28/2/10

239. Non ser nada, ou menos


Dar clase é toda unha experiencia, así como os impredecibles efectos de calquera comentario aparentemente inocente. Vexamos unha conversa extraída da realidade deste último mes, aínda que non pareza real. (É máis, é literal). Estabamos facendo unha lectura en clase de Inglés dunha versión abreviada de "Frankenstein" de Mary Shelley, cando durante a parte na cal a Criatura coñece ó cego tivo lugar o seguinte diálogo:

- Profe, que significa "blind"?
- Cego.
- Ah, vale. Agora xa entendo.
- Por certo, alguén recorda como se di "mudo" ou "xordo"?

(Aquí ven unha serie de respostas incomprensibles e/ou disparatadas, co cal abreviarei o sufrimento do lector para centrarme no que realmente interesa)

- Debe ser unha putada ser cego, xordo e mudo, eh? -terciou un segundo alumno-
- Home...
- Si, ho! Eso xa... así xa non es unha persoa. Es peor que un animal.
- Hmmmm. Tes toda a razón.

(E como se pode comprobar, as cursivas correspondentes ás intervencións do profesor desapareceron definitivamente despois de levar xa un rato en franca retirada ante o asombro polo escoitado).

Recomendacións:
  • Por se alguén considera que pode tirar máis proveito da novela de Mary Shelley, desde aquí recoméndase con entusiasmo a súa lectura, así como as películas Frankenstein e A noiva de Frankenstein, ambas co inesquecible Bela Lugosi.
  • Para rematar e compensar a falta de humanidade dos meus discípulos, o tema "More human than human" de White Zombie.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ben eu tamén recomendaría El jovencito Frankenstein, de Mel Brooks, unha vez vistas (e lidas) as túas recomendacións.
Saúdos: o blog vai vento en popa.

GONZO

Suso dijo...

Estiven a punto, pero xa eran demasiadas recomendacións para un só post. Teño un alto concepto dos que ledes o blog, pero se poño moito, igual me mandades a paseo.
Vento en popa! (Xa notaba eu algo de fresquiño polo lombo, mira ti...)
Saúdos.