26/1/10

199. Mmmmm! Rico, rico!


Hoxe temos como protagonista, aínda que o título non se refire a el, a este simpático animaliño: a civeta asiática, un pequeno mamífero do sur do continente, que pesa uns 3 kg e mide un metro, máis ou menos, a metade bicho e o outro medio metro de cola. O animaliño nocturno en cuestión é omnívoro se fai falta, aínda que con preferencia pola carne, como ben deixan adiviñar os afiados dentes da foto.
O seu nome científico completo é Paradoxurus Hermaphroditus, que, curiosamente, non ten nada que ver coa morfoloxía sexual do animal, senón que se debe a que os primeiros que o observaron, apreciaron baixo a cola unhas pequenas glándulas que semellaban testículos, en ambos sexos. O certo é que son glándulas defensivas que nada teñen que ver coa reprodución do animal, senón que expulsan unha secreción nociva en caso de ser atacado.
Outra cousa que expulsa este simpático bicho (aínda que os habitantes de Sri Lanka non opinen o mesmo debido ó ruído das súas pelexas nocturnas) é café. Si, tal e como acabo de escribir, o bicho en cuestión é unha pequena fábrica de café, e non é pola habilidade que ten no tratamento dos grans coas súas garras, senón pola súa crucial e necesaria intervención no proceso de fabricación do Kopi Luwak, considerado como un dos mellores e máis exquisitos cafés do mundo.

Este café toma o seu nome das palabras indonesias que significan, respectivamente, "café" e "civeta", e o que vemos na foto da dereita, é o que máis ou menos podemos supoñer a estas alturas, excrementos de civeta, que, como podemos ver, están cheos de grans de café.
Parece ser que os zumes gástricos e as enzimas dixestivas do animal producen a fermentación só parcial do exterior do gran de café, o que lle da, segundo os críticos de Paradise Coffee (que tamén o venden), "un sabor rico e pesado, con toques de caramelo e chocolate. é tamén terroso e mofoso. Ten un corpo almibarado e moi terso", descrición que para os simples patáns gastronómicos (como o que escribe isto) resulta imposible de sacar dunha taza de café, pero que alguén con cartos debe considerar que ten todo iso e máis, xa que o prezo do quilo do Kopi Luwak ronda os 800 euros. Tal vez sexa pola recolección manual do produto polas selvas asiáticas, ou polo seu delicado proceso de lavado ou polo non menos delicado e coidadoso tostado, no que só se tosta lixeiramente para que non perda os matices de sabor que lle proporciona a súa peculiar orixe. O certo é que está considerado unha auténtica delicatessen, cousa que non pode dicir o pobre bicho, que iso si, é utilizado
regularmente como alimento polos habitantes da zona, que ademais usan a súa graxa como remedio contra a sarna. Se alguén paga o que paga polos residuos do bicho e se fai un café con eles, por que outros non o van comer, non?

En fin, bon appétit! (do café, non do bicho) e ata outra.


Recomendación:

Sen chegar a tal nivel de exquisitez como o dos 800 €/kg, pero que me encantan, e tamén como o Kopi Luwak, bastante descoñecidos, Battles, grupo neoiorquino, dos cales queda aquí o tema "Atlas" do seu único álbum ata o momento, Mirrored (2007).


No hay comentarios: