28/2/10

239. Non ser nada, ou menos


Dar clase é toda unha experiencia, así como os impredecibles efectos de calquera comentario aparentemente inocente. Vexamos unha conversa extraída da realidade deste último mes, aínda que non pareza real. (É máis, é literal). Estabamos facendo unha lectura en clase de Inglés dunha versión abreviada de "Frankenstein" de Mary Shelley, cando durante a parte na cal a Criatura coñece ó cego tivo lugar o seguinte diálogo:

- Profe, que significa "blind"?
- Cego.
- Ah, vale. Agora xa entendo.
- Por certo, alguén recorda como se di "mudo" ou "xordo"?

(Aquí ven unha serie de respostas incomprensibles e/ou disparatadas, co cal abreviarei o sufrimento do lector para centrarme no que realmente interesa)

- Debe ser unha putada ser cego, xordo e mudo, eh? -terciou un segundo alumno-
- Home...
- Si, ho! Eso xa... así xa non es unha persoa. Es peor que un animal.
- Hmmmm. Tes toda a razón.

(E como se pode comprobar, as cursivas correspondentes ás intervencións do profesor desapareceron definitivamente despois de levar xa un rato en franca retirada ante o asombro polo escoitado).

Recomendacións:
  • Por se alguén considera que pode tirar máis proveito da novela de Mary Shelley, desde aquí recoméndase con entusiasmo a súa lectura, así como as películas Frankenstein e A noiva de Frankenstein, ambas co inesquecible Bela Lugosi.
  • Para rematar e compensar a falta de humanidade dos meus discípulos, o tema "More human than human" de White Zombie.

21/2/10

233. O prato forte


O mes pasado contaba algo sobre o café máis caro do mundo, o Kopi Luwak, e as particularidades da súa orixe. Hoxe, respondendo a unha función de servizo desinteresado ó público e nestes días despois do Entroido, traerei aquí unha das especialidades da gastronomía de Islandia, que a bo seguro axudara a manter a frugalidade propia da época e compensar os excesos de cocidos pasados e algún que aínda poida estar por caer.

Sen máis, imos alá coa receita do kæstur hákarl (aparece todo no vídeo de National Geographic):

En primeiro lugar, necesitamos un tiburón, a ser posible un tiburón peregrino ou ben un tiburón de Groenlandia, preferentemente este último, dado que o primeiro está protexido por culpa, precisamente, da pesca excesiva. Unha vez collido o animal en cuestión (cada un que se apañe como mellor saiba), como corresponde a toda preparación coidadosa, cortamos a cabeza (a do tiburón, claro), abrímolo deixándoo limpo de tódolos órganos internos, e xa está listo para o seguinte paso. Entérrase con peso por riba nun burato debidamente acondicionado (o que significa lonxe de onde poidamos sentir o cheiro) durante un período de entre un e tres meses, depende da estación do ano, durante o cal a carne vai empezando a apodrecer ó mesmo tempo que desprendendo gran parte do ácido úrico concentrado nos seu interior. (O do peso é para axudar a facer presión para que a carne se desprenda mellor do ácido úrico).

(Así queda o hákarl xusto antes de cortar para comer)

Pasado este tempo, xa está listo para ser troceado, o que no vídeo parece bastante fácil, salvo o de ter un tractor ou grúa a man para manipular o animal. Aquí chegamos a un punto delicado, un cheiro bastante forte ("aroma" segundo o vídeo), debido a que os riles do tiburón permiten a acumulación de urea no corpo no bicho. Isto fai aparecer un característico olor a amoníaco, pero xa se sabe que o que algo quere, algo raro respira. Unha vez partido, ponse a secar como vemos na imaxe, e ó cabo duns catro a seis meses xa podemos quitar unha especie de costra exterior que se forma no secado e preparalo para comer. Xeralmente, sérvese cortado en pequenos dados de entre un e dous centímetros de aresta.

Como tampouco é cuestión de maltratar o sentido do gusto dos non iniciados (no vídeo, o protagonista parece esperar algo tan horrendo que cando o proba e ve que continúa con vida ata se nota como aliviado), sempre podemos acompañalo ó gusto tradicional da illa, acompañado do brennivín, popularmente coñecido entre os islandeses como a morte negra, un licor que como se pode comprobar no artigo wikipédico correspondente, aparenta ser algún estraño mexunxe farmacéutico, cousa que cos 37'5 graos de graduación alcohólica que posúe, ata non sería raro que puidese ser usado como desinfectante.

E ata aquí chega a información sobre esta peculiar delicia da gastronomía do paraíso xeotérmico do Atlántico Norte, que como ben dixen ó inicio, axudará a evitar todo tipo de excesos na mesa. Aínda que ben mirado, quen sabe, sempre podería ter contado algo sobre o hrútspungur, outra das peculiares delicatessen da gastronomía local, sobre a cal deixarei ós que teñades a ben ler isto o pracer de investigar.

Recomendación:

Unha das artistas máis coñecidas de Islandia (posiblemente a que máis), ademais de unha das miñas debilidades musicais, é Björk. Así que para facer algo máis doce e dixerible o prato de hoxe, queda aquí o tema "Hyperballad", do álbum de 1995 Post.


15/2/10

229. Discus plasticus


Fai anos que decidín que a praia é un lugar idóneo para a vida contemplativa, léase contemplar tanto a fauna de todo xénero por alí presente como as paisaxes; outra variante é o dolce far niente, ou ben ler libros, sempre que non sexan de tapas duras, claro, porque co sol as tapas alcanzan unha curvatura que calquera os volve a colocar nos estantes. Todas estas cousas están moi ben, salvo que sexan interrompidas por males equiparables a maldicións bíblicas, a saber, veciños con radio/música pachangueiros, familia roñosa con nenos igualmente roñosos, ou os temibles aspirantes a deportista profesional de praia, nas súas variantes, fútbol, tenis e similares, cometas descontroladas e así podería continuar ata encher o almacén dunha tenda de deportes. E sobre todo, o que dixo un familiar: "A praia está moi ben, pero ten un lote de area". Non se pode contentar a todos, está claro.

(W. Frederick Morrison en 1957, ataviado de "quen sabe que" para promocionar o seu invento)

Outro dos perigos é o frisbee, aparello de destrución masiva alá onde os haxa cando se atopa en mans pouco recomendables, o que é de todo menos raro nas praias. Deste aparello, de perigosa tendencia a impactar na cabeza dos que non están xogando con el, imos falar hoxe, ou máis ben do seu inventor (*), Fred Morrison, que faleceu ós 90 anos de idade o pasado día 9 na súa casa en Holladay, no fermoso e radioactivo estado de Utah.

Segundo o propio Morrison, a idea dun prato voador veulle á cabeza en 1937, xogando coa tapa dun envase de flocos de millo coa súa, por aquel entonces moza, e despois muller, Lu. Despois experimentou coas bases metálicas para as tartas, chegando a montar un pequeno negocio entre os dous nas praias de California. Tan prometedora carreira quedou truncada momentaneamente pola II Guerra Mundial, onde foi feito prisioneiro, pasando 48 días nun campo de concentración nazi. De volta á casa, como un heroe de guerra, seguía a traballar na súa idea e incluso chegou a construír un molde para comercializalo. E aquí, a casualidade púxose da súa parte, cando en 1947, supostamente, un OVNI se estrelou en Roswell e Morrison atopou un gancho comercial impresionante poñendo o seu produto á venda co nome de Flying Saucer, nome que logo cambiou a Pluto Platter. Baixo este nome, a empresa de plásticos Wham-O, comproulle a patente, aínda que concedéndolle os dereitos de autor de por vida. Isto último, á vista dos douscentos millóns de frisbees vendidos pola empresa (sen contar imitacións de outros), foi unha cláusula do contrato moi ben negociada.

O nome: Nunha viaxe pola costa Leste dos EE.UU. atoparon que os alumnos de Yale usaban as bases de latón das tartas da Frisbie Pie Co., de Bridgeport, Connecticut. E para evitar problemas legais, cambiaron unha letra do nome da empresa, dando lugar ó actual "frisbee".

A repercusión do invento foi tal, que hoxe en día existe o Ultimate frisbee, unha mestura co rugby, como un deporte oficial no país con 27000 persoas federadas (ver vídeo). Como curiosidade cabe citar un artigo de The New York Times de 1976: "Novas e fiables mostras arqueolóxicas mostras que lanzamento de obxectos planos xiratorios comezou nos inicios do Pleistoceno co lanzamento de rochas", para ir empezando, e continuando con: "Pero o frisbee moderno, o discus plasticus, apareceu no inicio da II Guerra Mundial, como un negocio para tempos de paz, gracias ós moitos usos do novo material: o plástico. A Historia quererá que, co frisbee, o plástico alcance o seu apoxeo de utilidade e beleza". Retorcendo un pouco a frase feita, pódese dicir máis claro, pero non máis alto.


(*) A paternidade do invento aínda se discute hoxe, xa que un dos empregados de Wham-O, Ed Headrick, engadiu unha serie de círculos concéntricos na superficie superior para prolongar o xiro no aire, o que lle serviu para reivindicarse como autor da creación. Cabe citar como curiosidade, que Morrison publicou unha historia titulada "O prato voa recto" para defender a súa autoría.

Recomendación:

Volvendo ó principio, outro dos perigos da praia, neste caso pola parte da auga, sería o que nos recordan Pearl Jam no seu tema "Gremmie out of control" do seu álbum de caras B e rarezas de 2003 Lost Dogs. (Un gremmie é, en argot surfeiro, un novato inexperto). O tema é versión dun tema de 1964 do grupo The Silly Surfers.


7/2/10

227. Unha vida mellor


"... refirió a sus amigos que hacía tiempo que no tenía sueños ni pesadillas, tan grande era el espacio que ocupaban sus pensamientos mientras dormía. Aquello no era vida, con tanto pensar, con la conciencia en estado de continua tumescencia. Ahora quería ser un poco inconsciente, prescindir en la medida de lo posible de las causas, de las verdades, de la realidad... Estaba harto de su agudo sentido de la observación, que le daba una imagen cínica de las relaciones humanas. Quería vivir, ignorar la realidad de la vida, vivir sin más.
Recordó a sus alarmados amigos su intento de convertirse en un alcohólico y su proyecto de suicidio abortado. La estupidez era su última posibilidad de salvación. Todavía no sabía como proceder, pero prometió dedicarse en cuerpo y alma a convertirse en un estúpido..."

"... no quería ser un imbécil redomado, sino diluir su inteligencia en esa aleación que es la vida, procurar no analizarlo y desmenuzarlo siempre todo. Su mente había sido siempre un águila de mirada certera, de garras y pico afilados. En lo sucesivo, le enseñaría a ser una majestuosa grulla, a planear y a dejarse mecer por los vientos..."


(Cómo me convertí en un estúpido, Martin Page)


3/2/10

223. Pobres vergonzantes


A semana pasada estaba facendo o tempo navegando pola Rede mentres agardaba que o ordenador puxera a punto o iPod, vítima colateral do Evento Desastroso (*), cando acabei batendo casualmente (ordenar catro mil cancións leva moito tempo) coa seguinte noticia, que por un momento cavilei se sería verdadeira ou non, pero que por estraño que resulte, confírmase como certa (ou iso ou o B.O.E. non ten credibilidade):

Nace a Fundación Marquesa de Balboa Ancianos Solitarios Venidos a Menos, efectivamente, tal e como soa, parece ser que un grupo de mulleres, nas que o apelido Borbón florece como os cogomelos despois da choiva, toman ó seu cargo o cumprimento das últimas vontades da citada marquesa e constitúen unha fundación inscrita no B.O.E. (25 de xaneiro de 2010) cun capital de 601012'10 €. E ante a pregunta de que ten isto de particular, ademais do nome, aí vai (copio do B.O.E.) a exposición de intencións da Fundación:

"Atender y cuidar a pobres vergonzantes y ancianos solitarios venidos a menos, que vivan solos o en condiciones precarias, con su familia o con personas a quienes también estorban, o en residencias que tienen deficientes condiciones de higiene y en donde, además les traten mal, atendiendo primero a las mujeres, y preferentemente a las que tuvieron una buena posición, con preferencia a las personas de la condición social que tuvo la extinta Excma. Sra. Marquesa de Balboa, que necesitan ayuda y no se atreven a solicitarla o no lo consiguen".

WTF? Para que comentar máis? A idea dunha asociación benéfica con preferencia polos pobres vergonzantes de noble condición é tan surrealista que este blog non podía deixar pasar a ocasión de comentala.

(*) Evento Desastroso: Denomínase así ó que acostuma a sucederlle a un ordenador cando o seu dono/usuario habitual intenta facer cousas pouco recomendables con respecto ó mundo dos virus e a piratería contando que todo está controlado, e chegando ó resultado de que o ordenador non sexa nin capaz de iniciarse. Por sorte, as tendas de informática están habituadas a traballar con tales casos (máquinas e persoas) e non se perderon os datos, recuperados, iso si, a cambio dunha módica cantidade que fará aumentar a prudencia en futuras ocasións.

Recomendación:

Despois de tan esperanzadora nova para os desfavorecidos de noble condición (aínda estou entre asombrado e estupefacto), comento outra que é a estrea nos cines para esta fin de semana da adaptación ó cine da novela de Cormac McCarthy The Road (La carretera). Por se alguén aínda se revolve no seu asento ó lembrar aquel acento de Viggo Mortensen e quedou con alerxia a tal individuo ou padecementos similares, desde aquí recomendo a novela de McCarthy. A novela, ó contrario que a nova deste blog, non ofrece esperanza algunha durante o periplo que levan a cabo un pai e o seu fillo por un país devastado (unha guerra nuclear?) no cal a loita pola supervivencia e o pesimismo ante o futuro están presentes ó longo de toda a novela.