2/8/10

443. En busca da fe


(Por incrible que pareza, aquí comeza o segundo ano deste blog)

Hai xa bastante tempo, neste blog anticipouse un post relativo ás novas relixións, pero diversos episodios de procrastinación inversa (por unha vez descoidei o accesorio e púxenme co que debía facer) foron postergando isto. Pero agora, procrastinando respecto á preparación dunha asignatura do vindeiro curso, empezo a lembrar unha peculiar historia que sirve de introdución:
Tiven un amigo que non cría no matrimonio, era ateo militante e odiaba as xuntanzas folclórico-familiares, pero, marabilla de marabillas, un día apareceu cunha invitación de última hora para o seu casamento. A miña sorpresa, nula porque era algo que se vía vir, empezou a manifestarse cando empezou a argumentar os detalles do evento. O do casamento ("é que a ela faille ilusión"), pola Igrexa ("bueno, si, pero o cura é comunista..."), pase, pero o dos trescentos invitados ("temos algúns compromisos") e o dos gaiteiros á saída da misa tocando nunha carballeira (só xustificable polos pinchos e o fresquiño do lugar) foron o punto culminante do surrealismo co que o por aquel entonces amigo meu puxo fin á súa vida de solteiro.

Isto suxire, a todas luces, unha grave desorientación espiritual, e como xa se ten feito outras veces neste blog, a vocación de servizo a outras persoas faime suxerir unha nova fe, firme, segura e fiable (ou polo menos tanto como moitas outras previamente existentes). Aló imos!

A historia de hoxe comeza pouco despois do casamento arriba relatado, cando o Consello de Educación do estado de Kansas, a finais do 2005 e a proposta de grupos políticos e relixiosos ultraconservadores, autorizou o ensino da teoría do deseño intelixente como alternativa (unha forma encuberta do creacionismo) e complementaria á teoría da evolución. Pouco despois o noso protagonista de hoxe, Bobby Henderson, a modo de protesta contra esta medida "educativa", envía unha carta ó citado organismo na que expón a súa crenza nunha entidade creadora sobrenatural, o Monstro de Espagueti Voador (FSM, siglas inglesas), un ente con forma de bola de espaguetis con albóndigas. Utilizando os mesmos conceptos de indemostrabilidade que moitas relixións, Henderson equiparaba a crenza no FSM coa teoría do deseño intelixente e solicitaba o ensino do seu credo en igualdade de condicións coas outras teorías nas escolas do estado. A pesar de que a lei do estado que permitía estes desatinos educativos foi derrogada ó ano seguinte, o pastafarismo xa tivera unha ampla repercusión mediática e seguiu adiante co seu percorrido entre a xente.

 (A Creación... coa participación do FSM)

Partindo de razoamentos que poderiamos considerar análogos ós da Teteira de Russell, ou da Unicornio rosa invisible, Henderson asenta os principios da súa relixión e ofrece unha cómoda alternativa ás relixións tradicionais, e tan imposible de rebater como estas, para que negalo.

Por todo isto, e para axudar a seres tan erráticos desde o punto de vista espiritual, desde hoxe este blog proclama a súa crenza (en caso de ser necesario ter algunha) no FSM, e xa que o tema do estado laico vai ter que esperar, de momento anima ós seus lectores a unirse a esta noble causa de loita contra a pseudociencia e o fanatismo relixioso.

Para que non haxa dúbidas, aquí queda un razoamento xustificando esta nova fe:
"Pódese imaxinar o ser máis grande (do que non se poida imaxinar un máis grande). Si non existe un ser a partir do cal non se poida imaxinar un máis grande, de todos modos poderíase imaxinar un máis grande que ese ser do cal non se podía imaxinar un máis grande (ou sexa, un ser a partir do cal realmente xa non se poida imaxinar un máis grande). Non é posible imaxinar un ser máis grande que un ser do cal xa no es posible imaxinar un máis grande. Polo tanto, existe un ser do que non se pode imaxinar un máis grande. Se ese ser non ten un Apéndice Tallarinesco, entonces poderíase imaxinar un ser máis grande que ese ser: un que tivera un Apéndice Tallarinesco. Polo tanto, o ser do que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco. Polo tanto, o ser do que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco e existe. Polo tanto, o Monstro de Espagueti Voador existe. Polo tanto, o Monstro de Espagueti Voador é todopoderoso."

Ramén!

Recomendacións:

"Fue la primera vez en mi vida que me acosté en una cama. Cuántas veces había soñado con ello en las frías noches de invierno, cuando me revolvía, con los dientes castañeteando sobre la paja húmeda. Pero ahora tampoco me sentía feliz en ese lecho. En aquel mullido abrigadero comprendí enseguida que mis planes de fuga se esfumaban, porque... ¿adónde iba a ir en pleno invierno, cuando no tenía nada ni a nadie en el mundo, ni siquiera unos calzoncillos desgastados? No obstante toda mi hombría, un agua salada empezo a brotarme de los ojos y me dormí como un bebé que concilia el sueño entre sollozos."
  • Esta pasaxe é do libro que veño de rematar de ler, "Tentación", de János Székely, o que sería a primeira parte dunha triloxía de tintes autobiográficos, que transcorre nos anos 20 do século pasado que nunca chegou a ter segunda nin terceira partes debido á morte do autor. Neste libro cóntasenos a primeira parte da vida, ata os dezasete anos, de Béla R., e as súas peripecias para sobrevivir á miseria na Hungría do período entre as dúas guerras mundiais.
  • E como hoxe estamos de aniversario blogueiro, tiramos a casa pola ventá e deixo aquí unha segunda recomendación, neste caso musical, dunha banda, Kula Shaker, que tamén adornou o seu disco de debut con un interese pola cultura india e a súa espiritualidade. Aquí queda o primeiro tema do álbum: "Hey Dude".


No hay comentarios: