Como o blog levaba uns días baixo mínimos de funcionamento e hoxe pola mañá atopeime nos xornais coas fotos dos 15 centímetros de neve en Pedrafita do Cebreiro, vou tratar de compensar esto e introducir algo de calor no post, en concreto, por baixo da terra, tal e como sucede en Centralia, nos Estados Unidos.
Para ir introducindo o tema, podemos ver este cartel no que se nos anuncian os posibles desastres que se nos poden presentar en tan curioso lugar: "Camiñar ou conducir nesta zona pode conducir a graves lesións ou á morte. Hai gases perigosos. O chan é propenso a afundimentos repentinos". O porque destas ameazas é o que figura enriba en vermello: MINA SUBTERRÁNEA ARDENDO. Efectivamente, en Centralia hai, mellor dito, había minas de carbón, que son as que deron orixe ó pobo alá por mediados do século XIX. Ditas minas duraron ata a década de 1960, cando as industrias as deixaron abandonadas polos seus escasos beneficios económicos. Unha destas minas abandonadas foi utilizada como basureiro local e en 1962, como soe suceder en todo caso desastroso que se precie, un incendio empezou no basureiro, e que, ó estar na mina de carbón, atopou un combustible abundante, e despois de varios intentos de apagalo, deixouse que seguira ardendo, confiando en que en algún momento se extinguiría por si mesmo debido á falta de material combustible. E ardeu durante os 60, os 70...
En 1979, o propietario dunha gasolineira, limpando os tanques, atopou de forma casual que a temperatura subterránea era duns 78º C, e en 1981, un rapaz caeu a un pozo que se abriu baixo os seus pés, sendo rescatado ileso, pero facendo ver ás autoridades a escalofriante conclusión: o lume seguira estendéndose a outras vetas de carbón polo subsolo da localidade, facendo que Centralia estivera realmente asentada sobre un inmenso braseiro subterráneo que levaba vinte anos ardendo e sen perspectivas de parar. (Á esquerda vemos unha foto da Ruta 61, unha estrada que pasa polo sudeste de Centralia, rota pola calor do carbón ardendo). Calcúlase que o lume da veta, duns 13 km, podería durar 250 anos máis, e hoxe en día só quedan alí 12 habitantes dos aproximadamente 1000 que había en 1984, cando o Goberno Federal facilitou axudas para que os veciños poideran establecerse en localidades próximas. A igrexa continúa aberta, con servizos regulares tódolos sábados pola noite, aínda que o pobo foi expropiado na súa totalidade e incluso borrado da lista oficial de pobos ó ser eliminado o seu código polo Servizo Postal. Curiosamente, os cemiterios están en bo estado. Os intrépidos (ou inconscientes) 12 residentes seguen na súa batalla legal co estado para quedarse no pobo a pesar de tódalas advertencias e perigos, e Centralia, ou o que dela queda é un estraño atractivo turístico do estado de Pennsylvania, no que podemos visitar Filadelfia, Pittsburgh, e algún outro lugar desastroso como Harrisburg (con accidente nuclear incluído).
Recomendacións:
- Se tedes curiosidades por sitios quentiños, podedes buscar imaxes do Pozo de Darvaza, en Turkmenistán, outro exemplo de alguén a que non lle saíron ben os cálculos, neste caso nunha prospección dun pozo de gas natural. Aquí vai un vídeo. Como curiosidade, parece que os lugareños lle chaman a Porta do Inferno. Por que será?
- Seguindo rumbo ó Inferno, que menos que AC/DC en directo co seu Highway to Hell.
No hay comentarios:
Publicar un comentario