigos é o frisbee, aparello de destrución masiva alá onde os haxa cando se atopa en mans pouco recomendables, o que é de todo menos raro nas praias. Deste aparello, de perigosa tendencia a impactar na cabeza dos que non están xogando con el, imos falar hoxe, ou máis ben do seu inventor (*), Fred Morrison, que faleceu ós 90 anos de idade o pasado día 9 na súa casa en Holladay, no fermoso e radioactivo estado de Utah.

Segundo o propio Morrison, a idea dun prato voador veulle á cabeza en 1937, xogando coa tapa dun envase de flocos de millo coa súa, por aquel entonces moza, e despois muller, Lu. Despois experimentou coas bases metálicas para as tartas, chegando a montar un pequeno negocio entre os dous nas praias de California. Tan prometedora carreira quedou truncada momentaneamente pola II Guerra Mundial, onde foi feito prisioneiro, pasando 48 días nun campo de concentración nazi. De volta á casa, como un heroe de guerra, seguía a traballar na súa idea e incluso chegou a construír un molde para comercializalo. E aquí, a casualidade púxose da súa parte, cando en 1947, supostamente, un OVNI se estrelou en Roswell e Morrison atopou un gancho comercial impresionante poñendo o seu produto á venda co nome de Flying Saucer, nome que logo cambiou a Pluto Platter. Baixo este nome, a empresa de plásticos Wham-O, comproulle a patente, aínda que concedéndolle os dereitos de autor de por vida. Isto último, á vista dos douscentos millóns de frisbees vendidos pola empresa (sen contar imitacións de outros), foi unha cláusula do contrato moi ben negociada.

O nome: Nunha viaxe pola costa Leste dos EE.UU. atoparon que os alumnos de Yale usaban as bases de latón das tartas da Frisbie Pie Co., de Bridgeport, Connecticut. E para evitar problemas legais, cambiaron unha letra do nome da empresa, dando lugar ó actual "frisbee".

A repercusión do invento foi tal, que hoxe en día existe o Ultimate frisbee, unha mestura co rugby, como un deporte oficial no país con 27000 persoas federadas (ver vídeo). Como curiosidade cabe citar un artigo de The New York Times de 1976: "Novas e fiables mostras arqueolóxicas mostras que lanzamento de obxectos planos xiratorios comezou nos inicios do Pleistoceno co lanzamento de rochas", para ir empezando, e continuando con: "Pero o frisbee moderno, o discus plasticus, apareceu no inicio da II Guerra Mundial, como un negocio para tempos de paz, gracias ós moitos usos do novo material: o plástico. A Historia quererá que, co frisbee, o plástico alcance o seu apoxeo de utilidade e beleza". Retorcendo un pouco a frase feita, pódese dicir máis claro, pero non máis alto.


(*) A paternidade do invento aínda se discute hoxe, xa que un dos empregados de Wham-O, Ed Headrick, engadiu unha serie de círculos concéntricos na superficie superior para prolongar o xiro no aire, o que lle serviu para reivindicarse como autor da creación. Cabe citar como curiosidade, que Morrison publicou unha historia titulada "O prato voa recto" para defender a súa autoría.

Recomendación:

Volvendo ó principio, outro dos perigos da praia, neste caso pola parte da auga, sería o que nos recordan Pearl Jam no seu tema "Gremmie out of control" do seu álbum de caras B e rarezas de 2003 Lost Dogs. (Un gremmie é, en argot surfeiro, un novato inexperto). O tema é versión dun tema de 1964 do grupo The Silly Surfers.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Moi interesante! Abofé que si.
M.