7/11/09

97. A noite das fogueiras


Baixo este nome (para ser exactos, The Bonfire Night), celebraron a noite do 5 de novembro os ingleses o aniversario da chamada Conspiración da pólvora, plan levado a cabo en 1605 co obxecto de asasinar ó rei Xacobe I por parte dun grupo de católicos ingleses descontentos coa política do rei, que esperaban que suavizara a política de persecución dos católicos levada a cabo pola súa antecesora Isabel I. Nada máis lonxe da realidade, o novo rei, a pesar de ter unha nai católica, continuou co acoso protestante contra os papistas.

Esto levou a un grupo de extremistas católicos a plantexar a necesidade dunha acción contundente contra o rei, o que hoxe chamariamos un acto terrorista. Este grupo, encabezado por Robert Catesby e Guy Fawkes (tamén coñecido como Guido, ver o retrato da esquerda) tratou de levar adiante un plan tan intrépido como espectacular: a voadura do Parlamento Británico durante a Apertura de Estado (o equivalente á inauguración do curso parlamentario), co obxectivo de matar ó rei, á familia real e a boa parte da aristocracia protestante. Isto, ademais, sería unha especie de sinal para un levantamento dos católicos de todo o país. Para tal fin, lograron introducir nos sotos do Parlamento 36 barrís de pólvora, o que da o nome á conspiración. O encargado de levar a cabo a explosión sería o propio Fawkes, pero tal explosión nunca chegou a suceder (incluso que di que a pólvora era de pésima calidade), e aquí é onde a lenda se confunde coa realidade.
Hai quen di que os conspiradores foron descubertos por axentes reais, aínda que a versión máis estendida (certa?) conta que uns dos membros do grupo, consciente de que o atentado acabaría con xente inocente e incluso con algúns defensores dos dereitos dos católicos, enviou unha carta anónima a un dos membros do goberno na que advertía do plan. Esto fixo chegar ós homes do rei ó soto onde Fawkes estaba coa pólvora antes de poder poñer o seu plan en marcha. Algunha versión incluso afirma que o desenlace da historia formaba parte dunha astuta xogada do rei, que coñecedor do plan, deixou que seguira adiante de forma controlada para, chegado o momento, poder botalo abaixo de tal forma que lle permitira gañar enteiros ante a opinión pública.
O que si é certo e comprobado é que Fawkes foi detido, torturado (negándose a revelar os nomes dos seus cómplices, cousa que só fixo cando se lle dixo que se levantaran en armas, e aínda así só proporcionou nomes de mortos ou de vivos que as autoridades xa coñecían), e finalmente, condenado a morte.
A sentenza foi case levada a cabo, dado que o proceso de aforcar-destripar aínda vivo-descuartizar (mellor asegurarse, non vaia ser) foi frustrado polo propio condenado, que saltou desde o alto da escada pola que subía ó patíbulo, coa sorte, visto o que lle esperaba, de partir o pescozo na caída e morrer no acto.
Outra cousa certa, que é a orixe da celebración, é que o mesmo día da detención dos conspiradores, os cidadáns de Londres foron animados a saír ás rúas a celebrar con fogueiras o fracaso da conspiración contra o soberano. Este último detalle, xunto coas dúbidas acerca da autenticidade da carta incriminatoria, fai aumentar as sospeitas de que o plan era coñecido polo rei, e de que o usou no seu propio beneficio, incluso para xustificar a insistencia na persecución contra os católicos. (A manipulación das masas non é algo tan recente como podemos pensar hoxe en día, inmersos como vivimos na era do audiovisual).
Para rematar, unha especulación máis, aínda hoxe se di que no medio dos que saen a celebrar o fracaso do plan de Fawkes, disfrazándose e queimando efixies súas, hai moita xente que aproveita para mesturarse coas masas, pero celebrando todo o contrario, a exaltación de Guy Fawkes como un heroe que se rebelou contra a inxustiza dos poderosos contra os indefensos.

Recomendacións:
  • Baseada na historia de Fawkes, e usándoo como personaxe, podemos ler a novela gráfica de Alan Moore V de Vendetta, utopía de ton sombrío situada nunha Inglaterra totalitaria dun futuro non moi lonxano. (Tamén hai peli, pero como insisto ás veces, lembrade, ler non é malo).
  • Falando de aniversarios, como esquecer algo que forma parte das cousas que me fixeron chegar a ser o que son, Barrio Sésamo, que alcanzou esta semana os 40 anos de andadura polas televisións do mundo. FELICIDADES! E a modo de homenaxe, quedan aquí un par de vídeos, o primeiro, un exemplo de interacción entre os meus dous personaxes favoritos, Epi e o Monstro das galletas. O segundo, unha das miñas cancións favoritas, Mahna Mahna. Por moi incrible que pareza, non é un tema orixinal, senón unha versión do tema do mesmo título composto polo italiano Piero Umiliani (escoitar) e que, escándalo!, apareceu por primeira vez nunha escena dunha peli pseudodocumental de 1968 sobre o sexo en Suecia.

No hay comentarios: