19/3/11

709. Logaritmos sísmicos


Deixando aparte o feito de ser un país totalmente condenado pola súa situación nun lugar xeoloxicamente perigosísimo, e á espera de ver que pasa coas centrais nucleares xaponesas de Onagawa, Tokai, e sobre todo, a de Fukushima, que nada bo fai presaxiar, vou comentar algo máis matemático referido ó terremoto que sucedeu en Xapón o venres anterior.
O tema de hoxe é unha breve explicación de como se mide a intensidade dun terremoto, a tantas veces mencionada escala de Richter. O numeriño que da a intensidade do terremoto en cuestión corresponde á fórmula:


En dita fórmula temos que ter en conta os seguintes datos:
A: amplitude das ondas en mm tomada do sismograma
t: a diferenza de tempo entre a chegada das ondas sísmicas primarias e as secundarias.

Para non ser demasiado farragoso, saltarei os pasos intermedios e chegarei á conclusión (non demasiado difícil) de que a escala de Richter é unha escala de tipo logarítmico, en concreto, de tipo decimal. Isto indica que o aumento de intensidade correspondente ó aumento dun grao na magnitude da escala corresponde a un aumento de 10 veces na intensidade do terremoto.

Por exemplo, se tomamos como referencia o terremoto que ocorreu en 1997, con epicentro entre Sarria, Triacastela e Becerreá, e que deixou un morto (por infarto) así como curiosidades como as que podedes ler no artigo enlazado. Pois ben, este terremoto tivo unha magnitude de 5'1 graos, e o de Xapón, parece que 9 graos, o que nos da unha diferencia de 3'9 graos, que debido á escala logarítmica se transforma nunha diferenza de intensidade que fai que este último fose unhas 7943 veces máis intenso que o galego.

Isto pode deixarnos unha idea máis ou menos clara do nivel de destrución provocado en Xapón, idea que aínda se nos fará máis horripilante ó saber que a fórmula que mide a cantidade de enerxía liberada polo terremoto,


onde E corresponde á enerxía liberada e M á intensidade, fai que por cada grao de aumento da intensidade, a enerxía liberada se multiplique aproximadamente por 31'6. o que volvendo ó exemplo anterior, fai que a diferencia de enerxía fose de unhas 708000 veces maior, e aí si vemos realmente o efecto destrutivo do terremoto e o porque das estremecedoras imaxes que nos deixou o posterior tsunami.

Para facervos unha idea do potencial de este fenómeno podedes consultar o enlace wikipédico no que fala de dita escala e no que podemos comprobar como dato curioso a súa equivalencia con unha explosión de TNT, neste caso nada máis e nada menos que o equivalente a uns 240 millóns de toneladas!

E ata aquí chega este post, no que dado o impacto do que vin estes días e pensando en todo que leva sucedido coa xente que aí vivía, case que non me da moito ánimo para poñer recomendacións de ningún tipo.


No hay comentarios: