12/11/17

1283. Novembro vermello (ou outubro... a saber)


Fai un días cumpríase o centenario da Revolución de Outubro de 1917 en Rusia. Ata aquí non teriamos nada raro se nos axustamos ó recordo das efemérides e enchemos o calendario con datos máis ou menos curiosos. O realmente notable desta efeméride é que ese "fai uns días" sitúase exactamente no 7 de novembro. No-vem-bro!

Que pasou logo?

Poderíase pensar, lendo libros sobre a historia daqueles tempos, que os rusos da época andaban tan revolucionados que xa non sabían en que mes vivían. Lembremos que no 1881, o zar Alexandre II foi asasinado, e 1905 foi un ano cunha revolución que obrigou á monarquía a aceptar unha orde constitucional, nun momento no que se tamén se libraba unha guerra con Xapón.

Con todos estes antecedentes, non se pode dicir que o país gozara de moita estabilidade, e para rematar o desastre, en 1917 estaban inmersos na Primeira Guerra Mundial, na que as cousas tampouco marchaban demasiado ben, e o zar Nicolás II fora forzado a abdicar despois da Revolución de Febreiro, que, para rematar de desorientarnos, foi en marzo!

Todo esto viña de case dous mil anos antes, da man de Xulio César serio por establecer un calendario unificado para todo o Imperio Romano, cousa que era moi útil e razoable, aínda que debido á falta de percorrido e perspectiva temporal, os románs non chegaron a percibir que a pesar do axuste dos anos bisestos, engadindo un día ó ano cada catro anos, o ano real ía desfasándose un pouquiño, cada vez máis ata chegar ó século XVI, no que científicos da Universidade de Salamanca, en 1515, advertiron á Igrexa que o paso da Terra polo mesmo punto da súa órbita respecto ó Sol (ano sideral) e a nosa forma de contabilizalo ía facendo que a Pascua non tivera unha data realmente fixa.
Como é habitual na relación entre ciencia e burocracia, o aviso, ou se perdeu polo camiño, ou foi ignorado. Aparentemente non debeu de ser tan ignorado, porque no Concilio de Trento, entre outras reformas, instábase a dar regularidade temporal ó ano litúrxico (calquera o diría vendo a Semana Santa, pero eso é outra historia e será contada noutro momento), sen admitir oficialmente que o tema non pasaba polas mans de Deus, senón que o que había que facer era que o ano do calendario se axustara o máis posible ó ano trópico.



E despois dun segundo intento (coñecido) por parte da Universidade de Salamanca, alá polo 1578, o papa Gregorio XIII promulgou a bula Inter Gravissimas, que foi o documento que regulou o novo calendario polo que debería rexirse a cristiandade. Aparte do funcionamento que coñecemos hoxe do calendario gregoriano, chamado así por este Papa, a consecuencia máis inmediata e espectacular foi a supresión de dez días do calendario para axustar o cómputo do tempo oficial ó tempo real. E aquí foi onde se montou o lío...

Ben sabido é que o reino de Deus non é desta Terra e, por dicilo suavemente, a autoridade do Papa non era universalmente recoñecida, nin tan siquiera en toda a cristiandade, polo que a implantación do calendario foi lenta e progresiva, impoñéndose máis por razóns de tipo práctico e comercial que polas de tipo espiritual.
En España, Italia e Portugal, a reforma fíxose efectiva o 4 de outubro de 1582, que foi seguido polo 15 de outubro. Como dato anecdótico, neste día morreu Santa Tareixa de Ávila, que recibiu sepultura en perfecto estado "once" días despois, ó día seguinte.

(Aquí vemos a Lenin explicando o desfase do calendario a uns proletarios)

No caso de Rusia, os cambios tardaron moito máis. Non sabemos se esta tardanza foi o que impulsou a Lenin a poñer orde no tema e se lle foi a cousa das mans, ou tal vez o retraso histórico que tiña o pobo ruso e que incidía nas malas condicións de vida tivo algo que ver, pero o que si está claro é que despois da Revolución de Outubro, en febreiro de 1918, Rusia adoptou o calendario que xa naquel momento era o estándar occidental, cambio que aínda tardou un par de anos máis en zonas da nacente Unión Soviética. Como dato interesante, nestes trescentos e pico anos que tardaron, acumularon tres días máis de desfase e o cambio foi pasar do 31 de xaneiro ó 14 de febreiro. E así queda explicado porque estas datas históricas teñen etiquetas confusas, e a manía dos rusos de deixar todo para fin de mes, que se fixeran a revolución nos idus dos románs, mataban xente igual (como ben comprobou Xulio César) e non tiñamos confusión nos libros de historia.

Dito sexa de paso, noutros países como Grecia, Rumanía, Iugoslavia e finalmente en 1926, Turquía, este cambio aínda foi posterior ó ruso/soviético. E por adornarse xa con piruetas, a Igrexa Ortodoxa desligou o calendario litúrxico do oficial e por iso vemos o desfase de festividades alá polo Nadal entre aqueles países e nós.

Se tedes curiosidade, podedes ver nesta ligazón, toda a cronoloxía do cambio de calendario.

Recomendación:


Xa que falamos da Revolución(s) de 1905, lembremos a película que fixo Eisenstein sobre un dos episodios máis recordados e engrandecidos anos máis tarde pola propaganda soviética, "O acoirazado Potemkin".
Podemos ver esta obra mestra do cine aquí.



No hay comentarios: