30/5/10

353. Crónicas do máis alá (3)


No capítulo anterior: 
I sveikata! I sveikata! I sveikata!...

28 de abril:

O despertar post-vodka caseiro foi duro, o meu compañeiro de habitación non notaba a dor de cabeza previa á cea, e eu, pola miña parte, non era realmente moi consciente nin de ter cabeza, tiña unha curiosa sensación de alienación do meu corpo. O de erguerme, meterme na ducha, acicalarme e vestirme foi un proceso totalmente mecánico (aínda considero incrible que non cambiara a orde e me duchara vestido na cama). Nun estraño estado de vixilia estilo zombi baixamos a almorzar ó restaurante do hotel, e segundo vin a comida empecei a afastar de min calquera pensamento relacionado con ela, en vez de arrasar co bufé tomei a saudable opción de zume de laranxa e unha lixeira macedonia de froitas, que quedou reducida a un mínimo sorbo do primeiro e a un conato de bocado da segunda. Apartei o almorzo de diante e limiteime a encarnar a viva imaxe da derrota coa mirada perdida na mesa.

Subimos á habitación a recoller os arreos do día e completei a frugal pitanza con Omeprazol, algo que debería ter pensado antes, pero a falla de relixiosidade fixo que me encomendara ó medicamento despois do desastre. E con este panorama, vimos a chegada do autobús que nos recolleu para ir á Colina das Cruces, preto da cidade de Šiauliai.

 (Foto do grupo co noso frei Tonel)

Chegamos ó mosteiro franciscano que alí se atopa no medio dunha mañá fría e anubrada, onde nos recibiu un frade e medio, como ben se pode apreciar na foto, e vivimos un dos momentos máis sicotrónicos da viaxe cando despois de lembrarnos (e recomendarnos) a posibilidade de pasar a formar parte da comunidade, nos pediu que encabezásemos o rezo dunha oración á Virxe, trago que Chus, a nosa coordinadora, pasou facendo de tripas corazón, cousa que desde aquí agradezo, xa que o meu corazón estaba ausente e as miñas tripas estaban sendo campo de batalla entre o alcol lituano e o Omeprazol.

(A Colina das Cruces)

Despois de tan piadosos momentos, dirixímonos á Colina das Cruces, sitio impresionante á vez que tenebroso, a cantidade de cruces que alí había nin se sabe, pero o concepto de densidade cobrou novas dimensións, era realmente impactante, e como nos comentou alguén de alí, "lástima que non haxa algo de vento, porque o ruído dos rosarios que están colgando crearía un ambiente arrepiante". Mira que pena, non poder pasar medo!

Así, pouco a pouco, pasamos a mañá e chegou a temida hora de comer, onde, para a miña sorpresa, constatei que San Omeprazol se impuxera na batalla contra as forzas do mal, o que fixo que empezara a recuperar o apetito. E aquí chegou un dos puntos máis tristes da viaxe, tivemos que cambiar os plans e cancelar a nosa visita ó Lago Plateliai, dentro dun parque natural e onde tiñamos previsto coñecer unha antiga base de mísiles nucleares da Unión Soviética. Por desgraza, a base estaba sendo restaurada, co cal non é descartable volver nun futuro, pero xa non será o mesmo que ver a orixinal.


(Šiauliai. Despois do vodka caseiro, xa non había límites para nós)

Para completar a xornada, os nosos anfitrións leváronnos a coñecer Šiauliai, onde estivemos visitando un museo etnográfico e sufrimos a amabilidade dun experto en numismática que nos empaquetou un cúmulo de coñecemento que case nos deixa no sitio. Despois de este impagable momento e dun paseo e un café, volvemos a Klaipėda e previo paso polo hotel, buscamos un coche de aluguer para o día seguinte (o noso director incorporábase á expedición e tiñamos que ir buscalo ó aeroporto de Palanga), e logo a cear no Kurpiai Jazz Club, onde xa recuperara o apetito, había unha cervexa deliciosa e o meu resfriado estaba misteriosamente desaparecido.

29 de abril:
Como puidemos erguernos algo máis tarde do habitual, cando chegamos o instituto dos nosos colegas lituanos pareciamos tres persoas de verdade, e tivemos unha mañá moi agradable coas actividades que nos tiñan preparadas: montar unha obra de teatro entre os alumnos dos dous países (na que, por sorteo, o noso MP asumiu o papel protagonista, non sen rosmar antes un cacho largo), e logo, unha curiosa actividade na que os alumnos españois gravaban textos das lendas nas que se baseaba o intercambio lidos en lituano e viceversa. Despois pasamos ás actividades deportivas con diversas competicións amistosas internacionais, onde tiven ocasión de enfrontarme a un profesor lituano, subidos a unha barra fixa e arreándonos (amistosamente) con uns pequenos sacos para tirar ó contrario.

(Facendo amigos a golpes, antes da derrota)
 
Despois tivemos a tarde libre, e dirixímonos a Palanga, onde despois de recoller ó noso xefe no aeroporto, demos un paseo a carón do mar Báltico e continuamos pola vila, onde,  ademais da conseguinte cervexa con kepta duona, vimos unha curiosa ornamentación a base duns xigantes ovos de Pascua.
(Ovo de Pascua en Palanga)

Pola noite, volvemos á gastronomía local, e desta vez caeu unha salchicha de un metro, da cal, por desgraza, non hai fotos para ver o impactante aspecto que ofrecía a mesa. E por suposto, o postre que non se perdoaba a ningunha hora, ó igual que a consabida cervexa.

(Tratando de facer outro amigo no Báltico, como non saíu ben,
tivemos que conformarnos con cear a salchicha de un metro)

E así, e tras outra cervexa, repousamos tranquilamente na habitación do hotel. Por fin, todo parecía tranquilo e inofensivo. Aínda que, de todas formas, agora xa non baixabamos a garda ante nada, cousa innecesaria, xa que sentiamos a protección de San Omeprazol como se un anxo da garda nos estivera coidando.


(Continuará...)

1 comentario:

Pedrote dijo...

Espero que los padres de vuestros alumnos no estén leyendo esto ...