30/3/10

277. Crise, que crise?


Despois de uns días sen voz (laringofarinxite aguda, menos mal que estarei recuperado para poder ir de procesións) tiven tempo a recapitular e reflexionar sobre os resultados das avaliacións. Despois duns dous minutos e medio de profunda reflexión, cando as neuronas empezaban xa a ferver, cheguei á seguinte conclusión: o futuro é brillante, peor do que foron os resultados é practicamente imposible, co cal só se pode mellorar nos vindeiros meses.

Aparte de tan desastroso panorama, tamén atopei outro motivo para o optimismo, desta vez con utilidade e aplicación inmediata para o resto do país: como saír da crise. Xa sei que parece moi presuntuoso, pero despois das dúas tardes de Jordi Sevilla, creo que tamén teño algo de dereito a intentar aportar algo neste tema. A clave do asunto resultou estar en 2º de ESO (vai ti a saber, igual o das dúas tardes era certo), na seguinte pregunta:

"Unha cuadrilla de pintores que traballa 8 horas diarias durante 5 días cobra 10000 € por un traballo. Cantas horas terán que traballar diariamente para rematar un traballo polo que cobran 15000 € se tardan 12 días en rematar?"

A brillante resposta que nos permitirá saír da crise en meses, ou incluso semanas, foi a seguinte:

"Necesitarán traballar durante 5717 horas diarias".

En fin, sobran comentarios, como moito, desde aquí ofrezo a miña mediación a goberno, sindicatos e empresarios para que contraten a esta discípula miña, creatividade e ousadía para estes tempos difíciles non lle faltan.

Recomendación:

Revisade os cálculos, que mira que o teño dito!
Para deixar un mellor sabor de boca do que prometen as terroríficas xornadas laborais cando a miña alumna chegue a ministra, aquí queda o tema "Money" de Pink Floyd, incluido no álbum "The dark side of the moon".



1 comentario:

Pedrote dijo...

Simplemente genial (por fín puedo escribir un comentario tras 10 minutos de carcajadas).