22/9/10

547. Escenas despois da batalla (III)


Volta ó traballo, e ó igual que os coleccionables variados marcan o final do verán, este tipo de posts, que ameazan con ser un subblog dentro do blog, volven a facer acto de presenza para poñervos ó día do dura e absurda que pode ser a labor educativa unha vez que se apagan as luces da clase e os centros educativos recuperan parte do silencio que tan ben lles acae (uff, vaia alarde pedante-poético!), silencio roto ás veces polas conversas que podemos ter cos pais coas nais dos nosos discípulos, e ás veces con eles mesmos:

- "Era a ver se podiamos ver o exame, porque o rapaz dixo que foi o mellor lle saíu de todo o curso".
(Eu tampouco o entendo, porque un 1'45 non reflicte moi fielmente dita impresión)

- "Pois tamén, con esta nota, non sei, eh! E que aquí, ós rapaces non se lles axuda nada".
(Con un 3 non serve axudar, tería que facer milagres)

A conversa continuou por camiños turbios:
- "Ademais, o ano pasado, co outro profesor, aprobou".
(Mea culpa, mea culpa... anotamos a recepción da puñalada)

- "¡Proooofe! Con esta nota, la cosa... mmm... no pinta muy bien, ¿no?".
(De agradecer a educación da alumna, pero con un 2... mmm... non)

- "A verdade é que é unha pena que a rapaza suspenda. Porque na casa queriamos que estudara, aínda que nada máis fora para ser mestra".
(Por sorte, non me pasou a min, senón a unha compañeira que tiven fai anos, pero cando me contou tal perla, quedei coa boca aberta de unha cuarta)

Reactualización:
Despois da actualización no post do 19/8/2009 no que informaba do novo récord de cálculo de decimais do número pi, chegan novos récords, 2000 billóns de cifras, a última, por certo, un 0.

Recomendación:

Por sorte, aínda se pode evadir un con outras cousas, hoxe, en particular, con este tema do histórico álbum Nevermind, de Nirvana. Con menos presentación que no vídeo, aínda que convencido que algún pai/nai tamén pensa, como empeza a canción, no de "sell kids for food", aí queda "In Bloom".


14/9/10

541. Xa van 100 posts... ooooh!


(Para o post número 100 deixo aquí este relato propio, dándolle as grazas pola inspiración a algúns d@s relator@s do curso "As competencias básicas e a práctica educativa en matemáticas", capaces de proporcionarme as suficientes gañas de desaparecer, e a falta de poder facelo fisicamente, conseguilo mentalmente deixando que a imaxinación me aliviara da refinada tortura que compartía con un numeroso grupo de profesores. Vai polos esforzados seguidores do blog, así como polos lectores que tedes paciencia de vez en cando para acompañarme neste pasatempo.)

"Era unha habitación grande, inmensa e chea de asentos dispostos como nun teatro. Espertou sentado nun daqueles asentos de madeira, duros e de feitura simple. Sentiu o lombo entumecido e mirou arredor, non había ninguén, estaba absolutamente só, rodeado unicamente por aquelas paredes que, ao igual que o teito e o chan, eran dunha cor verde clara. Silencio. Non foi capaz de percibir máis ruído que o dos seus movementos e a súa propia respiración. Ollando máis atentamente, cos ollos afacéndose aínda a aquela luz leitosa e fría que non parecía vir de ningún sitio, decatouse que aquela estraña estancia que semellaba non ter portas nin ventás tiña unha especie de liñas finas, case imperceptibles, nas paredes, como se estas estiveran formadas por paneis.

Sendo, de súpeto, máis consciente de si mesmo, caeu na conta de que os asentos estaban todos orientados no mesmo sentido, orientados cara unha parede, a cal, ó igual que as outras, estaba totalmente desprovista de calquera cousa que non fose aquela aparente división en paneis. A temperatura era agradable, de feito decatouse que nin se molestara en pensar en que estaba descalzo, nin de que levaba posta unha roupa escura, simple e cómoda, que non lembraba ter visto antes.

Escuridade. Un golpe, outro golpe. Dous golpes máis seguidos. Outros tres golpes. Luz. Empezou a mirar arredor con perplexidade e berrou chamando por quen puidera estar alí. Non tivo resposta. Permaneceu inmóbil tratando de oír algún ruído, algo que lle permitira saber algo acerca da situación na que se encontraba. Suspirou e levantou a cabeza, e para a súa sorpresa viu que o teito xa non era verde, cambiara a unha tenue cor azulada. Os asentos estaban numerados igual que nun cine, mirou o que estaba diante do seu, unha pequeniña placa metálica co número 5, o seguinte á dereita tiña o 2, o seguinte, o 1, e logo outro 1. Non lle atopaba sentido. Ergueuse e observou que tódolos asentos arredor tiñan unha soa cifra, repetidas moitas veces e sen unha orde clara.

Escuridade. Cinco golpes secos. Volveu berrar, pero desta vez tampouco houbo resposta algunha. Outra vez apareceu a luz. Agora o chan tamén era azul como o teito. Máis golpes, contou ata oito, novo silencio. Empezou a camiñar pola habitación e ficou inmóbil cando volveron a empezar os golpes, esta vez trece. Unha vez máis, en silencio, mirou para atrás e viu que a parede do fondo era azul e ó volver a cara para adiante, como saíndo da nada, máis azul. Xa só quedaban dúas paredes verdes, algo estaba pasando, agora non tiña a menor dúbida. De súpeto, vinte e un golpes e a parede da esquerda mudando a azul, e sen tempo a percibir o cambio na súa totalidade a escuridade envolveu novamente toda a estancia.

Durante este novo período de escuridade volveron a soar os golpes, trinta e catro seguidos, que desta vez foron contados con dificultade debido á abafante sensación que empezaba a ter, era como se o aire fose repentinamente máis denso. A luz volveu a amosar a habitación, agora era tan intensa que tivo que pechar os ollos polo que lle molestaba neles. Probou a entreabrilos e albiscou algo sorprendente, ademais de quedar só unha parede verde, a da dereita, cousa que xa intuía, o teito estaba máis baixo, tanto que case batía nel coa cabeza. Outra vez empezaron os golpes, un, dous, tres, a parede verde empezou a moverse. Movíase? Era imposible, vinte golpes e a conta seguía, non se notaba ningún mecanismo, nin ruído. Estaba a ser vítima dunha ilusión óptica? Xa dubidaba de todo, os golpes continuaron ata deter a conta en cincuenta e cinco e a parede quedou a carón dos asentos dos que antes estaba separada.

Aterrorizado, berrou pedindo axuda, as bágoas de desesperación caían pola súa meixela, deixouse caer na cadeira na que espertara e novamente veu a escuridade e os golpes, un , dous, tres, agora cun novo e preocupante ruído de fondo, había asentos caendo, os golpes eran cada vez máis fortes e seguidos, xa ían por sesenta e catro, por un intre viu un destello, a habitación mudara completamente a azul, setenta e oito, setenta e nove, outro destello, os asentos empezaban a amorearse empurrados pola parede do fondo, o ruído da parede movéndose agora era clarísimo, oitenta e oito, púxose de pé e protexeu a cara coas mans sen saber moi ben de que, oitenta e nove, berrou.

O berro foi logo, esgotador, deixouno baleiro, e coincidiu co silencio absoluto. Percibiu unha lixeira brisa, apartou as mans da cara e viu o cadrado de chan azul no que estaba, un cadrado de pouco máis de un metro de lado, rodeado de herba, unha inmensa chaira de herba fresca e laranxa como nos mellores días da primavera. Dou un paso atrás, asombrado, batendo na cadeira, aquela cadeira co número 8 na parte de atrás onde estivera sentado naquela habitación que viña de esvaecerse deixando como única proba da súa existencia aquel cadrado azul no chan. Aínda sen saír do seu asombro e coa boca aberta, deixouse caer no asento e estrañamente relaxado contemplou a chaira, o día era tranquilo e o sol brillaba no atardecer con aquela fermosísima cor gris que tanto lle gustaba."

("697". Suso)


523. Misterios sen resolver


"La financiación de los partidos es un misterio, pero un misterio de aquellos que no son un misterio, porque están muy claros, pero siguen siendo un misterio."

(Jordi Pujolex-presidente da Generalitat catalana)


521. Mellor sen zapatillas


Nestes días vivimos informativamente á sombra do aniversario dos atentados do World Trade Center, rodeados de polémicas sobre a construción de mesquitas, pastores integristas que se comportan como borregos, etc. Como consecuencia desta saturación, pasou case desapercibido outro aniversario, menos importante en canto a dramatismo e importancia político-histórica, pero moi salientable como logro deportivo e persoal: o 50º aniversario da maratón dos Xogos Olímpicos de Roma, celebrado o 10 de setembro de 1960, co corredor etíope Abebe Bikila como gran protagonista.

A historia de Bikila comezou con outro maratón olímpico, aínda que el non fose consciente, xa que naceu o día no que se disputaba o dos Xogos de 1932. Membro dunha familia pobre e numerosa, con 17 anos buscou unha saída para gañar a vida alistándose na Garda Imperial de outro persoeiro da vida pública etíope, nada menos que Haile Selassie (non mencionado, pero presente de espírito en un post anterior, e que merecería outro propio dada a súa peculiar vida). Alí foi descuberto como atleta polo ex-atleta e adestrador sueco Onni Niskanen, que fora contratado polo goberno como adestrador e, de paso, nomeado comandante do exército etíope. En 1956, despois de ver ós atletas que participarían nos Xogos de Melbourne, interésase e participa nos campionatos nacionais das forzas armadas, batendo de forma sorprendente ó ata aquel momento máxima figura do deporte nacional, Wami Biratu. A pesar de todo, Bikila non formaba parte da selección que ía viaxar a Roma para os Xogos Olímpicos, pero, debido a unha lesión de última hora de Biratu xogando ó fútbol, conseguiu un posto na delegación etíope.

E aquí é onde a lenda comeza a tomar forma. Os atletas etíopes corrían patrocinados por Adidas, pero ó contrario de hoxe en día, as marcas non poñían miles de pares de zapatillas a disposición dos atletas, de feito, as que lle deixaron a Bikila non eran do seu agrado e decidiu correr descalzo, cousa que como xa tivera ocasión de comprobar Niskanen, non empeoraba as súas marcas. E alá que se plantou na liña de saída, xunto co seu irmán (esquecido pola historia), facendo que as apostas tiveran todas como tema o mesmo: Canto tempo aguantarían aqueles dous africanos descalzos antes de abandonar a carreira polas rúas da capital italiana?

A resposta empezou a albiscarse no quilómetro 20, o gran favorito, o marroquí Rhadi comprobaba asombrado que non era capaz de descolgar da cabeza da carreira a aquel etíope descalzo. O etíope, sen embargo, non sabía a quen levaba de compañeiro de viaxe, xa que, por despiste, Rhadi puxera un dorsal que usara na proba dos 10000 m (o 185), en vez do que lle tocaba na maratón (o 26). Pouco a pouco foi caendo a noite sobre Roma e os fachos que iluminaban a cidade permitiron ver unha silueta sen zapatillas enfiando a Vía Apia rumbo á meta, no Arco de Constantino, Abebe Bikila acaba de asombrar ó mundo coa súa vitoria e un novo récord do mundo, converténdose, ademais, no primeiro africano en gañar unha medalla olímpica.

Foi recibido no seu país como un heroe, dándose a casualidade que durante a proba pasara por diante do Obelisco de Aksum, expoliado en 1937 polo exército de Mussolini e inmerso en aqueles tempo nun proceso de reclamación para a súa devolución, o que, como curiosidade, non chegou a producirse ata o ano 2005, sendo finalmente reinaugurado no 2008. A partir de aquí, a súa vida profesionalízase e chega a Tokio '64 despois dunhas circunstancias que inclúen un paso polo cárcere por un complot militar, no que non tiña nada que ver, meses antes dos Xogos, e unha operación de apendicite un mes antes. Con todo isto, volve a gañar a maratón, batendo a súa propia plusmarca e sendo primeiro atleta da historia en repetir vitoria olímpica nesta especialidade, pero esta vez xa con zapatillas. En México '68 fai un último esforzo e toma a saída estando lesionado (sen dicir nada) coa fin de facilitar o traballo dos seus compañeiros de equipo e retirándose no quilómetro 15 cunha fisura no nocello e obtendo o consolo da vitoria do seu compatriota Mamo Wolde.

Xa retirado, nese mesmo ano de 1968, sofre un accidente de tráfico na poboación etíope de Sheno, e tras varios meses de tratamentos entre Etiopía e Londres, confírmase a súa hemiplexía, que o terá confinado nunha cadeira de rodas o resto da súa vida sen repoñerse totalmente do accidente, falecendo en 1973, ós 41 anos, en medio da tristura nacional pola perda dun dos seus heroes populares, aquel que asombrou descalzo ó mundo, algo que só volveu a repetir en 1984 a sudafricana Zola Budd, aínda que sen alcanzar as cotas de éxito de Bikila.

Recomendación:

Outras vidas singulares son as que conta Eduardo Mendoza no seu libro "Tres vidas de santos". Un conxunto de tres relatos no que coñecemos as historias de Fulgencio, Dubslav e Antolín. Tres "santos", que como di o autor no prólogo, non teñen nada que ver co concepto eclesiástico da santidade, senón que comparten con aqueles a consagración da súa vida a uns ideais renunciando ó resto das preocupacións diarias da vida da xente corrente. E que ademais teñen a virtude de remontar o nivel que o propio Mendoza parecía estar perdendo despois das súas dúas anteriores novelas.


11/9/10

509. Lóxica tenebrosa


"Los odios genéricos son pura xenofobia. Ahora, fíjate en la diferencia: la mayoría de los que odian a los judíos no conocen a ninguno, la mayoría de los que odian a los musulmanes han tenido conflictos con ellos."

(Pilar Rahola, opinóloga sobre todo, explicando onte nun
matinal de TV3 o antisemitismo da sociedade española)


503. Visita a outro mundo


"No aeroporto o chofer ofreceume unhas flores, pero xa sabía que non eran para min", despois "o meu guía proponme que vaiamos ó lugar máis alto da cidade para admirar a vista antes de pasar polo hotel", para alí poder depositar o ramo de flores ó pe da estatua de bronce de 22 metros de alto do Gran Líder e Presidente Eterno da República, o xa desaparecido Kim Il-Sung. A pesar de ir xa avisado, esta é a sorprendente primeira toma de contacto con Corea do Norte do autor quebequés Guy Delisle, que na súa novela gráfica "Pyongyang" conta o peculiar da vida diaria deste país a partir da súa experiencia persoal durante dous meses traballando na súa capital para un estudio de animación.

O que sorprende de entrada é a dinastización dun réxime marxista, baseada na sucesión de Kim Il-Sung polo seu fillo Kim Jong-il, o Querido Líder ou Gran Dirixente. Este cinéfilo, que confesa sen reparos que a súa película preferida é "Venres 13" e os westerns de John Wayne, dirixe con man de ferro o país mentres prepara a seu fillo menor para a sucesión, tendo aínda así tempo a levar escrito uns 18000 libros, segundo a propaganda oficial, e a facer grandes descubrimentos científicos e tecnolóxicos. Segundo a mesma propaganda: "As paisaxes en Corea do Norte son extraordinariamente fermosas, o ceo é azul profundo, os ríos están limpos e cristalinos, e non hai practicamente contaminación". Isto último pode que sexa debido á falta de industria, pero é unha especulación persoal.


(Un dos innumerables retratos de Kim Il-Sung e Kim Jong-il que adornan o país. Recomendable ampliar
a imaxe para ver os detalles, que non teñen desperdicio como exemplo de culto á personalidade)

Corea do Norte é un país pechado hermeticamente ó exterior, oficialmente aínda en guerra cos Estados Unidos, e onde ó culto ós líderes chega a extremos tan peculiares como a obrigatoriedade dos seus retratos en tódalas habitacións do país, estando prohibido colgar nada máis na mesma parede que o retrato, ou a cousas tan incribles como a prohibición de tocar a imaxe do líder nos selos co selo de correos ou a obrigatoriedade de retirar as súas fotos de papeis que vaian ser utilizados, por exemplo, para apoiar algo encima.

"Non hai discapacitados. Somos unha nación moi homoxénea e tódolos norcoreanos nacen fortes, intelixentes e saudables". Así contestou o guía a Delisle respecto a porque non se vían discapacitados polas rúas de Pyongyang. Outra posibilidade é que estiveran traballando voluntariamente para a patria nos campos de arroz, ou varrendo nas autoestradas (as autoestradas en Corea do Norte están practicamente desertas debido á falta de coches, son amplas e están limpas porque hai xente limpando con vasoiras, disidentes políticos, din as malas linguas).

En Pyongyang, capital do país, está o Edificio 105, xa que o nome de Hotel Ryugyong non é válido ó non ter sido rematada a súa construción, iniciada en 1987 é que cos seus 330 metros de altura estaba proxectado que sería o hotel máis alto do mundo. Sen embargo, esta monumental pirámide triangular de formigón de 105 pisos, converteuse coa interrupción das obras, en 1990, no reflexo máis claro da desastrosa situación económica do país, á que axudou a caída da Unión Soviética, e á que, aparte das consecuencias habituais en toda crise económica, houbo que sumarlle a morte de dous millóns de persoas por fame, case unha décima parte da poboación. Un dato bastante a ter en conta dada a inversión desta monarquía marxista en obter armamento nuclear. A todo isto, a construción do Edificio 105 foi retomada fai dous anos coa intención de rematar no 2012, data na que ademais poderá exhibir o impresionante espectáculo das súas oito plantas xiratorias, coroadas por outras seis fixas.

Ademais, este espectáculo poderá aportar luz ás tenebrosas noites da capital, onde tódalas luces, excepto a da Torre do ideario Juche, están apagadas por razóns de aforro/carestía de enerxía. Esta torre, rematada en 1982, e deseñada, como non, por Kim Jong-il, foi erixida con 25550 bloques de granito para conmemorar o 70º aniversario do seu pai, o Gran Líder. O numero de bloques corresponde ós días deses 70 anos, ou case, porque o Querido Líder debía estar tan ocupado escribindo un dos seus 18000 libros que esqueceu dúas normas: a primeira (universal), os anos bisestos, a segunda (local), a de contar nove meses máis, xa que o réxime conta a idade desde o momento da concepción. Tampouco creo que tivera moito problema en atopar voluntarios para cargar ata alí outros 290 bloques (máis ou menos son os que faltan, segundo as miñas contas).

O Juche é a ideoloxía norcoreana, baseada nunha combinación de autarquía, militarismo, nacionalismo, voluntarismo e tradicionalismo. Como non podía ser de outra forma, formulada por Kim Il-Sung e desenvolvida por Kim Jong-il, filósofo nos ratos libres, que como terrorífica anécdota, non debeu considerar uns grandes seguidores desta doutrina ós xogadores da selección de fútbol neste pasado Mundial e á volta púxoos na picota (literalmente), e ó adestrador do equipo a traballar na construción. Cabe destacar que saíron mellor librados que no 1966, que despois de irse de festa tras gañar un partido e perder o seguinte, foron enviados a un campo de concentración ó volver ó seu país.

Igual foi que non lle trouxeron ningún regalo ó volver para depositar no Centro Internacional da Amizade no Monte Myohyang, para engadir os centos de agasallos feitos polos políticos estranxeiros. (O enlace forma parte da propaganda oficial, a páxina web é como o porco, non ten desperdicio). Ou tal vez esqueceron felicitar ó Gran Líder polo seu cumpreanos, que ó igual que a data da súa morte e o cumpreanos do Querido Líder son festas nacionais, os Días do Sol. Con toda a razón, dado que o nacemento deste último tivo lugar nunha montaña durante a resistencia contra a invasión xaponesa na II Guerra Mundial e "foi presaxiado por unha andoriña e sinalado coa aparición dunha nova estrela no ceo e un dobre arco da vella sobre da montaña" (propaganda oficial dixit).

Recomendación:

Para ir pechando a absurda historia de hoxe, ademais de recomendar a lectura na novela gráfica citada (recomendación recollida de Xoán Carlos, grazas!), propoño ver o documental de Jon Sistiaga "Amarás al líder sobre todas las cosas", esperpento puro e duro. A pesar de todo, sigo a pensar que unha viaxe a este país debe ser toda unha experiencia. Iso si, sempre que un estea disposto a uns pequenos requisitos/necesidades tales como levar os medicamentos propios, deixar que a un lle censuren as fotos que toma, deixar o móbil na fronteira onde o devolven ó saír do país ou aceptar que tódolos desprazamentos van estar controlados. E, por suposto, non ser moi esixente coa radio ou a televisión, onde só hai unha canle de cada.


9/9/10

499. Stalags, un caso raro


O 11 de maio de 1961, Riccardo Klement foi secuestrado en Bos Aires. O suceso non tería pasado das páxinas de sucesos dos xornais arxentinos de non ser porque os autores do secuestro eran un grupo de axentes dos servizos de intelixencia israelís, o coñecido Mossad, e que o tal Klement non era outro que o criminal de guerra alemán Adolf Eichmann. O dos conflitos entre Israel e Arxentina e o xuízo, execución de Eichmann e demais historias relativas ó tema podedes velo no enlace anterior. Unha parte menos coñecida do asunto, fóra de Israel, foi a testemuña de Yehiel Feiner De-Nur durante o xuízo, un supervivente dos campos de prisioneiros de guerra, os Stammlager, abreviadamente, stalag.

Pero, aparte da relación evidente entre ambos personaxes, hai outra algo máis retorcida que foi desvelada no xuízo e que ten que ver co tema do post, os stalags, que ademais de ser os campos de prisioneiros, tamén eran unha serie de noveliñas pornográficas que circularon por Israel entre 1960 e 1962, levantando un escándalo considerable na sociedade israelí da época.

(Portadas de Stalags)

Sabendo que un estado relixioso como o israelí non era/é precisamente aberto na temática sexual, non é raro que uns relatos pornográficos crearan escándalo, pero se lle sumamos ó tema os uniformes das protagonistas e que só facía quince anos do remate da II Guerra Mundial, aquí empezamos a intuír algo máis raro.
A historia contada nestas pulp fiction israelís é máis ou menos simple, e salvo lixeiras variacións, desenvólvese da seguinte maneira: un soldado, xeralmente norteamericano ou inglés é feito prisioneiro polo exército nazi, que o envía a un campo de prisioneiros. Alí é torturado e violado de forma repetida por unhas oficiais xermanas das SS ou similares, acción que transcorre en escenas sadomasoquistas contadas con profusión de detalles, e finalmente consegue escapar tras devolverlle as humillacións ás súas torturadoras/amantes e matalas.
Os stalags foron un fenómeno efímero, desapareceron apenas nun par de anos despois dun proceso xudicial por pornografía antisemita (?) coincidente no tempo co xuízo a Eichmann, pero deixaron no aire a inquietante pregunta de quen podería sentir pracer sexual con un tema tabú de fondo na sociedade de Israel como o exterminio a mans dos nazis.

E aquí é onde encaixa a peza que faltaba para relacionar todo este conglomerado que se leva desenvolvido: a testemuña do xuízo de Eichmann, Yehiel De-Nur, que nun momento de gran tensión (ou teatralidade, quen sabe?) durante o xuízo desvelou ser a persoa que se agochaba baixo a identidade de Ka-Tzetnik, ou KZ-135633, correspondente ás iniciais alemás, KZ (pronúnciase "ka tzet"), dos campos de concentración, e o seu número de prisioneiro. Este home era coñecido en Israel por ter publicado en 1955 "A casa das bonecas", unha novela, baseada no suposto diario (nunca atopado) dunha prisioneira dun campo de concentración, no que conta como un grupo de mulleres foron obrigadas a traballar como escravas sexuais dos homes do exército nazi nos campos de concentración, aínda que outras versión falarían da historia vivida por unha irmá do autor (igual que na novela, unha irmá do protagonista), cuxa existencia tampouco está comprobada. O que si está comprobado, máis que nada pola existencia da propia novela, é que esta roza a pornografía en bastantes momentos.

Para moita xente en Israel, este foi o primeiro acercamento ás historias do Holocausto, e a pesar de tódalas dúbidas existentes sobre a veracidade do tema, fixo que Ka-Tzetnik se convertira nun autor de éxito no país, ata o punto de que hoxe en día obras súas  seguen a ser de lectura obrigatoria no sistema escolar do país.

Por se todo o anterior vos resulta, ademais de surrealistamente macabro, interesante, podedes ver o documental, do realizador e xornalista israelí Ari Libsker, que recolle a historia titulado "Stalags: Holocausto e pornografía en Israel", onde se explica de maneira máis detallada o que acabo de contar. (O momento no cal escolares israelís percorren un campo de concentración mentres se lles le un fragmento da novela de Ka-Tzetnik é dun absurdo entre a risa e o terror que aínda me ten descolocado).

E para verificar que o de tirar a primeira pedra non é nada fácil, tamén queda aquí esta nova que atopei investigando un pouco para este post e que fala do auxe do porno israelí entre os árabes, sendo un dos grandes éxitos as escenas con mulleres con uniformes do exército e dos corpos de seguridade do estado de Israel. Un colofón perfecto para tan delirante historia.

Recomendación:

Unha das cousas que deixei para rematar é que a suposta existencia dos grupos de escravas sexuais tivo a súa plasmación musical no nome dos autores de "Atmosphere", os ingleses Joy Division (literalmente, "división/batallón da alegría"), nome dado na novela de Ka-Tzetnik ó grupo de mulleres adicadas a satisfacer ós soldados nazis. Esta asociación de ideas, así como parte da súa estética, custoulles a acusación de simpatizar co nazismo.