12/1/10

179. As bólas do dragón


Tranquilos, que ninguén pense mal, que non empezo o post con exabruptos, só trato de situar o contexto, a serie de anime Dragon Ball, máis coñecida en Galicia fai anos como As bólas máxicas, ou directamente polo seu protagonista Son Gokū. Grazas a esta serie, e en concreto, ó tema que podes escoitar no primeiro enlace, un vigués afincado en Xapón, Amir García, ven de gañar o concurso Sanmas san Super Karakuri Terebi (non traducirei para non presumir) da televisión xaponesa TBS cantando a versión EN GALEGO! de dito tema, así como unha indescriptible (tal vez se pode, pero mellor non facer sangue) versión adaptada dun tema da serie Gatchaman (en España, Comando G), esta última canción descoñecida aquí porque tivemos ocasión de disfrutar das versións de Parchís (*).

O da versión adaptada significa que utiliza a música do tema como fondo para unha letra que o concursante inventa, normalmente de motivo autobiográfico, neste caso sobre uns amigos españois que ten en Xapón cos que perdeu o contacto (perdeu ou perdérono eles intencionadamente?).

Un dos puntos que pon a guinda friki do concurso, xa friki de por si, foi a presenza como director do xurado de Mizuki Ichiro (poño o enlace inglés porque o galego é moi breve e o español é unha tradución automática cutre), que para informar, é o cantante da sintonía orixinal de Mazinger Z. Esta nota é a que nos permite entender o chiste da repetición das "z" durante a presentación, e sen máis aí vai o vídeo:



Supoño que estaredes impresionados, non? Tamén entendería que horrorizados, anonadados e un montón de "-ados" máis que non vou poñer para non coartar a vosa imaxinación. O certo é que Xapón é, sen lugar a dúbidas, outro mundo, en tódolos sentidos, empezando pola súa televisión. O mellor de todo é que a razón que da o xurado para que Amir García superase ós outros 299 participantes é o seu amor e paixón pola cultura xaponesa.

(*) Custa crer que os da xeración de inicios dos 70 que vivimos isto en primeira persoa conseguiramos sobrevivir sen ser atendidos por un exército de psiquiatras. Aínda que a cambio tamén tivemos ocasión de rir despois con lendas urbanas tan graciosas como a de que Enrique Bunbury era a ficha azul xa crecido, o que por outra parte tampouco sería tan raro vendo a rareza do elemento.

Recomendación:

Como xa quedou claro no post anterior, considero que o galego é unha lingua útil, pero esta nova abre uns horizontes ata agora insospeitados e inimaxinables para min. E xa que viaxamos ata o país do Sol Nacente (sempre quixen escribir este topicazo), vou recomendar a novela de Kenzaburō Ōe, premio Nobel de Literatura de 1994, titulada en España El grito silencioso, que como podemos ver no enlace, non ten nada que ver co título orixinal, o que non quita que sexa altamente recomendable. Dura e sen concesións desde a impactante escena inicial, ben merece a pena adentrarse nas súas páxinas para ver porque lle deron o premio da Academia Sueca.


No hay comentarios: