31/8/10

491. Outro tipo raro


Nun dos posts deste último mes describía a Paul Erdös como tipo raro, e hoxe traio a outro matemático, o que de por si non significa nada, xa que, por exemplo, Ed Gein e Jeffrey Dahmer eran uns tipos moito máis raros do que está tratando o blog e non eran matemáticos, nin siquiera físicos. Iso si, daban moito máis medo, incluso máis que o primeiro da serie de matemáticos raros.

Se Erdös era un tipo peculiar, o noso invitado de hoxe, co aspecto que presenta na foto ou outro, quen sabe, porque non se deixa ver desde 2007, aínda que non creo que asista, é Grigori Perelman (non confundir co gran divulgador científico Yakov Perelman), matemático ruso nacido en San Petersburgo en 1966. Perelman saltou ós medios de comunicación non especializados cando en 2006, no Congreso Internacional de Matemáticas celebrado en Madrid, non se presentou a recoller a Medalla Fields, galardón equiparable no mundo das matemáticas a un Premio Nobel.

O feito, xa sorprendente polo recoñecemento que supón, e aínda máis dada a dificultade de obter o premio xa que o citado congreso celébrase só cada catro anos e os premiados deben ser menores de 40 anos no momento de entregar o premio, e máis aínda se lle sumamos o motivo do premio que foi ter resolto nada menos que a Conxectura de Poincaré, problema que levaba proposto desde 1904 sen solución ata ese momento. (Por certo, este blog e o seu responsable néganse a facer calquera aclaración sobre o tema. A sabedoría do autor ten límites, por estraño que vos resulte).
Algo notable a ter en conta é que resolve este problema como parte da resolución de algo máis amplo, a conxectura da xeometrización de Thurston, problema que entraría en cuestións tan prácticas como a posible forma do universo.

Para os que coñecen a Perelman, todo isto non é demasiado raro, dada a súa actitude contraria a toda notoriedade mediática. De feito chegou a afirmar este ano: “Non quero estar en exposición como un animal nun zoolóxico. Non son un heroe das matemáticas. Nin siquiera son tan exitoso. Por iso non quero que todo o mundo estea mirando para min”. Hai quen di tamén que a frase pode ser unha velada referencia ós dous matemáticos chineses que intentaron apropiarse no seu momento da autoría do descubrimento, pero de momento non o saberemos, xa que o noso protagonista volveu a facer historia ó non presentarse o mes pasado en París a recoller o premio que concede o Clay Mathematics Institute pola resolución dun dos chamados Sete problemas do Milenio (deixo o enlace por se queredes probar sorte, aínda quedan seis), o citado anteriormente da conxectura de Poincaré. Por intentalo non foi, xa que o presidente da Unión Matemática Internacional viaxou a San Petersburgo para tratar de convencelo de que aceptase o premio. O propio Perelman resumía así a entrevista:

"El propúxome tres alternativas:
1) aceptalo e ir París;
2) aceptalo e non ir, e eles mandaríanme a medalla posteriormente;
3) non aceptar o premio.
Desde o principio, díxenlle que elixía a terceira… [o premio] é absolutamente irrelevante para min. Cando todo o mundo entenda que a demostración é correcta, entón non será necesario ningún outro recoñecemento”.


Desta vez, o motivo da notoriedade xa non foi a súa ausencia, senón que o premio que quedou sen recoller ascende a nada menos que a un millón de dólares. As especulacións nos días previos foron constantes, contándose que a súa resposta, a través da porta do seu pequeno apartamento, foi que non tiña necesidades, algo que parecen contradicir os seus veciños, que din que vive coa súa nai e da súa pensión e do que saca dando clases particulares de matemáticas, xa que abandonou o seu traballo no Instituto Steklov en 2003. Outras das especulacións é que segue traballando pola súa conta e incluso que estaría traballando nunha hipotética demostración matemática da existencia de Deus, o que sen dúbida lle daría a ocasión de rexeitar tamén o premio Templeton. Pero a espera de saber se isto son simples lendas urbanas ou algo máis, deberemos limitarnos a admirar a xenialidade deste ruso, do que se afirma incluso ter o CI máis alto nunca rexistrado. O que non é especulación ningunha é que Perelman segue escondido para o mundo e que teremos que conformarnos con respectar esta elección súa, o que de paso continuará alimentando o misterio que o envolve.

Recomendación:

Tamén relacionado coas matemáticas, neste caso como unha das bandas emblemáticas do chamado math rock, Don Caballero e o tema "For respect", primeiro do seu álbum de debut co mesmo título.


No hay comentarios: