7/1/10

167. O arrebato final


A causa da morte de Iván Zulueta non foi o arrebato que nos ensinou fai trinta anos, pero o certo é que o pasado 30 de decembro desapareceu un dos directores máis peculiares da historia do cine español. Zulueta, que desenvolveu a maior parte da súa carreira como artista gráfico, e en particular como cartelista, pasou á historia do cine español por unha das súas únicas dúas longametraxes, Arrebato, película de 1979, que entre outras sensacións, comparada co cine patrio da época produce a sensación de estar en outro planeta.

Arrebato

A película, turbia e envolvente por momentos, cruza as historias de José e Ana, por unha parte, e Pedro, pola outra. José, director de cine, e Ana viven unha historia de amor-dependencia-odio e destrucción mutua mesturada con diversas adiccións a drogas (ata que punto está incluida a autobiografía de Zulueta neste aspecto non está moi claro) na cal se ve que ambos levan unha existencia sen rumbo nin expectativa algunha. Pedro, personaxe encarnado polo singular Will More (tan raro o actor como o seu personaxe), coñece a José por mediación dunha prima súa e con só dous encontros causa nel unha profunda impresión. Tras un longo período de tempo no que imos coñecendo as historias de ambos, en franco declive os dous, José volve ter noticias de Pedro por unha serie de filmacións que este lle envía xunto cunha gravación (inquedante voz en off que marca a película) que conta a peripecia deste intervalo de separación. A película vaise facendo cada vez máis opresiva e condúcenos á busca do que Pedro chama o arrebato, como obxectivo das vidas de ambos, mesturando a historia con unha reformulación totalmente novidosa do mito do vampiro. (E non se pode contar máis sen destripar o argumento).

Como nota curiosa, citar que a primeira aparición de Eusebio Poncela (José) no filme comparte escena con Antonio Gasset, aquel inesquecible crítico-filósofo cinematográfico de "Días de cine". Ah, tempos aqueles!

As imaxes que podemos ver no filme, innovan tanto na súa forma, que a sitúa no cine experimental, como na crudeza para a época da súa temática, desnudos, drogas, sexo explícito, homosexualidade claramente insinuada, todo en 1979, que non é necesario comentalo, non era o máis frecuente nas carteleiras deste país. O como a película chegou a finalizarse é un misterio, con unhas previsións de presuposto de 3 millóns de pesetas da época e 2 días de rodaxe, a cousa foi complicándose ata os 14 días e os 14 millóns de pesetas, problemas coa anarquía de Will More. (Ver o vídeo de presentación dunha edición posterior da película para El País). Despois de finalizar o filme, o esgotamento do propio director, xunto cos problemas derivados das súas constantes idas e voltas coa heroína, fixeron que Zulueta se retirara ó seu San Sebastián natal para desintoxicarse e seguir traballando no mundo da arte plástica con un par de esporádicas incursións no cine, no que xa quedou marcado para sempre como "director maldito" (ver biografía completa).

Recomendacións:
  • Vin a película fai uns anos, e chamoume a atención, pero volvendo a vela onte, quedei totalmente admirado e por iso vai ser a primeira recomendación deste ano. Paciencia, que non é precisamente comida rápida cinematográfica.
  • Unha asociación que se fai a veces con esta película é a do grupo Parálisis Permanente, de feito aquí queda o vídeo do tema "Autosuficiencia" no que se mesturan imaxes do videoclip orixinal coas da película Arrebato. Curioso tamén observar o sinistro parecido entre o cantante do grupo, Eduardo Benavente e Will More na película. Para rematar a parte tétrica do asunto, comentar que Eduardo Benavente, morreu ós 20 anos nun accidente de tráfico indo a un concerto da banda.

No hay comentarios: