15/11/09

107. Elgaland-Vargaland


Dentro do xa de por si fascinante mundo das micronacións, existe unha que destaca por riba das demais en canto a peculiaridade e, incluso, concepción filósófica: Os Reinos de Elgaland e Vargaland, tamén coñecidos polo seu acrónimo en sueco, KREV. Fundado, ou máis ben creado, en 1992 polos artistas suecos Leif Elggren e Carl Michael von Hausswolff, os cales, proclaman na Constitución, aparte da súa condición de reis, a ocupación e anexión dos seguintes territorios fronteirizos:

1. O Físico, formado por tódalas fronteiras do planeta, así como as augas non consideradas territoriais por ningún estado do planeta. Esto conforma tal parte física desta nación como un lugar inocupable, dado que calquera intento de ocupalo faría que as fronteiras cambiaran e deixaran de estar baixo o dominio dos ocupantes. E incluso, se tratamos de centrarnos exclusivamente no aspecto terrestre do estado, podemos ver que é o único estado que non ocupa dúas dimensións, xa que está formado por un conxunto de liñas sen superficie.

2. O Mental, formado por aqueles estados de fronteira entre aspectos da consciencia ou da conciencia, como poden ser soño/vixilia, transtornos mentais que fan que a mente oscile entre a consciencia plena e a evasión, as transicións a estados alterados como no consumo de drogas ou outro tipo de substancias como as utilizadas por chamáns ou feiticeiros. Incluso momentos tales como a evasión do entorno mediante métodos como escoitar música, ler un libro, experimentar dúbidas, e ata un orgasmo. Toda esta parte fai que todos nós, en algún momento, voluntariamente ou non, sexamos potenciais visitantes destes reinos.

3. O Dixital, no que se incluirían fallos e colapsos de discos duros, virus informáticos, e incluso unidades de soporte tales como cd's, dvd's ou pendrives como posibles zonas de transición. Este territorio complétase coa ocupación de ondas e frecuencias, así como das reaccións de fisión e fusión nucleares. E chega a enunciar como susceptible de ser anexionada á propia Internet, ou gran parte do Universo, sempre que alí se estea producindo algún cambio.

Repasando a Constitución, podemos profundizar nas peculiaridades desta micronación, desde o sistema político ata o prato e a bebida nacionais (respectivamente, artigos 1, 35 e 36).

E despois desto, só me queda facer a recomendación de hoxe e irme, paso previo e obrigado por Elgaland-Vargaland, territorio mental, a durmir. Saúdos.

Recomendación:

"Año 2054. Mis nietos están explorando el desván de mi casa. Descubren una carta fechada en el 2004 y un CD-ROM. La carta dice que ese disco CD-ROM que tienen entre sus manos contiene un documento en el que se da la clave para heredar mi fortuna. Mis nietos tienen una viva curiosidad por leer el CD, pero jamás han visto uno salvo en las viejas películas. Aun cuando localizaran un lector de discos adecuado ¿como lograrían hacer funcionar los programas necesarios para la interpretación del disco? ¿Como podrían leer mi anticuado documento digital? Dentro de 50 años lo único directamente legible será la carta.
JEFF ROTHENBERG"

Este texto que inclúo aquí é o capítulo 45 de "Nocilla Dream" de Agustín Fernández Mallo, libro que xa mencionei no post 89. Unha estraña novela na cal, sen unha liña argumental clara, vemos como se van entrelazando historias de personaxes sen conexión algunha, e no que mediante pequenas pinceladas en forma de capítulos imos descubrindo historias como a mencionada neste post sobre micronacións, ou outras tan cheas de cultura popular e fantasía como a morte definitiva dun suposto "Ché" Guevara aínda vivo hoxe no sur de Asia, ou a presencia de Michael Knight nunha gasolineira de Albacete desenvolvendo a súa permanente busca dos malos.
Un libro incapaz de deixar indiferente, e que aviso, buscando reseñas, están divididas a partes iguais entre a admiración e crítica feroz. No meu caso, inclínome polo primeiro grupo, dentro do sector fascinado. E ademais, coa sensación de ler algo que nos fai pensar, cousa moi de agradecer nesta sociedade que reborda burremia e mediocridade a mares.

No hay comentarios: