26/8/10

479. Todo un pura sangue


O adulto que corresponde ó neno da foto pasou á historia con letras maiúsculas como un dos grandes monstros que puxeron o mundo en perigo, baseando a súa ideoloxía nunha mestura de patriotismo exacerbado e darwinismo social malentendido que expresou no libro "Mein Kampf". Unha das cousas que Adolf Hitler, en iso dexenerou o neno da foto, tiña como consigna era a pureza racial, o que xunto a outros prexuízos convenientemente manipulados serviu para a toma do poder na Alemaña de entreguerras, un país profundamente humillado despois da Gran Guerra e inmerso na crise económica mundial, o que levou ó ascenso imparable do nazismo... pero iso é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, que diría Michael Ende.

Como dicía, en 1935, durante o congreso do Partido Nazi en Nuremberg, apróbanse as Nürnberger Gesetze, leis de alto contido antisemita, nas cales se establecían unhas normas de "pureza racial" para distinguir ós xudeus dos "alemáns puros". O que Hitler non sabía, ou tal vez si, con este tipo de xentuza nunca se sabe e non hai máis que ver as fotos dos dirixentes nazis para comprobar canto se parecían a maioría deles ó ideal ario, era o que acaban de desvelar un periodista e un historiador, ambos belgas, é que tal vez o propio Hitler non tería superado os seus filtros raciais. O que se desprende das investigacións de Marc Vermeeren e Jean-Paul Mulders, tras emprender unha busca de familiares do tirano e atopar a trinta e nove deles, incluso a un primo, utilizando mostras de ADN e análises xenéticas, é que posúen un rasgo xenético moi pouco corrente na Europa Occidental, pero pola contra, moi frecuente en pobos norteafricanos e nos xudeus, o que fai pensar que a pretendida pureza racial de Hitler non era tal. Todo isto enlaza coa hipótese, xa lanzada anteriormente, sobre a ilexitimidade do pai de Hitler, Alois, como posible froito dunha relación entre a avoa do ditador e un mozo xudeu, Leopold Frankenberger, na casa do cal traballaba a nai de Alois.

Isto faría que o propio Hitler fose un mischlinge (mestizo) segundo as leis de Nuremberg, o que confirmaría unha vez máis ó longo da historia a relación entre poder e hipocresía, cando non directamente engano. Triste ironía que o responsable último da Endlösung para os xudeus, que de paso levou por diante a enfermos mentais, xitanos, homosexuais e a todos aqueles se apartaban dos canons do ideario nacionalsocialista fose un firme candidato a morrer nos campos de exterminio do seu propio réxime.

Recomendación:

A propósito deste tema, estiven lendo estes días un ladrillo de case mil páxinas e letra non moi grande titulado "Las benévolas", novela do estadounidense Jonathan Littell, na que Max Aue, un ficticio ex-oficial das SS, nos vai contando en primeira persoa e anos despois de ter pasado todo a súa peripecia vital durante a guerra, incluíndo a súa participación en matanzas de xudeus, prisioneiros dos países invadidos, e o seu traballo que o fixo participar en aspectos de organización dos campos de exterminio. Dura e contundente, pero tamén interesante, tanto pola historia do protagonista como pola narración que nos fai do contexto no se desenvolve a acción.


No hay comentarios: