27/3/11

727. Liquidación absoluta


Despois do escrito sobre o terremoto de Xapón, e observando atentamente o que sucede na central nuclear de Fukushima, ou o que nos deixan ver, para ser exactos, veume á memoria unha historia que é o referente inmediato destes días nos que lemos novas sobre os traballadores que quedan na central tratando de minimizar os efectos do desastre e prever outros maiores, traballadores que son serios aspirantes a morrer en breve debido á cantidade de radiación que os debe estar atravesando.

"ликвида́торы", ou o que é o mesmo: "liquidador", foi o nome aplicado ás 600000 persoas (dato estimado) que, ben de forma voluntaria ou como parte do exército soviético, participaron nos primeiros días despois da explosión do reactor número 4 da central nuclear de Chernóbil nos traballos de contención do que quedaba no núcleo do reactor, extinción do incendio e na construción do sarcófago que posteriormente o cubriría.


(fotografía tomada por Igor Kostin de varios dos liquidadores antes de subir ó teito do reactor)

Nos primeiros momentos, moitos destes homes traballaron con uns rudimentarios "traxes" de chumbo, consistentes en recubrir os uniformes con follas de chumbo ata xuntar uns 30-40 kg de peso, cos que en quendas de tres minutos (dos cales permanecían sobre medio minuto no teito do reactor) se adicaban a retirar o escombro radioactivo. A dose de radiación superaba nunhas duascentas veces os niveis letais, o que fai aínda máis sorprendente o feito de que non morreran alí mesmo.

Un indicador do nivel de radiación é o dato de que o fotógrafo Igor Kostin, autor da famosa foto aérea do reactor desde un helicóptero, só puido ensinar dita foto porque o resto do carrete quedou velado debido á radiación.
Estes efectos pronto empezaron a verse na cidade de Prípiat, a onde empezaron a chegar os traballadores da central, soldados e voluntarios (si, voluntarios!) que estaban tratando de combater a aquel inimigo silencioso, invisible e terrible que era a radioactividade. (Parástesvos a pensar algunha vez no tema? De seguro que o contorno de Chernóbil era un lugar tremendamente tranquilo neses momentos, incluso plácido, nada que ver cos estrondos típicos dos filmes de catástrofes. Aínda dá máis medo...) A pesar da súa invisibilidade, a xente pronto empezou a percatarse de que o sucedido deixaba efectos visibles... e dificilmente esquecibles.

Os corpos parecían desfacerse en horas, as queimaduras debidas á radioactividade arrasaban os corpos de aqueles desgraciados que, ben por un diñeiro aparentemente fácil, ben por facer méritos no exército, ou ben por un sentido do deber que lles levou a ignorar conscientemente o perigo ó que se enfrontaban, loitaron co desastre naqueles días de primavera de 1986. As instantáneas eran arrepiantes, médicos e enfermeiras que non se atrevían a achegarse ós enfermos, aqueles sinistros bronceados que ían aparecendo na pel das vítimas da central, e o macabro detalle dos cadaleitos de chumbo que ían chegando ós hospitais e nos cales o exército levaba os cadáveres dos liquidadores para dirixir os funerais controlando o ambiente familiar, non fose a ser que alguén os abrira para botar unha última ollada ós seus seres queridos, e agora, contaminados de forma mortal.

O número de mortos é unha incógnita, en parte debido ó hermetismo da época soviética, e en parte debido ó lóxico descontrol durante a evacuación/fuxida de Prípiat. As estimacións rondan cifras de máis de 50000, ás que hai que engadir máis do triple de discapacitados e un número aínda non calculado de malformacións xenéticas que afectaron (e afectarán) ós nacidos desde entonces, por non sumar os casos de cancro e outras enfermidades que non se manifestaron no momento, pero que co paso dos anos poden ir aparecendo. Isto fai que este se convertese posiblemente nun dos traballos máis perigosos da Historia, con un 50% de mortos, e o outro 50% con danos irreversibles.

Como detalle curioso, podemos ver na imaxe anterior a medalla que a Unión Soviética concedeu a estes heroes, porque chamarlles de outra maneira sería inxusto, e apreciar o motivo central, unha gota de sangue atravesada polos tres tipos de radiación: alfa, beta e gamma. O sangue que moitos destes tamén chamados "Biorobots", pola súa frialdade á hora de expoñerse ó perigo, derramaron case sen darse nin conta.

Se queredes ampliar información, podedes ler este artigo do blog "La pizarra de Yuri" (fenomenal na súa introdución desmontando algúns mitos), ou ben buscar calquera dos documentais ó respecto do tema que hai pola Rede. E ademais, non concluír sen lembrar tamén ós pilotos de helicópteros que voaron sobre a central para tratar de deixar caer no reactor unha mestura de materiais que tiñan como finalidade evitar unha reacción en cadea e a fuga de máis materiais á atmosfera. A súa mortandade foi case total.

(Hoxe tampouco hai recomendación, non é preguiza, simplemente, ó igual que fai dous posts, o escrito non me deixa con moito ánimo para buscar unha canción bonita ou un texto fermoso, ou algo para esparcirse... como moito recomendar unha reflexión sobre o debate nuclear de forma fría e pensar que queremos facer do noso planeta, o noso nivel de vida, comodidades, luxos, a que estamos dispostos a renunciar ou canto e/ou que estamos dispostos a pagar por iso. Máis alá das pancartas e a demagoxia habitual, non se ve moito destas reflexións nos que deben tomar decisións, así que mellor pensar sen esperar a que o fagan por nós)



No hay comentarios: