30/12/17

1291. Os afronautas



Fai un par de meses, mentres perdía o tempo pola rede investigaba para outras entradas do blog, atopeime cunha historia cando menos curiosa sobre a que a fotoperiodista Cristina de Middel estivera traballando e, xunto con outros temas, rematou plasmando a súa creación nun libro.


A historia da exploración espacial empezou a crear heroes durante a Guerra Fría, e nomes propios como os de Glenn, Shepard, Gagarin e demais pronto pasaron a formar parte das respectivas maquinarias de propaganda soviética e americana. Outros tiveron menos sorte, como Vladímir Komarov, que que tivo a dubidosa honra de ser o primeira persoa en falecer nunha misión espacial, durante a atolondrada misión Soyuz I, na que todo foi mal desde o principio, pero a pesar de tódalas indicacións técnicas, o aparato do estado, necesitado de contrarrestar a carreira americana cun golpe de efecto, foi adiante cando o sentido común indicaba que o máis lóxico era un prudente aprazamento da mesma. Como resultado, o coronel, que tiña claro desde o principio que a cousa ía acabar mal, rematou a súa vida insultando e maldicindo por radio a tódolos que o escoitaban e podían pasar recado ó aparato do Partido, xusto ata estrelarse en Novogorsk e pasar á historia oficial como un mártir da URSS.


 (restos da Soyuz I, con Vladímir Komarov) 

No medio desta mestura de loita científica e desvarío das superpotencias, nas sedes do Programa Espacial Soviético e da NASA recibíronse en novembro de 1964 senllas cartas remitidas por Edward Mukuka Nkoloso, Ministro de Asuntos Estelares e Director do Programa Espacial (aí queda eso) de Zambia.
Nas cartas explicaba razoadamente que o home negro estaba máis capacitado que os brancos para a exploración espacial e, a cambio dun aporte de combustible para o programa espacial zambiano, ofrecía os seus servizos e coñecemento a favor das causas americana e/ou soviética. No seu defecto, en troques do combustible, tamén existía a opción de mandar un astronauta/cosmonauta daquel país para as misións espaciais das superpotencias. Iso si, coa condición de que a bandeira de Zambia fose a primeira en lucir na superficie dos potenciais novos mundos a conquistar, preferentemente Marte antes que a Lúa, xa que nesta non había "nada especialmente útil para a Humanidade". Toda un alarde de categoría épica para un país que levaba un mes escaso sendo independente, estreando o seu novo nome despois de ser Rhodesia do Norte baixo a colonización británica.


Non está claro cal foi a reacción nestes organismos, o que si se sabe é que non houbo resposta. Ante a falta de novas por parte das superpotencias, o ministro-director-etc. dirixiuse á UNESCO e á ONU, solicitando axuda para o seu programa espacial, poñendo como exemplo o despilfarro inxente de EE.UU. e a URSS. Como parte dunha campaña publicitaria (?) e política de portas abertas, o doutor Nkoloso recibiu a reporteiros de Associated Press e amosoulles os adestramentos que estaban facendo para o seu programa espacial, con doce persoas e dez gatos. Si, gatos; xa sabemos, culturas distintas, costumes distintos. O plan inicial era enviar a unha muller e un gato a Marte, o gato faría compañía durante a viaxe... e tamén sairía primeiro á superficie marciana para ver como se adaptaba antes de arriscar (aínda máis) a vida de Matha Mwamba, moza de dezaseis anos, a elixida para facer historia.

Resultado de imagen de programa espacial zambiaAquí podemos ver un artigo asinado polo visionario doutor Nkoloso onde expoñía o seu visionario proxecto.
Empezaba forte, dicindo que vía a Zambia do futuro máis forte que Rusia ou os Estados Unidos, sendo a súa capital, máis pronto que tarde, unha nova New York ou París.

Pola contra, o que atoparon os reporteiros, foi bastante menos prometedor, uns adestramentos de aspecto sumamente chapuceiro, unha falta de medios aterradora, pero iso si, un entusiasmo arrebatador, que xunto coa oleada de patriotismo da recén nacida nación, facía que aquel proxecto fose o que fose, tirara para diante dunha peculiar maneira. Nalgún caso, tiraba costa abaixo cun aspirante a astronauta metido nun barril.
Como é de supoñer, ós medios británicos, aínda escocidos pola descolonización e indepencia, faltoulles tempo para ridiculizar o proxecto e, de rebote, o país e a capacidade das novas nacións que estaban abandonando o Imperio Británico para converterse en nacións soberanas... a típica historia de pais e nais que levan moi mal a emancipación dos seus vástagos.

O futuro que Nkoloso predicía non parecía tan próximo vendo o que sucedía e naqueles tempos non podemos esquecer a dous actores tan omnipresentes como a CIA e o KGB, que tirando do fío e infiltrando xente chegaron a descubrir que, detrás de tal inmenso desvarío, o ministro Nkoloso tiña a un físico e enxeñeiro ruso de nome descoñecido, que baixo a disparatada apariencia doplan dos doce elixidos, misioneiro incluído para coidar das súas almas, e dez gatos, tiña un plan verdadeiro para chegar á Lúa. Se era viable ou non, nunca o saberemos, xa que o proxecto, aparte de ser ridiculizado por algún outro ministro, veuse abaixo co embarazo da adolescente elixida. Xa se sabe, o espazo tamén está influido polos asuntos terrenais e aquel mar de chapuzas non podía ter unha mellor guinda do pastel.

A partir de aquí, a historia vólvese máis confusa e hai varias versións de como acabou a cousa, sendo dúas delas as principais, aínda que non incompatibles:

a) A versión máis conspiranoica di que o proxecto seguiu adiante, cun espía infiltrado nunha operación conxunta de CIA e KGB, e finalmente, de acordo co previsto, un foguete despegou do norte de Lusaka cun tripulante e dous gatos a bordo, sendo abatido por misís soviéticos e os restos do artefacto capturados polo KGB, coa complacencia da CIA.

b) A versión máis práctica di que todo foi un clásico dos timos, como é esconder algo poñéndoo á vista de todo o mundo disfrazándoo de forma totalmente estrambótica e efectiva. Como nación de nova creación nun ambiente político sumamente favorable a esta dinámica histórica, Zambia era o lugar ideal para crear campos de adestramento para as guerrillas en países da contorna. Que mellor para evitar as miradas indiscretas que crear unha tapadeira absurda e estridente, que ocultaba a verdade que todos tiñan diante da cara, pero que non podían ver porque estaban demasiado ocupados ríndose daqueles soñadores ilusos mortos de fame?

Tamén pode ser que todo fose un absoluto disparate que atopou as condicións axeitadas para saír adiante durante un tempo e nada máis, pero o certo é que os afronautas quedaron na historia e que o doutor Nkoloso faleceu en 1989 sendo enterrado coa pompa dun xefe de estado, quen sabe se pola súa ousadía patriótica-científica ou polos seus discretos e meritorios esforzos en prol da loita contra os colonizadores de África.

Recomendación:

Podedes ver unha reportaxe sobre o soño de Mukuka Nkoloso neste enlace. E falando doutro proxecto de futuro, neste caso do dun neno franco-sirio nos anos 80, temos a novela gráfica de Riad Sattouf "El árabe del futuro", un retrato de Siria naquela época que nos axuda a entender algunhas das cousas que vemos hoxe.


No hay comentarios: