1/8/12

1033. Sobre tolos oficiais e tolos de verdade


No condado de Essex, en Massachusets, nos EE.UU., atópase a poboación de Danvers, un lugar con pouco máis de 26000 almas. Pola súa parte, en Estocolmo, capital de Suecia, atópase o Instituto Karolinska, a maior institución médico-universitaria do mundo, e ademais, enacargada de conceder o Premio Nobel de Medicina.

Alá polo 1949, os responsables do Instituto Karolinska, puxéronse en contacto coa facultade de Medicina da Universidade de Lisboa para comunicarlles que o seu catedrático de Neuroloxía, António Egas Moniz, viña de ser distinguido con tan prestixioso galardón. (Sen esquecer que o compartía co suízo Walter Rudolf Hess, non confundir co xerarca nazi do mesmo apelido e nome parecido). O premio a Egas Moniz e Hess, veu motivado polos estudos (independentes) de ambos sobre o cerebro, no caso do portugués polo "descubrimento do valor terapéutico da lobotomía en certos casos de psicose".

Hess pasou á historia sen máis ruído, mentres que o recordo de Egas Moniz segue a estar perseguido por unha das palabras citadas nos motivos do Instituto Karolinska para a concesión do premio: lobotomía. Ata tal extremo escureceu esta sombra o seu historial que se ten chegado a pedir a retirada do premio Nobel por asociacións de familiares de lobotomizados. Para ser xusto, cabe citar que, no caso de Egas Moniz, foi estraño que non lle tiveran concedido antes o premio Nobel debido á invención da anxiografía, técnica que permitíu grandes avances na neurocirurxía.
Como curiosidades, cabe destacar que o paso á historia de Egas Moniz, tivo un preludio tamén ruidoso en 1938, xa que un paciente seu -que considerou que a medicación proporcionada polo médico non era a axeitada- lle disparou oito veces deixándoo para o resto da súa vida nunha cadeira de rodas. E máis macabra, polas consecuencias, parece que toda a fundamentación do estudo de Egas Moniz sobre deste procedemento se baseou nunha soa experiencia con un mono.

E aquí é onde voltamos a Danvers, lugar que conta como curiosa atracción turística co seu antigo e abandonado hospital psiquiátrico, utilizado como localización para a película de 2001 Session 9. A película, aparte da eterna cara de pena/enfado de David Caruso, ofrécenos algo máis de hora e media de terror psicolóxico, e non direi máis, o que queira, que a vexa.

E agora si, para pechar a relación con todo o escrito, imos introducir o nome do auténtico protagonista de hoxe, o doutor estadounidense Walter Freeman, a peza que completa este mosaico.
Aí onde o vemos, con esa pinta de tipo serio e respectable, este discípulo de Egas Moniz (supoño que o portugués renegaría desta calificación, xa que Freeman nin siquiera era cirurxán) foi todo un innovador para a súa época, logo veremos o porque.
A lobotomía prefrontal inventada por Egas Moniz consistía simplemente en inutilizar parte do lóbulo frontal do cerebro, previa perforación craneal, o que facía que o paciente quedase "sedado" e que a axitación psicótica desaparecera. Un dano colateral é que as funcións superiores asociadas ó lobulo frontal tamén desaparecían para sempre, pero isto, nunha época na que debemos lembrar que non existía medicación antipsicótica, considerouse un mal menor.

A relación entre Freeman e Danvers ven dada pola cantidade de lobotomías que practicou no hospital psiquiátrico, pero iso xa foi durante o seu maior momento de popularidade mediática. A verdadeira innovación de Freeman foi transformar a operación de Egas Moniz, delicada e laboriosa, nunha especie de cirurxía low-cost, a lobotomía transorbital, necesitando para iso tan só un orbitoclasto (desarrollo en plan fino dun punzón picador de xeo) e un ambiente relativamente antiséptico (esto último non sempre era tomado ó pé da letra), co cal seguindo as indicacións do gráfico que aparece a continuación facía do procedemento unha especie de visita ó dentista, rápida, eficiente e sen maior complicación para o paciente que a de ter que usar durante uns días unhas gafas de sol para disimular os hematomas que se formaban arredor dos lacrimais dos ollos. (Como curiosidade, a axente Scully, na 4ª temporada de Expediente X, 2º capítulo, "Unruhe", está a punto de ser lobotomizada por un psicópata que segue o "método Freeman". As imaxes deste episodio recordan poderosamente ás que se poden atopar das lobotomías de Freeman).

  
(O método Freeman, neurocirurxía de mercadillo, e a atención que suscitaba)

Como xa se dixo antes, Freeman empezou a facerse popular e a ir percorrendo o país de hospital en hospital facendo lobotomías, usando como medio de transporte a súa furgoneta, á que el mesmo alcumaba "o lobotomóbil". Freeman programaba as súas visitas a un lugar, e como se unha atración de feira se tratase, chegaba, xa tiña uns pacientes previamente escollidos polos médicos residentes do lugar e a dar orbitoclastazos un detrás de outro. En total, desde 1936, un ano máis tarde do descubrimento de Egas Moniz, ata 1967 (no que lle foi prohibido seguir exercendo, trala morte dunha paciente á que lle practicaba a súa terceira(!) lobotomía), unhas 3500 "operacións" ó módico prezo de 25 dólares. Tal foi a súa popularidade por momentos que chegou a "atender" a importantes familias do país, como no coñecido caso da irmá do futuro presidente J.F. Kennedy, a cal se converteu nun macabro e innecesario antecedente de The Ramones con 23 anos.

As zonas escuras pronto empezaron a encher a carreira de Freeman. A finais da década de 1940, o seu axudante James Watts deixou de colaborar con el por considerar cruel e innecesario o procedemento do xa coñecido como O Lobotomista. As condicións nas que estaba desenvolvendo o seu traballo, con "operacións" en habitacións de hotel, ou con aspecto de proceso industrial no que se despachaba a un paciente nun cuarto de hora (ata 25 nun día), ou as citadas visitas a hospitais, nas que "operaba" a un paciente tras outro, ou chegar a operar a menores de idade, incluso un neno de catro anos. Toda esta suma de atrocidades, xunto coa aparición de tratamentos químicos, fixeron decaer a estrela de Freeman, ata a súa retirada, despois da cal se adicou a percorrer o país novamente no lobotomóbil, convencido da súa técnica, visitando ós seus ex-pacientes para comprobar os seus bos resultados, morrendo finalmente en 1972. O seu legado foi de máis de 50000 lobotomías en todo o mundo seguindo os seus métodos, ou traducido, máis de 50000 persoas ás que lles arruinou a vida.

Recomendación:
  • Se queredes velo, e facer funcionar o cerebro (que está en inglés), tedes o documental "O lobotomista". É máis arrepiante velo que ler o que eu conto...
  • Outra posibilidade, tamén no terreo documental, é "Monos como Becky", unha curiosa e interesante aproximación á figura de Egas Moniz, onde a tal Becky ven a ser a chimpancé coa que o médico portugués experimentou.


No hay comentarios: