Se alguén pensaba que o post vampírico-paquistaní era insuperable, a súa falta de fe vai ser castigada agora mesmo. Alá imos!
Baixo o nome do título deste post combateu o crime, nas pantallas, o actor e loitador de loita libre mexicana *** (non se debe descubrir a identidade dos heroes, así que non poño o nome). Representante de primeira liña do cine máis psicotrónico e alucinado de México entre os anos 60 e 70. O debut cinematográfico do noso protagonista ten lugar en 1959 con un par de coproducións mexicano-cubanas, rematadas de rodar xusto o día antes da entrada de Fidel Castro na Habana durante a Revolución, enfrontándose ó Cerebro do mal e ós Homes infernais, respectivamente. As películas son grandes exemplos de improvisación, pouco rigor nos guións, con lapsos de continuidade e curiosas, cando non trapalleiras, formas de resolver situacións que van xurdindo no guión.
Santo encarna a un loitador, que ó mesmo tempo exerce de científico oculto de gran saber, que combate o mal, ben só, ou ben con axuda de outros loitadores como Blue Demon. Na súa filmografía chega a enfrontarse a todo tipo de maleantes, e incluso seres sobrenaturais como Drácula, Frankenstein, o Home-lobo, cazadores de cabezas (sic), marcianos, as momias de Guanajuato, zombis, e así continúa ata completar un longo catálogo de seres que fan necesaria en algún momento a intervención do noso heroe, capaz de usar tanto a súa forza, non hai peli na que non aparezan uns minutos de loita libre sobre o ring (igual que os momentos de canturreo nas películas de Manolo Escobar), como o seu inxenio e intelixencia, por exemplo en "Santo en el tesoro de Drácula". Nesta película, Santo destroza varios principios da Física sen o menor pudor ó inventar unha máquina do tempo, coa cal pode facer que a moza guapa de turno viaxe ó pasado (nova puñalada á relatividade, unha viaxe no tempo sería posible só en dirección ó futuro) despois da negativa dos homes alí presentes, panda de galiñas. Durante a viaxe ó pasado, a moza volve á súa vida pasada mediante a desmaterialización de átomos (sic) atopándose vítima dunha misteriosa enfermidade e cun misterioso pretendente, o conde Alucard, que resulta ser nada menos que Drácula, descuberto polo profesor Van Roth (unha especie de Van Helsing) mediante un inxenioso razoamento. No vídeo podemos apreciar ademais que Santo é capaz de ver o pasado no televisor, sen cámaras e sen planos fixos, e ir seguindo a historia sen maior problema. Polo medio desta trama aparece un misterioso encarapuchado que non se sabe como o coñece, pero intenta facerse co tesouro de Drácula descifrando un mapa en caracteres serbios (só uns 12 millóns de persoas poderían descubrir o segredo), resucitando para tal fin ó mesmo Drácula, o cal loitará con Santo, que o vencerá mediante unha elaborada argucia. En "Santo contra las mujeres vampiro" (aí vai unha mostra), ten que facer fronte a un grupo de vampiresas mexicanas (por certo, moi curiosa a estética mexicana das vampiresas) que tratan de secuestrar á filla dun científico amigo do noso heroe para convertela na súa raíña para a eternidade.
Como curiosidade, unha frase do prometido da protagonista e que marca o territorio sociolóxico da época: "Dentro de poco serás mi esposa y seré yo quien de las órdenes". Todo esto, para reconfortar e dar sensación de protección á protagonista. Impresionante!
Todo esto e moito máis é o que podemos atopar nas películas de Santo, el Enmascarado de Plata, heroe peculiar a máis non poder, que chegou ademais de aparecer en series de televisión, a ser personaxe de cómic de gran éxito.
Recomendacións:
- Agradezamos a Cutrefilms o seu entusiasmo en colgar estas marabillas na rede e concedámoslle unha oportunidade ó noso heroe para facernos pasar unha terrorífica, en tódolos sentidos da palabra, hora e media de cine coas películas do Enmascarado de Plata.
- Algo de música méxicana, "La ingrata", do álbum "Re" de Café Tacvba, tema con letra chea de amor apaixoado e tormentoso con final politicamente incorrecto a máis non poder.
No hay comentarios:
Publicar un comentario