4/12/17

1289. Bares, que lugares...


A semana pasada, despois de rematar unha das miñas interesantísimas clases, mentres estaba recollendo, apareceu un alumno (Alumno 1) doutro grupo co que quedara para revisar un exame. O de que o alumno me estivera buscando polo instituto (porque eu esquecera dicirlle onde quedabamos para revisar o exame) é un detalle insignificante, todo hai que dicilo. Que a nota do exame de Alumno 1 fose mellorable desde tódolos puntos de vista tampouco axudaba a facer do momento un encontro alegre e entrañable. En fin, que os profes repartimos a alegría do saber, pero ás veces só esa alegría e nada máis.

O detalle curioso é que viña acompañado por outro alumno (Alumno 2). Este detalle en si, non é moi curioso. O verdadeiramente curioso é que Alumno 2 forma parte do grupo no que tivera lugar a clase interesantísima e non estaba presente. Hai que recoñecer que os meus alumnos non terán outra cousa, pero boa educación, moita. Co cal, Alumno 2 achegouse e tivemos esta conversa:

- Hola, profe.
- Ola, e ti, onde andabas?
- Es que no vine a clase.
- Ah, xa. (se non chega a dicirmo, nunha clase con menos de dez alumnos, non sei se me decataría)
- Yo, a otras clases, falto, pero a la tuya, ya sabes que sólo si estoy enfermo. Pero hoy tenía que estudiar y estuve con Alumno 1.
- De acordo. Entón... el tampouco foi a clase, non?
- No. Es que tenemos la misma materia y queríamos preparar el examen, juntos.
- Eh...
- Y claro, nos quedamos en el bar.
- Ah...
- Pero estudiando, eh.
- Ah!
- Bueno, pues, hasta luego, profe.
- Si, eh... ata logo.

E así, pensando no irreal que ten a realidade as veces, marchei con Alumno 1 a revisar o seu desastroso exame, tan só comparable a nivel de desastre co que tamén fixo Alumno 2, que, por certo, desde entón aínda non apareceu por clase.
Ai, meu pobre! Estará enfermo?

Recomendación:


A pesar da inmensa preguiza que me contaxian os meus alumnos e á que contribúen os virus que estou pasando (e quen sabe se tamén o pobre Alumno 2), vou avanzando na lectura de "Circe ou o pracer do azul" de Begoña Caamaño. Novela interesante e con moito contido entre liñas.



No hay comentarios: